O silencio sobre Deus

Intento atopar referencias concretas sobre Deus nos discursos civís en xeral ou político-sociais en particular. Apenas as encontro. Algunhas, desgraciadamente, aparecen co único desexo de ofender aos crentes e de manipular a linguaxe relixiosa con fins utilitaristas e de poder. É coma se a realidade da existencia europea e española, non tivese nada que ver co relixioso e coa realidade do divino. Nin a antropoloxía, nin a filosofía, nin as referencias bíblicas, nin a cultura, nin a arte, nin a arquitectura, nin a vida cotiá, nin a boa educación, parecen ter nada que ver con Deus para moitos dos nosos contemporáneos. Ás veces dá a impresión de que retornan aqueles emperadores implacables e furibundos que, molestos pola existencia de Alguén que lles transcende, rebélanse contra os que temos a graza de crer, co fin de inxectarnos a súa “insoportable levidade do ser“.

Con todo, a fe nun Deus bo e misericordioso, liberador e sanador, segue viva en Europa, malia eles. Porque Deus está na raíz e no límite de moitas xentes de ben que traballan por un mundo mellor. A presenza do Papa en Lesbos, illa convertida agora nun campo de concentración de refuxiados que foxen da guerra, molesta aos poderosos, porque se atreve a berrarlle ao mundo que outra Europa é posible. Algúns recoñeceron que este Papa é a “conciencia de Europa“, dunha Europa que renuncia progresivamente aos principios de solidariedade e de respecto ao ser humano. Dunha Europa que fai tempo comezou a destruírse a si mesma cando quixo expulsar a Deus da realidade e, con Deus, os seus signos, as súas referencias e os seus inherentes valores éticos. Son ideólogos do poder, políticos desnaturalizados por un ateísmo chapuceiro que soamente ven inconvenientes e engorrosos problemas onde hai dor, sufrimento e morte. Sufrimentos e guerras causadas por eles mesmos, si, os mesmos que agora gardan silencio e escóndense cando onte saían á rúa e gritaban “non á guerra“. Aínda que é certo que a fe dos cristiáns europeos non poderá resolver os conflitos armados que rexorden desgraciadamente na humanidade, tamén é verdade que si os pode mitigar. E mentres, os cristiáns seguimos afirmando a Deus no mundo e intentando vivir coherentemente co que profesamos, algúns dos nosos líderes políticos din si á cultura da insolidariedade e da morte e non ao ben común, ao diálogo e á colaboración. É que vivimos nun país que deu as costas ás familias e aos máis débiles (a pobreza hérdase, di un informe de Cáritas) mentres se subvenciona a cultura do individualismo, da indiferenza, do hedonismo e da soidade.

Se este Papa “é a conciencia de Europa“ é porque cre en Deus. Nun Deus que salva e compromete. Un Deus cuxa fe nel xera determinadas formas de conduta e de opción polos pobres. E isto é así, porque a súa presenza envólvenos, rodea a existencia humana e o universo, e é punto decisivo de referencia para a comprensión do ser humano e do mundo. Sen esta orientación vital determinante, a desorientación, a perda de identidade e a banalidade, impóñense. Ai Deus! Noso Deus!

Mario Vázquez

Homenaxe ao P. Esteban en Monforte

O padre Esteban Martínez González, profesor do colexio Escolapios de Monforte, falecido no ano 2002, estaba enterrado en Madrid. E expresara en vida o seu desexo de recibir sepultura en Monforte.

 O 23 de abril inhúmanse os seus restos no panteón dos Escolapios do cemiterio municipal e celébranse varios actos de homenaxe:

– Eucaristía en memoria do P. Esteban na igrexa da Compañía.

– Ás 20h inauguración dun busto de bronce nas inmediaciones do colexio. O monumento finánciase por suscripción popular

– Presentación dun libro que trata sobre o labor relixioso, docente e de divulgación da historia de Monforte.

– Cea de confraternización

O P. Esteban deixou unha gran pegada educativa, non só por ensinar a numerosos alumnos da zona de Lemos e outras partes de Galicia, senón pola súa elevada calidade intelectual e humana.

Colecta promovida polo Papa a favor de Ucraína

Con el Papa por Ucrania

Por indicación do Papa Francisco o domingo 24 de abril unha colecta especial para quen sofren as consecuencias da violencia da guerra en Ucraína. O señor Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, invita, desde a xenerosidade, a todos os diocesanos a contribuír a tal colecta que a Igrexa europea adicará aos que padecen ditas consecuencias.

O pasado 3 de abril durante o rezo do Regina Coeli, o Papa Francisco convocou a todas as Igrexas católicas de Europa para que fixesen a mencionada colecta o V Domingo de Pascua. Nas súas palabras, o Papa Francisco referiuse “ao drama dos que sofren as consecuencias da violencia en Ucrania: nos que permanecen nas terras devastadas polas hostilidades que causaron xa varios miles de mortos, e nos máis dun millón que foron empuxados a deixalas pola grave situación que perdura”, polo que, continúa, “decidín promover un apoio humanitario ao seu favor”.

O recollido nestas colectas será enviado, a través da Nunciatura Apostólica a Secretaría de Estado, e a distribución da mesma nos territorios afectados realizarase a través do Pontificio Consello Cor Unum. O lema desta colecta é “Co Papa, por Ucraína”. Tamén colaboran organizacións caritativas e asistenciais.

Viaxe polos mosteiros de Romanía

Romania e os seus mosteiros

As parroquias A Milagrosa e San Antonio de Padua (Lugo) organizan unha viaxe polos mosteiros de Romanía do 23 ao 30 de abril. Visítase Bucarest, Brasov, Piatra Neamt, Gura Humurului, Sighisoara, Sibiu.

Sábado 23 Abril: LUGO – MADRID – BUCAREST

Domingo 24 Abril: BUCAREST – SI NAIA (Mosteiro fundado en 1.695 por Miguel Cantacuzino) – BRASOV (coa famosa fortaleza do século XIV, coñecida no mundo como o “Castelo de Drácula”)

Luns 25 Abril: BRASOV (cidade pintoresca coroada polo Castelo de Bran) – LAGO VERMELLO – PIATRA NEAMT

Martes 26 Abril. PIATRA NEAMT – MOSTEIROS DE BUCOVINA – GURA HUMORULUI/ RADAUT. Tamén se visita o mosteiro de Voronet coñecido como a Capela Sixtina de Oriente.

Mércores 27 Abril: GURA HUMORULUI/ RADAUTI – SIGHISOARA, patrimonio da UNESCO.

Xoves 28 Abril: SIGHISOARA – SIBIEL (o Museo das coleccións de iconos sobre vidro ) – SIBIU (Capital Europea da Cultura no ano 2007)

Venres 29 Abril: SIBIU – MOSTEIRO DE COZIA (século XIV, arte bizantina ao estilo rumano).

30 Abril: BUCAREST – MADRID

Xubileo dos catequistas

23abril - catequistas

O vindeiro sábado 23 de abril terá lugar a peregrinación á Catedral dos catequistas da Diocese, pois serán os que gañen o xubileo ese día ao mesmo tempo que celebran a súa asemblea anual. Ás 11 da mañá no Seminario diocesano haberá unha conferencia a cargo do Jesús Martínez Carracedo, director do departamento de saúde da Conferencia Episcopal. Ás 12 e cuarto sairán cara á Catedral para entrar nela pola porta da misericordia e ás 13h presidirá a Eucaristía o bispo. Mons. Alfonso Carrasco.

A %d blogueros les gusta esto: