Nadal en Teixeiro

Hai acontecementos que, pola súa grandeza e creatividade, ben merece a pena que sexan coñecidos. E con moita máis razón se eses acontecementos parten da iniciativa popular, da ilusión duns veciños cargados de esperanza e coas pretensións propias de desexar facer o ben, congregar as familias, e contribuír a unha sociedade mellor e máis feliz.

A festa do Día da Sagrada Familia celebrada o 28 de decembro na Igrexa de España e, na Diocese de Lugo, na pequena parroquia rural de Santa María de Teixeiro, é un froito maduro da unión e da colaboración da parroquia citada, e tamén, das de Santa Eulalia de Dumpín e de San Pedro de Arcos.

Contan que, o actual párroco, don Gerardo Sampayo, ía constatando, paseniñamente, e con moito desgasto, a desestructuración dalgunhas familias na bisbarra, e as dramáticas consecuencias ético-sociais, psicolóxicas e económicas que conleva. Tamén é verdade que este problema pódese extrapolar, por desgracia, a outros lugares e bisbarras de España. Consciente, o párroco e os fegreses, de que con lamentos non se arranxa nada, hai un ano, decidiron entronizar a imaxe da Sagrada Familia en Santa María de Teixeiro. Para esta celebración invitaron ao Bispo, celebraron a Eucaristía, e fixeron unha festa de fraternidade. Todo un símbolo e unha homenaxe ás parellas e ás familias que son capaces, ano tras ano, de amarse de verdade, conservar a fidelidade e a paz, evitar calquera conflito e educar serenamente e con paciencia aos seus fillos.

O día vinteoito a festa engrandeceuse en concorrencia e celebracións. Contou co apoio dos alcaldes da zona, do señor alcalde de Lugo, coa presenza do Cardeal Emérito de Madrid, Monseñor don Antonio María Rouco Varela, e coa dos bispos de Lugo e Mondoñedo. Xa sei, dirán algúns, que estes acontecementos son coma foguetes que leva o vento: «pasou o día, pasou a romería», pero a vida, a felicidade das persoas, e as cousas grandes como son os proxectosda familia, construénse día a día, con actitudes e feitos pequeniños que son capaces de engradecer espiritualmente e de encher de sentido a `igrexa doméstica’, a célula básica de toda sociedade, que sostén, garante e fai posible a existencia de países civilizados, estables, felices e grandes. A crise que estamos pasando, sopórtase, sen dúbida, grazas á fortaleza e á solidariedade de moita xente e das familias. ‘

Teixeiro, lugar de encontro, de convivencia, de xuntanza, de paz… de futuro. Ogallá que en moitos lugares da terra se honre axeitadamente ás familias, á vida, e á felicidade.

J. Mario Vázquez Carballo,

Vicario xeral

Festa da Sagrada Familia

Festa da familia

O día 28 a partir das 11h a parroquia de Santa María de Teixeiro acolleu a celebración da Familia. Os actos foron os seguintes:

  • Conferencia de Elena Otero-Novas, avogada do Estado

  • Coloquio sobre a familia, con Alejandro Fernández Pumariño, avogado, e Mariano Castiñeira Vilaseca, médico

  • Eucaristía presidida polo cardeal D. Antonio Mª Rouco Varela. Intervención musical do Orfeón Lucense

  • Concerto de Nadal a cargo da Banda de Vilalba

Seminario sobre a familia na Sagrada Escritura

O Seminario “Volver ao principio. Matrimonio e familia na Sagrada Escritura” está organizado polas dioceses galegas na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago de Compostela o 20 de decembro 2014 de 9.45 a 20.15h. Forma parte do Curso de Formación en matrimonio e familia, pero trátase dunha sesión aberta.

O guión-esquema a seguir durante a xornada é o seguinte:

1. O comezo dun longo camiño (Matrimonio no AT)

2. A plenitude: ensino de Jesús sobre o matrimonio (Evanxeos)

3. As testemuñas da plenitude: Paulo e Apocalipse de Xoán

O relator é o profesor Luís Sánchez Navarro, DCJM, Catedrático de Novo Testamento na Universidade Eclesiástica San Dámaso.

Actos de Nadal en parroquias da Diocese

Na praza da Igrexa, en Silleda, os días os días 19, 20 e 21 instálase unha carpa onde se poderán adquirir doces, licores, mel e produtos artesanais.

En Lugo é o Grupo de Maiores da parroquia de Santiago A Nova organiza a Campaña “Doce Nadal”. Na Sancristía vella da igrexa, haberá repostería, produtos ecolóxicos, donativos, etc. co fin de que no próximo Nadal os irmáns máis necesitados teñan na súa mesa o reflexo e a calor da solidariedade dos seus veciños. Recollida de artigos, exposición e venda os días 19, 20 e 21 de 10 a 14 e de 16 a 21:30 h

Na parroquia San Antonio de Padua (Lugo) o grupo Vida Ascendente organiza os días 20 e 21 “Doce Nadal”. Exposición e venda de postres caseiros feitos por fregueses.

Pregón de Nadal na parroquia de San Clodio de Ribas de Sil o sábado día 20 ás 18h. Pregoeiro: Jesús Manuel Santiago, Delegado de Misións.

En Meira, os obxetos elaborados nos obradoiros de artesanía que organizou a Confraría Nosa Señora do Pedregal os dous últimos domingos, xunto con moitos máis artículos, poñeranse a venda o día 21 na Feira de Meira. O que se recaude destinarase a Cáritas parroquial

Na igrexa de Santa María da Ermida (Quiroga) actúa o día 21 de decembro ás 17:30h a Schola Gregoriana Lucensis.  

A %d blogueros les gusta esto: