Xubileu da Música no Corpiño

O domingo 26 celebrarase o Xubileu das persoas que se dedican á música e ao canto. Intervirá o coro de Marín (Po). Ás 12:00 h, hai unha Eucaristía por todas as persoas que pertencen dalgún modo ao mundo da música. Ao terminar impartiráse a bendición a todos os presentes e aos instrumentos musicais.

O día anterior, o sábado 25 ás 18:00 h, amenizará a Eucaristía o coro Castelo de Cira.

Campaña de Mans Unidas “Acende a chama”

Durante a penúltima semana de novembro Mans Unidas promove unha demostración de apoio aos países do Sur. É un xesto consistente en acender unha candea, como símbolo da promesa dun mundo mellor. Calquera persoa pode sumarse a esta acción, con fotos que conteñan unha candea acesa, indicando na medida do posible, algún dato identificativo (cidade, país, organismo).

As fotos subiranse principalmente o día 24 ás redes sociais de Mans Unidas 24 horas poñendo o cancelo #EnciendeTuCompromiso.

En Lugo foi o día 22 de novembro cando se proxectou a película La buena mentira, acendéronse candeas e leuse o manifesto.

[Máis información]

Triduo en honra a Cristo Rei

Na igrexa Santiago A Nova (Lugo) celébrase un triduo de preparación á solemnidade de Cristo Rei os días 23, 24 e 25 de novembro, co seguinte horario:

  • 19:30 h Rezo do Santo Rosario e triduo

  • 20 h Celebración da Eucaristía, que preside o reitor do Seminario, David Varela

1º día: “O Reino de Deus xa está entre vós” (Lc 17, 21)

2º día: Correspondencia: “Ti tes palabras de vida eterna” (Xn 6, 68)

3º día: Seguimento: “Fixéstelo comigo” (Mt 25, 40)

Estes actos están organizados polo Apostolado da Oración

Xornada de Formación de Voluntariado de Cáritas Lugo

Caritas Diocesana de Lugo organiza o 21 de novembro a III Xornada de Formación de Voluntariado, impartida polo profesor do Centro de Humanización da Saúde de Madrid, Roberto Pérez Conejero, e leva por título “A relación de axuda no acompañamento”.

Dará comeza ás 10.30 h, nos locais do Hotel Méndez Núñez, coa presentación a cargo do director de Cáritas Lugo, Ginés F. Plaza Fernández e finalizará sobre as 18:30 h, coa clausura por parte da secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa.

A xornada está dirixida a traballadores e voluntarios de Cáritas Lugo, os que realizan a súa actividade nas cáritas parroquiais e interparroquiais así como nos programas dos servizos xerais.

Os obxecticos son: coñecer o modelo de relación de axuda que favorece o proceso de crecemento persoal, aumentando a competencia relacional e emocional nas relacións interpersoais en xeral, e nas de axuda en particular. Búscase que os voluntarios de Cáritas melloren no seu labor de acompañamento a persoas, para o cal na Xornada se traballarán as actitudes e habilidades pertinentes para ese fin.

Actos en Lalín pola eliminación da violencia contra a muller

Na parroquia Santa María das Dores de Lalín pregarase por tódalas vítimas da violencia contra a muller na Misa das 20h.00 do vindeiro sábado día 25. Ademáis o martes 21 de novembro, colocarase na fachada da igrexa un lazo en lembranza e apoio a tódalas mulleres vítimas da violencia e de condena aos violentos. Este lazo, que permanecerá colgado durante toda esta semana, foi doado por un comercio local.

Segundo o párroco de Lalín, Marcos Torres, “é evidente que a Igrexa está en contra da violencia pero é preciso e moi urxente reiterar, con tódolos medios posibles, que o maltrato é un pecado moi grave. Hai que deixar claro, unha vez máis, que Igrexa Católica é un lugar seguro, unha familia onde calquera vítima atopará respecto e acollida. Oxalá que con estes pequenos xestos, que manifestan unha realidade máis fonda, axudemos a destrozar, dunha vez para sempre, a satánica espiral do silenzo que aínda pesa sobre esta realidade.”

A %d blogueros les gusta esto: