Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

O sábado 22 de maio ás 20:30 h na parroquia de San Francisco Xavier (Lugo) celébrase a Vixilia de Pentecoste. Tratará de recoller dun xeito oracional e vivencial o camiño formativo coa Fratelli Tutti que organiza a Delegación de Apostolado Segrar de Lugo. Desde hai varias semanas a devandita Delegación vén realizando un itinerario de formación desde a Fratelli Tutti vista desde 5 claves: chamada a vivir o modelo do BO SAMARITANO; crear un modelo económico onde se busque o ben común; migrantes, un corazón aberto ao mundo; un mundo sen guerra; e diálogo e reconciliación.

Na celebración do Día do Apostolado de Segrar e da Acción Católica búscase que as mensaxes de Fratelli Tutti impulsen ao mundo laical da Igrexa que peregrina en Lugo a deixarse mover pola forza do Espírito Santo que sempre arrasa os medos e fortalece o servizo fraterno. Facer vida tendo en conta que “os soños se constrúen xuntos” desde unha Igrexa sinodal.

[Materiais]

Xornada Mundial das Comunicacións Sociais

O domingo 16 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, celébrase a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Na Mensaxe escrita para a ocasión, o Papa Francisco inspírase na invitación de Xesús aos discípulos “Vide e veredes” (Xn 1,46), e insiste en «comunicar atopando ás persoas onde están e como son».

O Papa advirte que se corre o risco de contar a pandemia, do mesmo xeito que todas as crises, «só cos ollos do mundo máis rico», de levar unha «dobre contabilidade». O pontífice advirte do risco dunha información sempre igual, exhortando a ir «onde ninguén vai». Anima a porse en marcha con paixón e curiosidade, de saír «da cómoda presunción do xa coñecido».

[Subsidio litúrxico]

15 de maio, Día do mundo rural

Os Movementos Rurais Cristiáns, desde a súa opción por seguir a Xesucristo, apoiándose no Maxisterio Social da Igrexa, reflexiona sobre os valores rurais, como o da solidariedade, que neste momento difícil, ven como necesarios para poder acabar co COVID-19.

Desde o material preparado para a celebración deste día, ante un problema tan grande como é unha pandemia ínstase a non deixarse levar polo desánimo, senón ter en conta que sempre se atoparán camiños por onde traballar para paliar os problemas, e para que a vida sexa vivida desde un punto de vista máis humano e máis fraterno.

O domingo 16 ás 9:45 h o “Informativo Diocesano” que se emite en Cope Lugo está adicado a esta temática do mundo rural, sobre a que falan o sacerdote do Páramo, José Manuel Castro Alba e o Vicario de Coordinación Pastoral Luis Manuel Rodríguez.

[Manifesto]

Instituído o ministerio laical de catequista

Desde esta semana queda instituído o ministerio laical de catequista a través da carta apostólica en forma de “motu proprio” Antiquum ministerium do Papa Francisco, cuxo esquema é o seguinte:

1. “O ministerio de catequista atópase xa nos escritos do Novo Testamento”

2. “Recoñécese este servizo como unha expresión concreta do carisma persoal”

3. “Homes e mulleres animados por unha gran fe e auténticas testemuñas de santidade que, nalgúns casos, foron ademais fundadores de Igrexas e chegaron mesmo a dar a súa vida”

4. “O rico ensino do Concilio Vaticano II impulsa unha notable renovación da catequese”

5. “Fidelidade ao pasado e responsabilidade polo presente son as condicións indispensables para que a Igrexa poida levar a cabo a súa misión no mundo”

6. “O catequista é ao mesmo tempo testemuña da fe, mestre e mistagogo, acompañante e pedagogo que ensina en nome da Igrexa”

7. “O ministerio laical de catequista dá maior énfase ao compromiso misioneiro, sen caer en ningunha expresión de clericalización”

8. “Requírese que estean dispostos a exercer o ministerio onde sexa necesario, e animados por un verdadeiro entusiasmo apostólico”

[Ler carta apostólica do Papa]

Xornada Mundial da Educación Católica

O 13 de maio celébrase a Xornada Mundial da Educación Católica, promovida por institucións educativas católicas. Foi instituída no Congreso da OIEC – Office International de l’Enseignement Catholique (Brasília, 2002), para chamar a atención sobre a contribución que as institucións educativas poden ofrecer ao desenvolvemento global e á promoción dunha cultura de paz e fraternidade.

No contexto do Pacto global para a educación promovido polo Papa, a OIEC, relanza esta Xornada en colaboración con outras organizacións educativas.

O obxectivo da Xornada Mundial da Educación Católica é facer presente a educación católica na pregaria, agradecendo o compromiso dos educadores e buscando facer coñecer mellor a tarefa educativa tan importante que desenvolven as institucións católicas no mundo. Trátase de reflexionar, recoñecer e celebrar a educación católica como signo de esperanza.

A %d blogueros les gusta esto: