Conferencias sobre música e liturxia

 Na terceira edición do Curso de Música Litúrxica que organizan a Delegación de Liturxia de Diocese de Lugo e o Centro Eucarístico Lucense, incluíronse 3 conferencias:

 O 4 de xullo, o Delegado de Liturxia, José Antonio Ferreiro Varela, falou da música ao servizo da participación activa nas celebracións litúrxicas para dar gloria a Deus e para a santificación das persoas. E explicou que a música non é un elemento engadido sen máis, senón que forma parte integral da acción litúrxica.

 O 5 de xullo o responsable do Departamento de Música do Secretariado da Conferencia Episcopal Española, Óscar Valado Domínguez, falou das características da música litúrxica, como nola presenta o Maxisterio da Igrexa e como se pode poñer en práctica nas parroquias e comunidades atendendo aos grados de participación dos fieis que propón a Instrución Musicam Sacram

E o 6 de xullo, o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco comezou establecendo o marco que permite comprender a música sacra apelando a Von Balthasar: a arte verdadeira fai posible adiviñar o divino en canto que a arte desexa apropiarse do infinito para traelo ao mundo propio.

 Outro texto de interese é o inicio da I Carta de Xoán (“O que pasou desde o comezo, o que temos oído, o que teñen visto os nosos ollos, o que contemplamos nós e palparon as nosas mans, a saber, a Palabra que é a vida…”) porque tamén vén ser unha declaración programática en favor das posibilidades da arte.

Non é o mesmo dicir “Ten piedade, Señor” que cantalo ben, pois neste último caso resoa máis profundamente a petición, e noutros momentos o que resoe máis será a loanza do pobo, a conmoción…

Para Mons. Alfonso Carrasco, o  “Mesías” de Haendel expresa un gozo que non se pode facer desaparecer (hai guerras, revolucións… pero aí segue esa composición musical marabillando a quen a escoita). Un  exemplo máis, noutro nivel, é “Pescador de hombres”, que se canta con inmensa devoción por todo o mundo.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: