Deus como antídoto

Sospeito que xa nos estamos acostumando a ver todos os días casos de violencia de todo tipo: de xénero, escolar, abusos sexuais, acoso nas redes sociais, insultos, apoloxía de agresións, etc. E igualmente, tamén nos estamos afacendo ás mostras de repulsa, que case facemos de oficio: unha declaración, un manifesto, un lazo, unha cor, unha pancarta, unha concentración de apoio…

Ata parece que esperamos este tipo de noticias do mesmo xeito que as indicacións do informativo meteorolóxico: “a ver onde chove hoxe” ou “a ver onde asasinan hoxe a outra muller”. Polo mesmo, falamos igual do tempo que dos casos de violencia ou de viños. Todos sabemos de todo e todos opinamos de todo, buscando as causas, pois as consecuencias están á vista.

Con todo, creo que estamos fallando ao apuntar as causas desta espiral de violencia, que segue aumento e que para nada son xa casos illados. Probouse coa „Educación para a cidadanía“, pero non estamos vendo resultados. As campañas de concienciación en favor da paz, a non violencia e o respecto dos dereitos humanos son moi abundantes e, de feito, a sociedade está moi sensibilizada con este tema, pero con demasiada frecuencia temos que presenciar sucesos terribles, nos que o denominador común é a violencia, que terminan coa vida de moitos ao longo do ano.

A miña perspectiva histórica é reducida, só duns 40 anos. Se miramos atrás vemos como a violencia foi aumentando na mesma medida na que descendeu a presenza de Deus na sociedade. Dito doutro xeito, apartamos a Deus das nosas vidas e introduciuse, sen decatarnos, a violencia. Sen Deus impera a lei da selva, que xa sabemos en que consiste: as únicas normas son a da forza e a do propio interese.

A isto teriamos que engadir as descoñecidas consecuencias da ditadura do relativismo e do políticamente correcto.

Termino con dúas citas bíblicas que avalan o título deste artigo.

“Moisés fixo unha serpe de bronce e púxoa sobre un mastro, e se alguén fora mordido por unha serpe, miraba fixamente a serpe de bronce e vivía.“ (Nm 21, 9)

“Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere“. (Xn 3, 14-21)

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada

Imaxe: Elentir

6 de xaneiro, Día dos catequistas nativos

Na solemnidade de Epifanía celébrase a Manifestación do Salvador a todos os pobos. Esta festa é un toque inicial de atención para sacudir a conciencia misioneira, que xorde do bautismo e de ser Igrexa.

A igrexa nos lugares de misión gasta as súas principais enerxías en formar responsables das comunidades (catequistas); reúneos unha ou dúas veces ao ano para capacitalos en cursos e talleres e acompáñaos na súa vida de fe. Eles son cristiáns adultos e exemplo de fe e de vida crente: Catequistas creadores de comunidade!

No cartel desta Xornada Misioneira de Epifanía represéntase unha comunidade reunida e asentada sobre a Palabra de Deus, que lle vai dando forma de corazón, facéndolle sentir que é portadora da tenrurade Deus derramada sobre ela e a envía a derramar ese amor sobre os pequenos e os pobres seguindo a Xesucristo que está entre eles (é á cruz cara á que todos orientan a súa mirada). Esa é a COMUNIDADE cristiá que cada CATEQUISTA esfórzase en CREAR co impulso que vén do Espírito.

[Máis información]

San Manuel González

 Unión Eucarística Reparadora – Marías dos Sagrarios e as Misioneiras Eucarísticas de Nazaret invitan aos fieis de Lugo a participar, na Catedral, na Eucaristía das 20h do 4 de xaneiro, festividade de San Manuel González.

 Con motivo desta festa, traemos aquí a semblanza que fixo José Lebón do santo:

É doado presentar a San Manuel González, “Bispo da Eucaristía”. A súa forte personalidade polifacética: como sacerdote; como fundador; como catequista; como escritor; como heraldo e misioneiro da Eucaristía.

A súa vida e a súa actividade poden condensarse e unificarse nesta frase dun dos biógrafos: ” …móstrasenos como unha perfecta testemuña de Xesucristo, como un acabado modelo de heroica fe eucarística”.

Nestas liñas, sinalemos unhas pequenas notas biográficas, deixando para outro momento outros aspectos interesantes da súa vida.

O 25 de febreiro de 1.877, nace en Sevilla o penúltimo dos cinco fillos que o piadoso matrimonio Martín González Lara e Antonia García Pérez regalan ao mundo. Tres días despois é bautizado na parroquia sevillana de S. Bartolomé e póñenlle os nomes de MANUEL Jesús de la Purísima Concepción, Antonio Félix deb la Santísima Trinidad. Sempre será nomeado co nome de “Manuel”. Agora San Manuel González!!.

En 1886, cando tiña 9 anos recibiu a “Primeira Comuñón” de mans do seu tío Cóengo da Catedral de Sevilla e poucos meses despois a “Confirmación”.

No colexio de San Miguel aprende as primeiras letras e admíteselle como “seise” (“corista” ou cantor da catedral) pola súa afección á música, o seu fino oído e a súa voz vibrante.

Aos 12 anos, en 1889 ingresa no seminario con bolsa para os seus estudos, polas súas boas notas e por ser de familia pobre.

Realizados brillantemente os seus estudos eclesiásticos nos anos 1900 e 1901 recibe todas as “ordes” e o presbiterado de mans do Beato Spinola.

Os primeiros anos da súa vida pastoral dedícaos á cidade de Sevilla (1.901-1905) simultaneando o seu labor coa predicación en varias “misións”. Unha delas en Palomares do Río, onde fortemente impresionado pola soidade e abandono do seu sagrario, é cando toma a firme resolución de dedicar todo o seu sacerdocio a ser apóstolo dos SAGRARIOS ABANDONADOS. El cóntanos dunha forma sinxela e vivencial a súa impresión desoladora

“…Fun dereito ao sagrario…Que Sagrario, Deus meu… alí de xeonllos… vía a un Xesús abandonado, calado, tan paciente, tan desairado, tan bo, que me miraba… naquel intre de Sagrario entrevín para o meu sacerdocio unha ocupación que antes non soñara”.

Ler máis

Busca a paz e corre tras ela

Ao comezo do ano que agora se inicia, experimentamos bos e novos desexos que manifestamos en xestos e palabras. Talvez, un dos bens máis grandes e proveitosos sexa sen dúbida a paz. Por iso, a Igrexa Católica celebra o día primeiro de ano, na oitava do Nadal, a Xornada Mundial da Paz coincidindo coa Natividade de Santa María Nai de Deus a quen os Pais do Concilio de Éfeso aclamaron como Theotokos porque nela a Palabra fíxose carne e dese modo o Príncipe da paz, acampou entre nós.

Nunha sociedade tan problematizada como a nosa, tan convulsa e con frecuencia habitada por complexas e difíciles relacións humanas, a paz debería ser un desexo fundamental e unha tarefa prioritaria. Por iso a Igrexa celebra, a nivel universal, no primeiro día do ano, esta importante xornada. O Salmo 34, de onde está tomado o título deste artigo, é a expresión sincera dun crente que invita a buscar a paz e a conseguila «correndo» tras ela. A análise de textos do Antigo Testamento, especialmente os proféticos, nos que o vocábulo Shalom triunfa (29 veces en Isaías, 31 en Xeremías, 27 nos Salmos) evidencia as características distintivas da paz bíblica, que como don de Deus, non pode confundirse coas paces mundanas fráxiles e ilusorias con frecuencia separadas do compromiso da conversión persoal, da paz interior e sobre todo, da práctica da xustiza cos pobres e os oprimidos. A conexión entre paz e xustiza sublíñase enérxicamente en toda a Biblia ata chegar a definir a paz como obra da xustiza.

Xesús de Nazaret, o Fillo de Deus, Príncipe da paz, fronte ás distintas posibilidades que se lle ofrecían de facer fronte á ocupación romana -a resistencia armada, a adaptación oportunista e a resignación pasiva-, sitúase nunha antítese radical: rexeita decididamente a revolución armada, predica a chegada do Reino de Deus e a necesidade de preparar a súa vinda co cambio de corazón. Pero aínda máis: en lugar de reclamar integristamente a lei literalmente interpretada, defende a primacía do ser humano sobre as normas e radicaliza o mandamento do amor cara ao perdón sen límites e o amor aos inimigos. O carácter pacífico e non violento de Xesús atopa a súa expresión en Mt 5 cando proclama ditosos aos axentes da paz e na súa propia paixón sendo vítima dunha violencia inxusta e atroz que inicia o camiño da vitoria e da non violencia activa co acontecemento da resurrección.

O Papa Francisco, con motivo desta Xornada, recorda dun modo especial a quen sofren pola ausencia da paz. De feito, sufrimos todos cando percibimos como se incita ao odio, cando hai escenas de violencia nos fogares, cando os esposos non se respectan e maltratan, cando pais e fillos insúltanse ou cando no canto de orientar as nosas enerxías na promoción dunha cultura do perdón e a reconciliación, exhíbense nalgúns medios escenas de violencia e de desprezo aos máis débiles sen ningún tipo de pudor. De entre os que máis sofren, o Papa invítanos a mirar aos máis de 250 millóns de migrantes no mundo, dos que 22 millóns e medio son refuxiados. Abrazar a quen foxen da guerra e da fame e acollelos con atención vixiante e comprensiva é responsabilidade dos poderes deste mundo e de cada un de nós se de verdade queremos ser construtores da paz. Ao longo da historia, moitos creron no soño da paz. Hoxe, en moitos fogares e en moitos pobos é posible. E este é o mellor testemuño de que non se trata dunha utopía irrealizable.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Imaxe: cathopic.com

Xubileu dos matrimonios no santuario do Corpiño

 

O Corpiño despediu o 2017 cun día repleto de eventos. Ás 12:00 da mañá arrincaba o Xubileu dos matrimonios, que malia as inclemencias do tempo, reuniu a un gran número de matrimonios, que renovarono seu compromiso nun emotivo acto; ao finalizar cada parella recibiu un detalle.

Logo da Eucaristía das 12:00 h, houbo un concerto de panxoliñas a cargo dos nenos que asisten ao catecismo no Santuario, guiados e ensaiados polo director do coro do Corpiño.

Na Eucaristía das 18:00h, o Delegado Episcopal de Pastoral Familiar, Rvdo. Don Rodrigo Rúa Iglesias (foto esquerda), expuxo o relatorio-catequese “María, mestra da familia”.

O próximo acto terá lugar o mércores, 17 de xaneiro, ás 18:00 h, día de San Antonio Abad, no que serán bendicidos aos animais no adro do Santuario ao finalizar a Eucaristía.

E o domingo 21 de xaneiro, ás 12:00 h, será o Xubileu das persoas que se dedican á protección animal e da natureza.

A %d blogueros les gusta esto: