Actos de Cáritas polo Día da Caridade

Mércores  3 de xuño

– As 20 h PREGÓN DA CARIDADE no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo. Conferencia a cargo de Dª. Isabel Cuenca Anaya, Secretaria Xeral de Xustiza e Paz.

Xoves  4 de xuño

Desde as 10:30 da mañá ata as 13:30 h do mediodía, haberá en Lugo, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

Ás 18 h acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes. Será no salón de actos de Afundación, en Lugo.

Ás 19:00 Realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de atención á Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

Domingo  7 de xuño

– Desde as 10:30 h da mañá ata as 14 horas, haberá en Monforte, Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

– Colectas nas misas de toda a Igrexa diocesana.

Laicidade, laicismo e caridade política

Foto MarioAnte a festa do Corpus Christi que celebraremos o vindeiro sete de xuño, e con ela o Día da Caridade, pasadas as eleccións, quero ofrecer algún dato para a reflexión dende unha posición que considero de sentido común partindo do feito da liberdade relixiosa. En Lugo, a festa do Corpus, ten unha historia especial. De aí deriva tamén a Oitava, celebrada con gran solemnidade con motivo da Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento.

En varias ocasións escribín como os cidadáns de Lugo somos capaces de conxuga-la unión perfecta entre cidadanía e cristianía. Entre ser bo cidadán e bo cristián. Só dende estas claves se entende que Lugo poida ser considerada a Cidade do Sacramento. Sería triste que a antiga cidade de Augusto esquecese este nome tan cheo de bos recordos, de fermosas tradicións e de historia que a honra. Corpus e compromiso por unha sociedade máis xusta son inseparables. Os problemas fundamentais dos cidadáns teñen que ver, precisamente, coa xustiza social, coa solidariedade e coa caridade política. Caridade que se expresa no amor aos máis pobres e excluídos, na preocupación por erradica-lo paro, na xusta distribución dos bens e na relación fonda entre fe e compromiso social. A caridade política é unha dimensión esencial e decisiva no cristianismo. “Tiven fame e déstesme de comer”, recórdanolo Xesús na parábola do xuízo final. A relación entre fe e caridade e tan esencial que mutuamente se verifican.

Nas actuais circunstancias políticas non estaría mal que os nosos representantes electos se poñan de acordo nisto que é esencial. Por encima das siglas debe estar sempre o ben común. Precisamente, en maio de 1996 escribía, con certo carácter profético, o doutor e intelectual Domingo García Sabell, que a maioría da xente móvese e navega a favor de ideoloxías, esquemas e prexuízos. “De aí a variedade case que indescifrable de siglas, de colectivos mínimos, de obediencias estreitamente limitadas” (Cf. Tempo de lecer, Vigo 1998, páx., 25). Todo isto, indica e que uns e outros se atopan mergullados en esquemas. E, en efecto, todo esquema é unha operación redutora da vida e da creatividade existencial.

Por iso, quero invitar aos nosos políticos a que se poñan de acordo, que escoiten as intitucións que loitan dende tempos inmemorais pola xustiza, que colaboren con elas, que aparquen os prexuicios anticlericais e antieclesiais, que tomen conciencia do que é realmente unha sociedade laica. Laico, laicidade, ven do grego “laos” que significa pobo, sinónima de “demos”, da que deriva a nosa democracia. Unha sociedade laica é unha sociedade rexida polo pobo, e non por outros poderes. “Laicidade”, significa que un Estado laico é “lego” (non sagrado) en materias relixiosas, é dicir, que non sabe ou non toma postura ante elas, polo que non significa precisamente que é agnóstico, ou relixiosamente indiferente, ou ateo, ou confesional (isto xa serían tomas de posición). Polo tanto, o Estado non é nin pode, nin debe ser, “laicista”. Un Estado aconfesional é “prescindente” ante as cuestións últimas e ante os temas cosmovisionais. E dado que a relixión é cousa de cidadáns concretos, cunha dimensión pública positiva e inevitable, as autoridades políticas deben adoptar posturas de “prescindencia respetuosa”, promovendo os valores relixiosos, o que é xusto, transformado as estruturas que xeran pobreza, practicando a misericordia e proxectando unha economía inclusiva e compasiva fronte á corrupción e á idolatría do mercado. Quen non quere poñerse de acordo con estes mínimos éticos fundamentais?

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Premiados no I Certame de Poesía Eucarística

O 28 de maio de 2015, fíxose público o fallo do xurado do I Certame de Poesía Eucarística organizado polo Centro Eucarístico Lucense (LEC):

A. Categoría adultos, maiores de 18 anos.

1º Premio: 600 € e a publicación da obra ao conxunto de poemas “Un día de lluvia camino de la Catedral” de D. Carlos Pérez Sánchez, de Lugo

2º Premio: 450 € e a publicación da obra, ao poemario “Versículos trascendentes” de D. Ramón Molina Navarrete, de Jaén

O xurado decidiu outorgar unha mención especial ao poema “Pan de Vida” de D. Lázaro Domínguez Gallego de Ferrol pola súa visión poética da adoración eucarística en Lugo; e tamén unha mención especial para a obra “Alfa e Omega” de D. Ángel Barreiro Pardo, de Lugo, pola súa orixinalidade e calidade literaria, por unir deseño gráfico e poesía.

B. Categoría infantil- xuvenil, ata 18 anos.

1º Premio: 350 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Domingo, día especial” de D. Hugo García Mariño, de Antas

2º Premio: 250 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Pregúntame sobre la vida de una rosa” de Dª Cristina Ouro Alvite, da Coruña

3º Premio: 150 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Quixera estar” de D. Emilio Mouriño Rodríguez, de Melide

O xurado e o equipo organizador deste I Certamen de Poesía Eucarística desexa mostrar o seu agradecimento pola gran acollida do concurso, con máis de 160 poemas recibidos desde diversos puntos de España e mesmo desde Arxentina; así como pola gran calidade das obras presentadas.

O Centro Eucarístico Lucense quere sinalar que o verdadeiro éxito do Certame estivo en conseguir que tanta xente se detivese ante a Eucaristía e lle dedicase estas palabras cheas de sentimento e fe. Con iso non só se potencia o amor á Eucaristía través da poesía, senón que se contribúe a revalorizar Lugo como cidade do Sacramento.

Xornada da vida consagrada en Ferreira de Pantón

Xornada da vida consagrada

O Mosteiro de Ferreira de Pantón será o escenario dunha Xornada da Vida Consagrada. Ás cinco da tarde, o historiador Isidro García Tato impartirá a conferencia “O monacato como configurador da Ribeira Sacra”, seguida de coloquio.

Ás 18:30 será o rezo de vésperas e ás sete da tarde haberá un encontro coa comunidade de Ferreira de Pantón.

VIII Encontro do voluntariado galego de Cáritas

O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monte do Gozo, será o marco para o VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio representantes das cinco dioceses compartirán experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.

O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, titulada “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.

Ao final da mañá hai unha Eucaristía, presidida polo delegado episcopal de Cáritas Santiago, Jesús García Vázquez,  e concelebrada polos delegados episcopais e consiliarios da institución.

Trala comida de confraternidade, os asistentes verán distintas exposicións na Cidade da Cultura, centrándose en “Camiño, a orixe”.

 Os voluntarios de Cáritas son unha parte importante con que a institución se fai presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.

A %d blogueros les gusta esto: