Sor Julia, sesenta años de vocación

sor Julia

O sábado 9 de abril celebráronse os sesenta anos de vocación de Sor Julia. É unha celebración de aniversario propia das Fillas da Caridade, coas que a Parroquia de San Froilán comparte instalacións e moita vida. Na memoria de moitos lucenses van unidos o Colexio da Milagrosa e a parroquia de San Froilán.

Pero, quen é sor Julia?. É unha muller de paso áxil a quen é fácil vela pola rúa, cedo, cun carriño da compra. Como boa administradora, encárgase de que ás súas irmás non lles falte o alimento do corpo nin o do espírito. Na Parroquia é catequista e sempre está pendente de organizar aos lectores da Misa de 10 e de que as candeas estean acesas.

Sor Julia dedica parte do seu tempo a axudar persoalmente e tamén por medio da asociación das Damas da Caridade a varios pobres da cidade. É unha axuda calada e case secreta, que ás veces lle esixe ir a algunhas casas ás que, posiblemente, só ela é capaz de entrar e botar unha man.

Outra actividade de sor Julia é a de coordinar as capelas portátiles da Virxe da Medalla Milagrosa que visitan periódicamente varios domicilios da cidade. As persoas que llo piden poden ter nas súas casas durante un tempo determinado ao mes unha destas capeliñas. É un exercicio de piedade moi entrañable e que axuda, sen dúbida, á oración mariana e á vida espiritual de quen ten á Milagrosa na súa casa.

A celebración dos 60 anos de vocación foi da forma acostumada: mesa e Misa. Na mesa compartimos os alimentos recibidos do Señor e as súas irmás dedicáronlle unha canción e un poema. Pola tarde celebramos a Misa na pequena capela da Comunidade dando grazas pola vida de Sor Julia.

Desde aquí tamén nos unimos a esta celebración. A vida relixiosa é importante para a Igrexa e para o mundo. Sesenta anos son todo un testemuño e merecen ser celebrados e que nós tamén fagamos unha oración, neste caso por sor Julia e por todas as Fillas da Caridade do Colexio A Milagrosa. Moitas felicidades, sor Julia, e adiante!

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: