Da Fonsagrada a México

O papa Francisco instituíu este outubro como Mes Misioneiro Extraordinario. Na Fonsagrada temos unha misioneira saída destas terras.

Esther Fernández López naceu en Villagocende, parroquia de San Martín de Suarna, no ano 1954, nunha familia cristiá, como a maioría das da época, na que destacaba a fe do seu pai Armando. Esther é a maior de catro irmáns.

Segundo contaba ela mesma, durante as súas vacacións no verán deste ano, desde moi nena sentiu desexos de consagrar a súa vida como relixiosa, aínda que ao mesmo tempo lle gustaba a vida matrimonial; por iso, sempre lle pedía ao Señor nas súas oracións que lle concedese un matrimonio como o dos seus pais.

Na cidade de Lugo estuda o bacharelato. Alí é onde coñece algunhas congregacións relixiosas e é cando se pensa máis fortemente na súa vocación relixiosa. Pero non lle convence ningún dos carismas destas congregacións. Fala o tema con D. Ramón, o sacerdote da súa parroquia, e este coméntalle que hai unha congregación bastante recente en Palencia, fundada por un bispo (que agora é santo: San Manuel), cuxo carisma é misioneiro e catequético.

Ao mesmo tempo que considera a vida relixiosa segue tamén pensando no matrimonio. Pero un día fai o seguinte razoamento: é bonito o amor entre un home e unha muller, pero un día terminará, en cambio o amor a/de Xesucristo será para sempre. Así é como Esther entra na congregación das Misioneiras Eucarísticas de Nazaret.

A maior parte da súa vida como Misioneira Eucarística pasouna no estranxeiro, concretamente en Latinoamérica, que é onde ela se atopa realmente a gusto. Primeiro en Venezuela, despois en Arxentina e agora en México estes últimos 20 anos.

As Misioneiras Eucarísticas de Nazaret están presentes en España (cunha pequena comunidade tamén en Lugo), Portugal, Italia, Perú, Ecuador, Venezuela, México, Arxentina e Cuba.

Na súa misión actual en México, concretamente na Diocese de Tacámbaro, Esther e as irmás da súa comunidade, de acordo co carisma da súa congregación, viven e proclaman o misterio eucarístico anunciando a aquelas xentes a vida que brota da Eucaristía, sacrificio, memorial, comuñón e presenza permanente, cunha dimensión reparadora. Forman e estenden os grupos laicos da Unión Eucarística Reparadora (UNER), Obra fundada por San Manuel González García. Ademais, dedícanse ao coidado do culto eucarístico na Catedral da súa Diocese e á catequese dos máis de 350 nenos que teñen nas parroquias nas que colaboran.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Conferencia de Ana López Castaño sobre a misión

O luns 28 de outubro a misioneira segrar vicenciana Ana López Castaño pronuncia a conferencia titulada “Como vivir a misión hoxe?”. Será no salón de actos do Seminario Diocesano ás 20 h. O acto está organizado pola Delegación Diocesana de Misións dentro das actividades programadas con motivo da celebración do Mes Misioneiro Extraordinario..

 Ana López Castaño estivo 12 anos nas misións, primeiro en Bolivia e os últimos anos en Honduras.

Conferencia do misioneiro xaveriano Robertus Kardi

Robertus Kardi é un misioneiro xaveriano natural da illa de Flores (Indonesia) que esta semana realiza animación misioneira na Diocese de Lugo. O 14 de outubro no Seminario pronunciou a conferencia “Que é a misión?”. Comezou sinalando a diferencia dos cooperantes de ONG, que van a outros países con algo (cousas, coñecementos) con respecto aos misioneiros, que levan a alguén, a Xesús.

Tamén alentou a esquecer lemas como “American first” “Indonesia first” porque nin siquera hai que buscar a gloria persoal senón a gloria de Deus. Todos estamos chamados a responder ben á vocación, sexa como segrar, consagrado… e facer posible que a través de cada un de nós os demais poidan encontrar a Xesús.

No coloquio cos asistentes, Robertus afirmou que os europeos manteñen a Xesús na periferia das súas vidas, e un católico comprometido debe axudar a que Xesús estea no centro da vida das persoas.

O martes 15 Robertus Kardi participa no momento de oración que se fai ás 19 h na igrexa de San Francisco Xavier (Lugo) dentro dos actos programados con motivo do Mes Misioneiro Extraordinario..

Irmá Adelaida, misioneira lucense para quen a misión é a súa vida

Hai un ano, a Irmá Adelaida, misioneira lucense do Divino Mestre, regresou de Camerún por problemas de saúde. Segundo ía poñéndose mellor, máis desexaba volver á misión. E por fin chegou o día. Esta vez foise a República Democrática do Congo. Aínda sendo maior, chega á misión con gañas de seguir traballando. E faino con toda a ilusión do primeiro día.
Envía á Delegación Diocesana de Misións unha foto co seguinte texto:
“Unha nena de 6 anos á que trouxemos ao hospital de aquí de Bukavu, estaba sempre enferma e aquí operárona, sacáronlle o bazo que o tiña moi mal, agora xa está ben e volverá á súa localidade”.

[Noticia original en castellano]

 

Misioneiros presentes en Lugo con motivo da Xornada da Infancia Misioneira

Toda esta semana, previa á Xornada de Infancia Misioneira, que este ano se celebra o día 27 baixo o lema “Con Xesús, a Belén Que boa noticia!” dous misioneiros percorren distintos colexios e parroquias na Diocese de Lugo:

– Rolando Ruíz, misioneiro xaveriano. Nacido en México. Viviu 6 anos en Camerún e 9 anos no Chad. Desde hai 10 anos vive en España. O seu traballo é a animación misioneira que consiste en falar con nenos en colexios, con mozos en institutos e Universidades para contarlles o que fan os misioneiros e para axudarlles a descubrir que todos teñen un corazón misioneiro.

Cada verán acompaña a mozos para ir a Ceuta a un campo de inmigrantes. Tamén se achegaron até Tánxer, onde os mozos atópanse cunha realidade moito máis dura. “Este choque, de xente tan distinta e ao mesmo tempo tan parecida, reposiciona ao mozo de hoxe na situación de Xesús -explica o P. Rolando-. Pregúntanse: Que podo facer eu por este mundo? E no seu corazón queda sementado o amor polo outro”.

– Enrique Bayo, misioneiro comboniano. Nacido en Calatayud (Zaragoza) en 1966. Os seus primeiros votos foron en 1997. Estudou Teoloxía en Kinshasa (República Democrática do Congo) e xornalismo en España. Entre os anos 2006 e 2010 estivo na parroquia de Santa Ana en Isiro (República Democrática do Congo). E de 2010 a 2017 traballou no Centro de Animación Misioneira “Afriquespoir” en Kinshasa. Na actualidade está en Madrid facendo animación misioneira.

A partir do minuto 11 pode verse a intervención de Enrique Bayo falando sobre a Rep. D. do Congo.

A %d blogueros les gusta esto: