Fin de ano – aninovo

Aínda estamos en novembro. Pero o Ano Litúrxico termina e xa comezamos outro. Poderiamos pensar que estamos celebrando sempre o mesmo, como unha especie de espiral repetitiva da que nunca conseguimos saír. Pero non é así. En realidade celebrámolo cada vez dunha forma nova e cada ano máis preto de Xesucristo, ou, polo menos, así debe ser: cada ano máis santos.

O Ano Litúrxico é a celebración de todos os misterios da vida de Xesucristo e todas as súas etapas, desde o nacemento ata o envío do Espírito Santo.

Consta de 3 grandes momentos: nacemento de Xesucristo (Nadal), o tempo da predicación da boa nova co anuncio do Reino de Deus (Tempo Ordinario) e Paixón-Morte-Resurreción (Semana Santa e Pascua). Aos dous grandes acontecementos do Nadal e a Pascua precédenlles senllos tempos de preparación: Advento e Coresma, respectivamente. Ademais, están todas as festas da Virxe María e dos santos distribuídas durante todo o ano.

Coñecemos ben o ano civil, escolar, xudicial, deportivo etc. e tamén existe o ano cristián ou litúrxico. Comeza co primeiro domingo de Advento e termina o día de Cristo Rei do Universo, normalmente a finais de novembro, dependendo do día que coincida Nadal.

Celebrar o Ano Litúrxico sempre é unha nova oportunidade de conversión e de dar pasos no camiño de configuración con Cristo. Celebrando os misterios da súa vida e escoitando a súa Palabra El vai transformando a nosa vida. Cada día deste novo ano será un don de Deus ata que un día nos atopemos con El cara a cara e posuamos todo o tempo e toda a inmensidade de Deus no ceo.

Celebrar o Ano Litúrxico é facer presente o Reino de Deus na terra. Un reino xa comezado porque o Rei da Gloria dignouse vir a inauguralo para que xa podamos gozalo desde agora. Celebrar o ano litúrxico é anunciar e facer realidade xa desde agora a novidade do ceo e lograr que todos-todos podamos vivir xa no ano de graza do Señor.

Celebrar o Ano Litúrxico é celebrar que Xesucristo é o centro da historia e da nosa vida, porque todo vira en torno a El e todo se fundamenta nel.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: