Sempre xuntos nunha Igrexa viva

Consolounos a fraternidade vivida

Unha primeira urxencia ante o próximo curso pastoral é tomar conciencia do que a pandemia puxo ante os nosos ollos case sen darnos conta: o significado decisivo dunha comunidade cristiá real, o valor da vida das parroquias.

En efecto, a vida da Igrexa foi o noso consolo no medio de circunstancias que poñían a proba a nosa esperanza. Cando chegou o momento, confortounos a fraternidade vivida. Un impulso nado, ao final, da presenza do Señor mantivo viva a fe e o vínculo comunitario. Estando atentos ao próximo, coidando a experiencia de unidade e de proximidade que sostiña a cada un na soidade, a enfermidade ou as tarefas de cada día, creceu a esperanza. Lonxe de ser, deste xeito, tempos de parálises para a existencia cristiá, no medio de circunstancias difíciles, puidemos entrever a beleza e o ben grande de ser membros da Igrexa.

Os nosos sacerdotes permaneceron preto dos seus fieis, celebrando por eles a Eucaristía, permitindo a través dos medios de comunicación, con retransmisións moitas veces diarias, que a unión fose estreita a pesar da distancia. O coidado das persoas, especialmente daquelas máis soas ou necesitadas foi capilar, en moitos casos, e sistemático. Mentres a pandemia se estendía e ameazaba a nosa seguridade, crecía tamén outra rede, a rede da Igrexa, que, ao estilo do que lemos no evanxeo, sostivo a todos os peixes na barca a pesar de ser moitos, sen romper. Foi un tempo de tempestades, pero connosco, na barca, estaba o Señor.

Ser comunidade real e visible

Agora, comezando un novo curso entre incertezas, nada é máis urxente que coidar desta “familia de Deus”, da unidade que vimos construírse entre nós. Non podemos ser comunidade e Igrexa só de palabra; ha de ser verdade na vida de cada día, como sucedeu cando nos puidemos acompañar e preocuparnos uns doutros. Necesitamos ser unha comunidade visible, palpable, na que sexa posible vivir, co alento, os horizontes e a esperanza da Igrexa católica enteira. De feito, a Igrexa universal existe realizada na particular, por exemplo na nosa Diocese; e puidémolo percibir cando as pequenas comunidades, reducidas ás veces aos muros dunha casa, recoñecíanse parte dunha vida máis grande, facían propias, por exemplo, as palabras do Papa Francisco. A nosa parroquia ou comunidade é sempre un grupo máis ou menos pequeno, pero nela realízase o ben máis grande; porque é signo e instrumento da unidade verdadeira con Deus mesmo e co próximo.

Por iso, nunca será obxectivo pequeno ou secundario que os fieis participen e experimenten a realidade da Igrexa como comunidade concreta, reunida polo Señor por medio do Evanxeo e dos sacramentos. Este foi desde sempre o corazón da nosa pastoral ordinaria; pero neste curso os “signos dos tempos” parecen convidarnos a darlle unha nova prioridade, a que pidamos ao Señor e nos esforcemos por facer posible en cada lugar esta experiencia de fraternidade vivida.

Os mesmos sistemas telemáticos, que se utilizaron masivamente para manter o contacto e a relación, servían tamén para facer posible unha presenza na distancia, que era valiosa porque estaba referida a unha relación que existía realmente, que vinculaba ás persoas na única familia da Igrexa. Esta experiencia puxo de manifesto que a presenza virtual resultaba moi útil, e comprendemos mellor que pode selo tamén en condicións normais, que debemos desenvolvela máis; pero entendemos, ao mesmo tempo, que ten sentido só como manifestación dunha relación real. Estamos xuntos e, por iso, podemos expresalo virtualmente, cando as circunstancias non permiten outra forma de presenza ou cando nos parece que podemos enriquecer así a vida común. Por iso, pensando no vivido estes meses, tentaremos este ano crecer tamén neste tipo de recursos, que vimos bos e prácticos ao servizo da nosa experiencia de comuñón e fraternidade.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Tomado das “Liñas de acción”

para o Curso Pastoral 2020-21

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: