Santa Misa Crismal o Mércores Santo

O mércores 4 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Carrasco Rouco, preside a Misa Crismal, na que concelebran os sacerdotes da Diocese.

Nesta celebración, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, bendinse os óleos que despois se reparten ás parroquias da Diocese para a administración dos sacramentos ao longo do ano: o óleo dos catecúmenos, o dos enfermos e o santo crisma.

Co santo crisma consagrado polo Bispo serán unxidos os  bautizados, os confirmados, as mans dos presbíteros, a cabeza dos Bispos e a igrexa e os altares na súa dedicación. Co óleo dos catecúmenos, estes prepáranse para o Bautismo. Co óleo dos enfermos, reciben o alivio na súa debilidade.

Celebración do Domingo de Ramos na cidade de Lugo

O Domingo de Ramos comezou no centro da cidade de Lugo pola mañá cunha multitudinaria bendición de ramos na praza de Santa María, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén e a Eucaristía.

Pola tarde, a Virxe das Dores (na imaxe) foi levada en andas por corenta confrades, ataviados cunha ampla túnica e capuz negros, e no peito o escudo co Corazón da Virxe das Dores bordado sobre branco, faixa vermella, luvas brancas e capa branca coa cruz dos Cabaleiros do Santo Sepulcro ó lado esquerdo.

Estivo acompañada pola Banda de Música de Guntín, que interpretou a súa saída a Marcha Procesional “Dolor, toma mi mano” composta para esta Virxe polo seu Director D. Manuel Yáñez. Seguindo a tradición da Semana Maior, un nutrido número de mulleres ataviadas con mantilla, escoltaron este Paso. Organiza esta procesión a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima.

Celebración penitencial na Catedral de Lugo

O 28 de marzo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, preside unha celebración penitencial na Catedral ás 19 h.

A Coresma é un tempo de renovación bautismal e penitencial. Entre as iniciativas e prácticas coresmais sobresae a penitencia como celebración da misericordia infinita de Deus.

O camiño da conversión, seguimento e renovación na fe é persoal pero tamén comunitario. Por iso, convídase a todos os fieis a participar nesta celebración do sacramento da confesión.

Retiro de preparación á Pascua para xente nova

A Coresma é un camiño de preparación que merece a pena. Facer ese camiño en grupo é máis doado. Por iso, Renovación Carismática organiza un retiro de preparación á Pascua para persoas entre 13 e 35 anos, e moitas ganas de ser feliz. Será do 30 de marzo (ás 18 horas) ao 2 de abril de 2012 pola mañá en Lugo, na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais, situada en Bispo Ona de Echave, 14.

O prezo é de 100 euros e inclúe todos os gastos de aloxamento e manutención. Antes de facer o ingreso comprobar que haxa prazas. O prazo de inscrición finaliza o 25 de marzo.

Curso de Cristiandade na Casa de Exercicios de Lugo

Do 23 ao 25 de marzo celébrase un Curso de Cristiandade na Casa de Exercicios de Lugo.

Na Diocese de Lugo está a relanzarse este movemento, que suscita e afirma a conversión e a adhesión ao Reino de Deus. Contribúe eficazmente a un novo coñecemento de Cristo, de nós mesmos e do mundo… Cursiños de Cristiandade axudad a que a persoa descubra a súa vocación e quede convencida da alegría de vivir e testemuñar en comunidade a fe, a graza, a oración, a caridade e o apostolado.

 

A %d blogueros les gusta esto: