Exposición temporal “Os rostros dos santos”

 Até o día 8 de xaneiro de 2024 no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo permanece a exposición temporal “Os rostros dos santos” que presenta, de forma inédita, unha colección de esculturas de santos e santas procedentes de diversas zonas da Diocese de Lugo, estando salvagardadas de forma habitual nos depósitos do museo.
Destaca a escultura de Eva realizada por Cornielles de Holanda na primeira metade do século XVI e que supón unha das xoias do Renacemento na Diocese de Lugo. Esta imaxe de Eva, de gran tamaño, pertence ao antigo retablo da Capela Maior, sendo sacada del na década dos 90 do século pasado, momento no que se restaurou o retablo.
Outras obras: Santo Andrés (Capela de San Roque), San Antonio (San Martiño de Monte de Meda), San Brais (San Salvador de Insua), Santa Lucía (San Martiño de Caraño), San Eleuterio (Santa María de Teixeiro) ou a magnífica peza do século XVII que supón o San Xoán Bautista de San Xoán da Pena.
Tamén se poden ver varias tallas de virxes dunha destacada beleza e procedentes de parroquias como Santa María de Outeiro ou da lucense Capela de San Roque, completando o catálogo dunha exposición temporal que inclúe tamén a escultura de pedra denominada “Dona do Conde de Vilas Boas”, peza doada por este conde en 1918.
Entre as actividades propostas para este evento organízanse visitas co comisario da exposición e director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, todos os luns, mércores e venres ás 12 do mediodía.
A entrada á exposición ou a participación nas visitas antes citadas non conleva un aumento do prezo con respecto ao habitual da entrada ao Museo Diocesano Catedralicio de Lugo.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: