“Unha luz na noite” o día 7 na igrexa de San Pedro, Lugo

unha luz na noite día 7 de marzo
Despois da boa experiencia da anterior “Unha luz na noite” (20 de decembro) na que colaboraban as outras dioceses de Galicia, o sábado 7 de marzo serán 42 os mozos de Lugo participantes na 2ª edición. Trátase de propoñer a outros mozos a que entren na igrexa de San Pedro (Lugo) para ter un momento de oración a partir das 24h.

Asembleas da Confraría da Virxe da Esperanza e da Adoración Nocturna

A Insigne da Confraría da Virxe da Esperanza celebra a súa Asemblea Xeral Ordinaria o 6 de marzo ás 20:30 h na Parroquia de Santiago a Nova, sé da Confraría. Veranse as contas e memoria de actuacións do ano 2014 e do actual. Nomearanse ou ratificarán contadores e ratificarase o nomeamento dun vocal. Os confrades farán as súas propostas e recibirán os novos estatutos. Tamén se prepararán os actos do Luns Santo.

O Seminario acolle o sábado día sete, ás sete da tarde, unha Eucaristía en acción de grazas, pola recente asinatura (22 de xaneiro) do decreto que declara «venerable» a Luis de Trelles e Noguerol, fundador da Adoración Nocturna. A Eucaristía estará presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Seguidamente, no salón de actos do mesmo Centro, dará comezo a asemblea anual regulamentaria con informes da Xunta directiva. Finalizará coa degustación dun viño no mesmo Seminario.

Semana Vocacional no Colexio A Milagrosa

Entre os días 6 e 13 de marzo hai unha serie de actividades solidarias no Colexio A Milagrosa, das Fillas da Caridade en Lugo:

  • Oración, o día 6 ás 11h

  • Sorteo dunha camiseta e un balón, asinado polos xogadores, do Clube Baloncesto Breogán.
  • Rastrillo”

Horario: Sábado 7 de marzo (11:30 – 13:30) (18:30 – 20:30)

Domingo 8 de marzo (10:00 – 14:00) (18:30 – 20:30)

Luns, martes, mércores e xoves (13:30 – 18:00)

O diñeiro recadado vai destinado a financiar os proxectos solidarios programados pola Pastoral do colexio, tendo prioridade os alumnos con necesidades.

Canción Misioneira. O venres 13 clausúrase a Semana Vocacional coa celebración do Festival da Canción Misioneira.

Acción formativa de Cáritas e proxecto “Emprégate”

Cáritas Lugo cursiño Ferramentas informáticas para buscar emprego

Ata o 13 de marzo terá lugar a acción formativa: “Informática básica para a procura dun emprego” actividade incluída no proxecto EMPREGO CÁRITAS DIOCESANA DE LUGO no marco do PROGRAMA OPERATIVO PLURIRREGIONAL DE LOITA CONTRA A DISCRIMINACIÓN 2007-2013. Actividade cofinanciada con fondos pertencentes ao Fondo Social Europeo e ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade IRPF 2014.

Ata o 13 de marzo está aberto o prazo para inscribirse no proxecto Emprégate de promoción e apoio ao autoemprego. É un proxecto que xurdiu no ano 2012, dentro do Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo.

Con Cáritas colaboran das asociacións empresariais Mulleres Empresarias de Lugo e Xoves Empresarios de Lugo. Entidades que formarán parte dun equipo de traballo composto por técnicos de Cáritas, voluntarios de Empresas con Corazón (Proxecto de Cáritas Lugo que busca a colaboración de empresas e autónomos co fin de axudar ás persoas que máis o necesitan) e outros profesionais coñecedores da realidade empresarial actual.

A Fundación Barrié e Cáritas suman esforzos para reducir o abandono e o fracaso escolar

Caritas Galicia atención a menores

Ponse en marcha o «Programa de atención a menores e educación familiar», que se desenvolverá ata decembro de 2015 cun orzamento total de 300.000 euros, dos cales 150.000 serán aportados pola Fundación Barrié.

As accións previstas inclúen bolsas de estudo e actividades de apoio escolar dirixidas por voluntarios de Cáritas para fillos de familias en situación de urxencia ou vulnerabilidade social.

As cinco Cáritas Diocesanas de Galicia (Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Lugo, Ourense e Tui-Vigo) asumen a xestión do programa, a través de profesionais da súa rede en Galicia e voluntarios vinculados ao ámbito educativo.

O programa engloba diferentes accións de intervención:

· Un acompañamiento personalizado por parte de profesionais de Cáritas. Entre outras accións, desenvolveranse visitas a domicilio e actividades de formación específica, como alfabetización e talleres de competencias básicas, economía doméstica ou reforzo da comunicación na familia.

· Outra achega do programa será o apoio económico ás familias mediante axudas complementarias para a compra de libros e material escolar, así como becas para que os seus fillos poidan acceder, en igualdade de condicións, a recursos especializados e actividades extraescolares.

· Para rematar, o programa prevé tamén a elaboración de documentación, talleres e campañas de sensibilización en centros escolares.

Sebastián Mora, secretario xeral de Cáritas Española, no acto de presentación do convenio lanzou unha chamada á esperanza e unha invitación a asumir o compromiso de todos á hora de construír alternativas para as persoas que non teñen os seus dereitos fundamentais cubertos.

O secretario xeral de Cáritas Española estivo acompañado no acto polos directores das Cáritas Diocesanas de Galicia.

A %d blogueros les gusta esto: