Serafín Fanjul iniciou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O Círculo das Artes de Lugo acolleu o 20 de febreiro a primeira das conferencias programadas nas Xornadas Abertas de Teoloxía. O historiador e lingüista Serafín Fanjul, foi enumerando a escritores estranxeiros que visitaron España e intentaban asimilar a poboación española á árabe, pero caendo, por exemplo en contradicións, como considerar que os españois herdaran tanto a “propensión á violencia” como a “suave tolerancia dos mouros”. Para Serafín Fanjul, “hai unhas moralexas de ideoloxía barata que non contribúen a dar unha imaxe real do país. Evidentemente, a orografía, o clima, a tecnoloxía, a tecnoeconomía conseguinte, todo iso son condicionamentos materiais verdadeiros que non contan para a maior parte dos viaxeiros. Pero estou seguro de que a psicoloxía social estaba máis relacionada con iso que con outras cousas”.

Sobre o tema da conferencia, Serafín Fanjul dixo que “nin na España musulmana nin na España de predominio cristián houbo unha convivencia modélica. O que houbo foi xustaposición de poboacións que máis ou menos se toleraban, cunha por riba das outras dúas. Nunha primeira etapa o predominio era musulmán e tiñan sometidos a cristiáns e xudeus facéndolles pagar máis impostos, someténdoos a unha gran cantidade de prohibicións, de discriminacións… Despois, cando se produce a Reconquista, tamén a discriminación é notable; por exemplo, obrígase aos xudeus e aos mudéxares (musulmáns) a levar signos distintivos na cabeza ou no ombreiro; prohibíaselles o uso de determinadas cores vivas (vermello, verde), de brocados, de bordados de ouro, calzado de calidade. Anteriormente, esa mesma prohibición ou moi semellante producírase no campo musulmán cos cristiáns.”

 

Deixa un comentario

%d bloggers like this: