Fabrizio Carlo Ferretti peregrina polo Camiño Primitivo e prepara a súa ordenación

Fabrizio Carlo Ferretti Zañartu é un mozo chileno dunha familia de ascendencia italiana. Durante os últimos meses estivo exercendo o diaconado (en tránsito ao sacerdocio) coa súa comunidade Emmanuel nunha parroquia en Marsella. Ao terminar ese tempo de misión quixo cumprir un gran desexo que tiña: facer o Camiño de Santiago antes de volver a Chile e sobre todo para preparar a súa ordenación.

Fabrizio conta que coñeceu o Camiño de Santiago por ver unhas 3 películas sobre o tema e polas redes sociais. E o que lle chama a atención é “a espiritualidade que está detrás dos peregrinos que levan facendo durante tanto tempo esta peregrinación e como a historia da Igrexa vaise cimentando en todo iso”.

Como a idea de Fabrizio é a de facer un retiro durante este tempo de silencio, de oración, de preparación, elixiu o Camiño Primitivo, pois dixéronlle que estaba menos concorrido, ao ser máis complexo.

“Empecei o 1 de agosto en Oviedo. Os primeiros días foron moi gratos, despois resultaron complexos desde o punto de vista físico, pero a verdade é que non vou correndo e o Señor dá o espazo e a graza, polo que se fai moi levadío. A miña idea é adicar tempo ao silencio, ademais de apreciar a bondade e a beleza da creación, que leven o meu corazón á oración. Foi moito máis do que esperaba: un encontro precioso co Señor”.

Experiencias concretas vividas:

“Unha das cousas que lle pedía ao Señor era poder participar na Misa todos os días. Só dous días non foi posible. En Grandas de Salime, por exemplo, os sacerdotes acolléronme moi ben: tiven conversacións sobre a vida do ministerio con 3 sacerdotes: Alan, Diego e César. Todos os días atopo persoas de distintas nacionalidades e idiomas, coas que falar do Señor. É unha graza moi fermosa, que me pide estar atento, dispoñible a escoitar, a ir máis lento ou máis rápido para ter un encontro coa outra persoa e falar do Señor”.

E como conclusión:

“No Camiño gran parte do traballo que pode facer o Señor vese máis potenciado se os irmáns que están no Camiño ofrecen un sorriso, unha bendición, unha axuda. En fin, é un chamamento a quen lea isto para que diga “Bo camiño”, “recibe a bendición de Deus”, ofreza un vaso de auga… para que o Señor siga traballando no corazón das persoas”.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: