Sorprendido pola Adoración Eucarística

Unha das poucas cousas que fixen como párroco da Fonsagrada foi a Adoración Eucarística dos xoves despois da Misa. Desde que empezamos xa van 19 meses. Cada semana xuntámonos algo máis de 15 persoas para rezar ante o Santísimo Sacramento.
Creo que só o interrompemos nunhas 4 ocasións: unha pola neve e as outras por ocupacións miñas.
Desde hai 7 meses, o último xoves de cada mes, este tempo de adoración é un pouco máis prolongado e facémolo unidos á Adoración Nocturna Española.
Seguen pasando as semanas e cada xoves sígome sorprendendo de como os fieis aproveitan este tempo e como se van incorporando persoas novas. Moitos días descúbrome contemplando máis o rostro dos adoradores que a propia custodia, na que expoñemos ao Señor. Á xente non se lle fai longa a media hora de adoración, nin a hora do último xoves. Non se oe nin unha tose, ninguén sae antes de terminar e hai un silencio absoluto. A este tempo únese o do Santo Rosario e a Misa, polo que, como mínimo, estamos na igrexa dúas horas e cuarto.
Aquí cúmprese o de santa Teresa «só Deus basta». Ás veces preparo unha folla con algunha oración ou texto que lles poida axudar para a oración, pero apenas a utilizan durante este tempo. Abóndalles mirar ao Señor e deixarse mirar por El.   Sorprendido, digo. Pensei que ía ser cousa de poucos días, pero isto segue funcionando e non vai a menos. Cousas do Señor e proba da súa existencia.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: