Labor da misioneira laica Ana López en La Mosquitia (Honduras)

A Delegación Diocesana de Misións dá a coñecer un resumo do que Ana López, misioneira laica lucense de Misioneiros Segrares Vicencianos (Misevi), realizou con outras dúas laicas durante este ano na Moskitia (Honduras):

A nosa comunidade misioneira está presente na Moskitia, ao noreste do país. A problemática social deste lugar está marcada pola pluralidade étnica e un gran illamento desta zona respecto ao resto do país. Intentamos día a día cambiar esta difícil realidade facendo fronte á problemática especifica da dispersión dos habitantes en territorios difícilmente comunicados aos que só se pode chegar navegando.

A comunidade está conformada actualmente por Idoia Magazaka e Ana López. Entre os meses de xaneiro e outubro tamén formou parte Ana Hugalde.

Fitos

Atención primaria na farmacia.

Escola de Pais e Nais en Barra Patuka e as comunidades de toda a parroquia.

Programa de Reforzo Escolar en Barra Patuka.

Redacción do Acordo de colaboración entre os tres actores fundamentais da misión en Honduras: CM SVP-España; Bispado de Trujillo; e Misevi España.

Consolidación da Pastoral Social na comunidade de Barra Patuka Misevi España.

 

Proxectos desenvolvidos

Escola de pais e nais

Lugar: nas 35 comunidades da Parroquia de Santa Cruz.

Duración: entre xaneiro e decembro.

Beneficiarios: 800 persoas (200 directos e 600 indirectos)

Invitación ao tema de reflexión a pais e nais das comunidades para abrir espazo de diálogo sobre as realidades familiares que comparten, conflitos, roles, trasmisión de valores, e relacións entre pais e fillos.

Atención primaria en farmacia

Lugar: Barra Patuka; e viras polas comunidades afastadas.

Duración: entre xaneiro e decembro.

Beneficiarios: 503 persoas atendidas

Desde a área de Saúde aténdese a farmacia parroquial e as comunidades que se visitan durante o ano. Facilítanse e subvencionan medicamentos básicos, realízase a proba de glicemia, e realízanse atencións sanitarias de enfermería e coidados de urxencia.

Ler máis

Valentes!

Escribía A. Einstein que “A vida é moi perigosa. Non tanto polos que fan mal, senón polos que sentan a ver o que pasa”. Poden estar seguros de que non é este o caso dos misioneiros. Os seus testemuños, tantos e tan valentes, están tan preñados de situacións límite que, con frecuencia, poñen en risco as súas propias vidas. A recente liberación do sacerdote salesiano indio Padre Tom Uzhunnalil, o pasado mes de setembro, tras ano e medio de cativerio en Iemen, é un de tantos exemplos que confirman e xustifica o lema deste ano: Sé valente, a misión agarda por ti.

A Igrexa celebra, nun ambiente de festa, a Xornada Mundial das Misións (o día do DOMUND). Esta xornada mundial, en España, organízaa a dirección das Obras Misionais Pontificias. E tivo o seu fantástico escenario de inauguración de campaña, este ano, na Catedral de Santiago. Alí, a popular cantante galega de pop-rock, natural de Boimorto, pronunciou un fermoso e comprometido pregón do Domund. Fun testemuña directa do seu profundo e confesante verbo o pasado 11 de outubro ás 20:30 horas. Así definiu ela aos misioneiros: “Son eses seres elixidos para soportar as dificultades. Bravos e obedientes fillos dotados de paciencia e fortaleza. Benevolentes coas debilidades. Exemplos de resistencia moral. Mostran a cotío como a compaixón activa está nas entrañas da súa misión e vai máis aló da solidariedade.

“Sen patrias nin bandeiras, abandonan o proxecto de vida propia, orientada cara ao seu propio interese, por unha comuñón fraterna. – A liberdade non é maior cando se pode facer o que a un lle peta, senón cando se elixe o bo, o belo e o verdadeiro, aínda que esa decisión comporte o sacrificio dun mesmo por un ben maior-.

“Heroes anónimos, que nas súas viaxes ao inferno acaban por alcanzar o ceo ao xuntar con tenrura as súas mans a outras mans. Estes 13.000 misioneiros españois están dispostos e empéñanse en cruzar medio planeta para poñer en práctica e materializar o seu idealismo, saíndo da comodidade do noso mundo cotián, para escoitar o latexo da dor dos perseguidos, dos esmoleiros e marxinados, chegando ata a arriscar a propia vida…”.

Certamente, os misioneiros non son uns valentes aventureiros. Non conducen motos a 300 quilómetros por hora nin escalan os cumes máis altos. Son persoas vocacionadas que sentiron a chamada de Deus e dixéronlle que si. Son enviados por Cristo a través da súa Igrexa para anunciar a todos, sen excepción nin distinción de ningún tipo, o coñecemento da Verdade, o Camiño da Luz e a Boa Nova da salvación. Eles levan o amor de Deus aos máis necesitados. Dio ben o Papa Francisco, con motivo desta Xornada, ao lembrarnos que “a misión da Igrexa non é a prolongación dunha ideoloxía relixiosa, nin tampouco a proposta dunha ética sublime”. É, sobre todo, o anuncio explícito e gozoso de Cristo morto e resucitado. De Cristo, da súa presenza na historia, onte, hoxe e sempre, xorde esta imparable forza que xa ten máis de 2000 anos de historia. É así, porque o belo, o bo, o santo, contáxiase cando alguén se achega á mensaxe de Cristo disposto a deixarse tocar e embriagar. Porque non hai nada que teña máis forza có amor. O que ama constrúe grandes obras e percorre grandes distancias. Pasiño a pasiño, porque tamén o camiño máis longo iníciase cun primeiro paso. Por iso, con motivo do Domund, pídesenos apoiar a causa misioneira coa conciencia fonda de que a misión espéranos a todos.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Déixenme falar das misións

Déixenme lembrar ás xentes encantadoras de Burundi e Rwanda, coas que chorei, sorrín e esperei, durante 21 anos, 1973-1994.

Chorei ao atoparme con centos de persoas que carecían de case todo: medicamentos, escolas, auga limpa, alimentos, camiñando cos pés descalzos, durmindo no chan sobre unhas esteiras… Chorando, si, porque non podiamos chegar a todos.

Sorrindo e festexando a construción de escolas, a mellora de vivendas, a construción de centros de saúde e dotación de medicamentos, repoboación de árbores, cooperativas, escolas artesanais (carpintaría e albaneis) e fogares de formación de mozos: costura, cociña, atención familiar.

Os espazos aos que son nomeados os misioneiros polos seus bispos cambiaban en poucos anos. A súa ausencia polas guerras devolvía ás xentes ás súas estreiteces. “Vós sodes a nosa voz, non vos vaiades“.

Como era posible este necesario cambio social?: grazas a Cáritas nunca faltaba nas reunións parroquiais un relato dos necesitados: anciáns, viúvas, orfos, enfermos. Para eles alimentos e axuda no traballo dos seus pequenos hortos. En Cáritas diocesanas atopábanse medicamentos, roupas, alimentos. Todo facilitado por Cáritas internacional (aceite, millo, trigo troceado, fabas, leite en po…).

Viviamos en esperanza. Escribir a Mans Unidas e esperar resposta era unha garantía de que chegaría algo/moito; e así chegaron axudas para mellora de vivendas, escolas, salas polivalentes, traída e depósitos de auga, medios de transporte, iluminación con placas solares en centros comunitarios, granxas…

A presenza do misionero era reflexo da alegría do Evanxeo. Sentiámonos moi a gusto con aquelas xentes que chamabamos os nosos irmáns.

Ofrecémoslle o que constrúe a humanidade: o valor das súas vidas ante Deus, a oferta do perdón dun Pai cheo de misericordia e bondade, a novidade do Evanxeo fundado na vida e mensaxe de Xesús.

A súa resposta á graza manifestábase nun desbordamento de festa na Pascua de cada ano cos centos de bautizados logo de tres anos de preparación. A graza de Deus non caeu en balde.

Se houbo desordes e mortes non foron causados polos crentes senón por brotes incomprensibles de egoísmo.

Grazas, misioneiros de Lugo. Grazas aos amigos das misións pola vosa proximidade.

Fray José Estévez Iglesias – mercedario en Sarria

Día do Misioneiro Diocesano

O vindeiro sábado 1 de xullo ás 20:00 h. na Parroquia San Pedro de Melide, celébrase o Día do Misioneiro Diocesano.

É unha xornada para celebrar e agradecer a todas as familias dos misioneiros, a entrega xenerosa dun dos seus membros, e compartir xuntos as súas inquietudes e proxectos.

Celebrarase unha Eucaristía na parroquia na que se lembrará a todos os misioneiros da Diocese.

Carta da irmá Jesusa desde Guatemala á Delegación Diocesana de Misións

jesusa
Irmás da congregación Esclavas del Santísimo (Guatemala)

A graza e a paz do Señor reine nos nosos corazóns, queridos amigos. Grazas por lembrarse de nós. Perdoen a tardanza, Deus ten o seu ritmo… Levamos case 2 meses sen sinal, hoxe parece…

Sae da túa terra” significa para min montarse na barca do abandono, queimar redes e equipaxe e deixar que Deus a conduza… Diría que é unha aventura de amor con DEUS que quere valerse da miña pobreza para que outros irmáns o coñezan, adoren e amen.

Son misioneira contemplativa, vivo en Guatemala, pero a miña misión é moito máis grande. Os contemplativos non temos fronteiras. Pertenzo á congregación de Esclavas del Santísimo y de la Inmaculada.

Gustaríame contaxiar esta loucura de amor a XESÚS SACRAMENTADO á mocidade de Lugo. Invito sobre todo ás mozas. Direilles con san Xoán Paulo II: “Non teñades medo”. Lánzate, fai unha experiencia xunto a Xesús. Pregúntalle, como os apóstolos, ONDE VIVE… e queda con EL.

Déixovos moi, moi dentro dos Sagrados Corazóns de Xesús e María e aos pés da Custodia.

A súa irmá e amiga

Jesusa Marzán Gárate

A %d blogueros les gusta esto: