Xornada contra a trata de persoas

O 8 de febreiro, festa de santa Xosefina Bakhita -a relixiosa canosiana sudanesa que de nena viviu a dramática experiencia de ser vítima de trata e foi declarada santa en 2000-, celébrase en todo o mundo a terceira Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. A primeira edición da Xornada Mundial celebrouse o 8 de febreiro de 2015, por vontade do Papa Francisco.

Esta edición de 2017 introduce un elemento novo, co fin de equilibrar a proposta de oración e de reflexión centrándose nun aspecto específico do vasto e complexo mundo da trata de persoas: a trataa de nenas, nenos e adolescentes, co lema “Son nenos!, Non escravos!”.

Alento a cantos están comprometidos a axudar a homes, mulleres e nenos escravizados, explotados e abusados como instrumentos de traballo ou pracer, e a miúdo torturados e mutilados. Desexo que cantos teñen responsabilidades de goberno tomen decisións para remover as causas desta vergonzosa praga, praga indigna dunha sociedade civil. Que cada un de nós se comprometa a ser voceiro destes irmáns e irmás nosos, humillados na súa dignidade. Invoquemos todos xuntos á Virxe, por eles e polos seus familiares” (Papa Francisco, Angelus 8 febreiro 2015).

Xornada de formación para Servizos Relixiosos Hospitalarios

O luns, 30 de xaneiro, terá lugar na Casa de Exercicios de Santiago a XVIII Xornada rexional de formación para Servizos Relixiosos Hospitalarios e de Residencias. Esta actividade está organizada polas Delegacións de Pastoral da Saúde de Galicia para os capeláns e persoas idóneas que desenvolven a súa actividade pastoral nos devanditos centros.

Horario:

  • 10,00 -10,30: Acollida. Presentación da Xornada e Oración.


  • 11,00 -12,00: Relatorio. Dra. Montserrat Esquerda, Directora do Instituto Borja de Bioética e Delegada de Pastoral da Saúde da Diocese de Lleida.

  • 12,00-12,30: Descanso.

  • 12,30-13,30: Cuestións Prácticas de Bioética. Diálogo

  • 13.30- 14:00: Presentación do material da Campaña do Enfermo e da xornada Nacional de Capeláns

  • 14,00: Comida.

Acto conxunto de ortodoxos, evanxélicos e católicos

Por 4º ano consecutivo, ortodoxos, evanxélicos e católicos da cidade de Lugo fan unha celebración ecuménica. Algo inédito na cidade ata fai poucos anos e que ten unha moi boa acollida entre as comunidades cristiás. Esta celebración prodúcese con motivo da Semana Internacional de Oración pola Unidade dos Cristiáns e baixo o lema: RECONCILIACIÓN. O amor de Cristo aprémanos (2 Cor. 5, 14-20)
Este ano celébrase o 500 aniversario da Reforma Luterana, que marcou a historia da Igrexa occidental. Agora queren superarse as divisións e poñer a énfase en Xesucristo e na súa obra reconciliadora como centro da fe cristiá, e así, tras séculos de mutuas condenas e vilipendios, católicos e luteranos en 2017 lembran por primeira vez de maneira conxunta o comezo da Reforma.
A celebración virará en torno á reconciliación tanto das comunidades cristiás como dos ambientes cotiáns. Recordarase a importancia de ser axentes de reconciliación onde se vaia, misión impulsada por Xesús de Nazaret e que é necesario no noso mundo actual, que necesita ser sanado nalgunhas facetas. Isto ademais non é algo que se traballe nin difunda en case ningún sitio, pero que é fundamental para o desenvolvemento harmónico da nosa sociedade e o noso crecemento como seres humanos.
A celebración, á que se invita a todos cantos esta noticia lles mova un pouco o corazón, ou aos que simplemente sintan curiosidade, será na Parroquia de Santiago a Nova o domingo 29 ás 17:30 hs. Seguidamente, a comunidade evanxélica invita a un chocolate nas súas instalacións da R/ Emilia Pardo Bazán, en San Roque.

[Máis información]

Xornada mundial do emigrante e do refuxiado

O lema deste ano é «Emigrantes menores de idade, vulnerables e sen voz»

O Papa Francisco chama a atención sobre a realidade dos emigrantes menores de idade, “especialmente os que están sós, instando a todos a facerse cargo dos nenos, que se atopan desprotexidos por tres motivos: porque son menores, estranxeiros e indefensos”. O Papa tamén menciona 3 aspectos necesarios para atallar o problema:

1. Cooperación eficaz e eficiente, baseada no intercambio de información e na intensificación de redes de acción. A gran forza das comunidades eclesiais revélase sobre todo cando hai unidade de oración e comuñón na fraternidade.

2. Integración de nenos e mozos emigrantes. Responderase ás necesidades dos menores, cando están sós, pero tamén ás dos seus pais, polo ben de todo o núcleo familiar. Os países de orixe e os de acollida cooperan para eliminar as causas da emigración forzada dos nenos.

3. Abordar nos países de orixe as causas da emigración, acabando cos conflitos e a violencia e garantindo a todos o acceso a un desenvolvemento auténtico que promova o ben dos nenos, esperanza da humanidade.

Dende hai máis de 20 anos Cáritas Lugo leva adiante “Contade connosco”, espazo de acollida á poboación inmigrante e emigrantes retornados. Un traballador social, un avogado e 4 voluntarios acollen a case 200 persoas/ano. Ofrecen orientación social e cívica básica para o seu establecemento, asesoría xurídica… Actualmente trabállanse tamén accións encamiñadas ao achegamento das persoas inmigrantes á sociedade de acollida con cursos de cociña intercultural.

6 xaneiro: Día dos Catequistas Nativos e do IEME


A “Campaña de Epifanía”, como tamén é coñecida, celébrase o 6 de xaneiro, Solemnidade da Epifanía do Señor. Este ano, a Congregación de Evanxelización dos Pobos e o Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME) elixiu o lema: “Servindo en familia á misión”. É un lema que concentra o máis nuclear dunha Igrexa ao servizo do reino nos valores da paz, a xustiza, a verdade, polos que deron a vida tantos e tantos catequistas, dunha Igrexa que quere ser un exemplo de familia co testemuño dos seus líderes.

A Igrexa debe ter conciencia do servizo e tarefa que realizan os líderes das comunidades cristiás, os catequistas en lugares de traballo misioneiro de primeira liña.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: