Galicia, exportadora de valores

Galicia sempre foi terra de sabios e de santos. Querería consignalos a todos nestas breves liñas, pero a limitación de espazo só me permite lembrar a uns poucos, tendo que silenciar a outros moitos.

Na rica haxiografía da nosa terra figuran os nomes do ourensán Sebastián de Aparicio, que desenvolveu o seu labor misioneiro en terras americanas. O, tamén ourensán, Francisco Blanco, misioneiro en Filipinas e Xapón. Pedro Vázquez, dominico, natural de Verín, que despois de penoso cativerio no cárcere, morreu queimado en Sacobata. Juan de Buenaventura, natural de Tui, misioneiro no Xapón, que preferiu ser queimado vivo, antes que claudicar da súa fe cristiá. Juan Jacobo Fernández, que partiu para Terra Santa, e en Damasco sufriu o martirio a mans dos turcos. Juan Vivero, apóstolo no Perú. O lucense Teodoro Quirós e Frei Jerónimo de Ulloa, coruñés, misioneiro exemplar en terras de Cabagán e Tuburao. E o betanceiro, Pedro de Santa María de Ullos, que percorreu os inmensos territorios de América e África

A historia dinos que Galicia foi sempre terra de sabios, de Apóstolos e de mártires. Con todo, os investigadores galegos, xustamente reiterativos no recordo das figuras eminentes da ciencia, da arte e mesmo do deporte, con frecuencia silencian os nomes dos nosos heroes ao servizo do Evanxeo. Este é o noso pecado. Pecado contra a historia, se descoñecemos os nomes de quen o deron todo en favor dos máis necesitados. E pecado contra a xerarquía de valores, se infravaloramos o heroísmo dos que propagaron os valores prioritarios do ser humano, máis aló das nosas fronteiras.

Cando por todos os medios procúrase promocionar outros valores da terra e dar a coñecer a outros fillos ilustres dos nosos pobos, é inexplicable que deixemos caer no esquecemento a personaxes tan eminentes como o noso san José Mª Díaz Sanjurjo, cuxa festa celebramos hoxe 20 de xullo. Da súa universalidade fálannos os 20.000 quilómetros que separan o seu berce da súa tumba: Lugo e Vietnam. Naceu en Sta. Eulalia de Suegos, unha parroquia rural da nosa Diocese, o 25 de outubro de 1818 e foi bautizado ao día seguinte na igrexa do seu pobo. Aos 10 anos comezou os seus estudos na pasantía de don Manuel José Domínguez, profesor do Seminario e destacado latinista. No curso 1.831-32, ingresou no Seminario Conciliar, onde cursou os estudos de filosofía, de cuxa disciplina tivo como profesor, entre outros, ao P. García Gil, que máis tarde sería Arcebispo de Zaragoza, e Cardeal da Santa Igrexa.

Lugo tivo moitos fillos ilustres; entre eles, san José Mª Díaz Sanjurjo brilla con luz propia pola súa virtude e ciencia: Doutor en ambos os dereitos, autor dun tratado de Dereito Natural, Profesor Universitario en Manila, Misioneiro do Tonquin (hoxe Vietnam), Bispo de Platea aos 30 anos e mártir de Cristo aos 38. É un lucense que o deixou todo para darse completamente a todos. Este mozo lucense amaba a súa terra, amaba á súa familia, presentábaselle un futuro esperanzador: podería triunfar na vida, pero contemplou o panorama idolátrico do extremo Oriente e díxose: que lles pasará aos habitantes do Vietnam, se eu mantéñome na miña patria? E tomou a decisión de ir a vivir con eles, disposto a morrer por eles. E todo ocorreu así: conviviu algún tempo con aquelas xentes; deulles o mellor de si mesmo, abríndolles camiños de esperanza temporal e eterna… e aos 38 anos de idade, o seu sangue martirial fecundó evanxélicamente as terras vietnamitas, pedíndolle ao Señor que aquelas xentes nunca esquecesen os ensinos que lles transmitira con tanto ardor como testemuña do Evanxeo.

Así foi o noso santo: ben merece o noso aprecio e a nosa estima. Pois procuremos imitalo, xa que no ceo aínda quedan moitas prazas libres.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: