Convención de editores e colaboradores de Lucensia

Lucensia num 42

O sábado 16 de maio ás 18 h no Seminario de Lugo celébrase a Convención de editores e colaboradores de LVCENSIA, para celebrar os primeiros 25 anos de publicación ininterrumpida da Revista. Durante estas dúas décadas e media suman máis de douscentos os colaboradores, que están invitados a este acto.
A estes e á prensa obsequiaráselles co número 50. Ademais dun traballo de Óscar González Murado, incorpóranse índices sistemáticos de autores e materias do publicado nos 49 números anteriores. Inclúen referencias cruzadas e son froito dun laborioso traballo.

Libro de Jesús Río Ramilo sobre o santuario da Ermida

Copia de Jesus Rio Ramilo Romaxe Nosa Sra Hermida

Calquera peregrino ou visitante que s acerque á Romaxe da Nosa Señora dos Remedios da Ermida dispón dunha completa guía que axuda a vivir o presente e o pasado da Romaxe.

Nunha primeira parte o lector ve como esa historia de fe concretouse nun patrimonio visible no templo, nos seus ornamentos, destacando o crismón.

Nunha segunda parte explícase con detalle toda a rica tradición que durante 4 séculos polo menos foi xerándose en torno á procesión da Nosa Señora dos Remedios, a peregrinación e posterior procesión coas pampórnigas a figura do meco, as cantigas, os exvotos.

E na terceira parte fálase da advocación de Nosa Señora dos Remedios e de como, a través desta festa da Nai de Deus os devotos peregrinan á Ermida, sendo postos así en relación coa historia da salvación do seu fillo.

Publicación dos estatutos da Confraría da Esperanza

Confraria Virxe Esperanza Xunta de Goberno

O martes 9 a Xunta de Goberno da Confraría de Esperanza de Lugo deu a coñecer nunha roda de prensa a publicación dos novos estatutos.

A irmá maior, Isabel Lagares explicou que tiñan “uns estatutos relativamente recentes (2007) pero o Dereito Canónico e as leis de asociacións van cambiando. Desde a Confraría valorouse que había que facilitar o coñecemento dos confrades das súas obrigas e os seus dereitos. Á hora de pedir unha subvención dicíasenos que a Confraría non era unha asociación sen ánimo de lucro”.

O tesoureiro da Confraría da Virxe da Esperanza, Juan Martín, considerou que “os estatutos que había tiñan demasiados artigos e un réxime disciplinario moi antigo. Deixáronse as cousas imprescindibles para o funcionamento da confraría, como os actos que ten que realizar obrigatoriamente, cando e como celebralos. Aos confrades pídenselles dúas cousas fundamentais: uniformidade no hábito e unha pequena colaboración económica” Sobre isto último, “se algún confrade non ten posibilidades de pagar o recibo, falando poderá amañarse o tema, sendo posible unha condonación”.

Para o moderador da Confraría, Alejandro Pin, “todo confrade pode ter na man a estrutura da confraría, algo que ata agora só tiña a Xunta de Goberno. E os confrades só tiñan coñecemento dalgún aspecto cando se falaba do que debían facer ou como debían asistir ás procesión, pero ata agora non tiñan un documento escrito ao que poder acudir”.

Presentación do número de outono da revista Lucensia

Presentac Lucensia n 49

Lucensia, revista da Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo presentou o xoves día 27 de novembro o seu número de outono. 

Esta edición -número 49, un volume de 208 páxinas- aborda temas de investigación histórica, de toponimia, enerxía xeotérmica, poesía, etc., coa culminación da lista de alcaldes do Concello de Lugo (desde antes do século XVI ata hoxe)

Dous artigos que destacan refírense á orixe do sistema parlamentar europeo no “tumbo vello” da Catedral de Lugo e á enerxía xeotérmica em Galicia. Cun breve comentario-exposición da profesora do Seminario Dolores Carmona, coautora deste último traballo e que mostrou o proceso de instalación desta fonte enerxética (calefacción-refrixeración) nunha vivenda concreta de Lugo.

Segundas partes poden ser boas. Novidades bibliográficas

Manuel López Paradela Guia de almas espirituales e Colección Diplomática de Ventura Cañizares

Publicacións Diocese de Lugo vén de publicar Colección Diplomática II (857-1380) de Ventura Cañizares del Rey. A edición da obra corre a cargo de Óscar González Murado e Manuel Rodríguez Sánchez. Ventura Cañizares, párroco en Lalín e coengo en Lugo, deixou unha excelente colección manuscrita de centos de documentos transcritos.

Tras escribir hai uns anos Guía práctica de almas espirituales, Manuel López Paradela publica agora unha segunda parte, co subtítulo de “Mística” e cos seguintes capítulos: “Crecemento en perfección polas virtudes”, “Disposicións para vivir en santidade”, “A purificación espiritual”, “Medios de santificación”, “Diversos grados de oración”, “O Espírito Santo e os seus dons”, “Grandes devocións da piedade cristiá” e “As benaventuranzas”.

Outro autor que saca á luz unha segunda obra é David Corral. Tras facer un amplo estudio sobre a súa Parroquia natal (Trobo, terra e xente), presenta agora un novo libro sobre a Parroquia limítrofe de Gaibor, tamén preto de Lugo. Fala da súa historia, do seu patrimonio artístico e cultural, e conclúe cunha reflexión máis xeral sobre a Parroquia rural galega e os elementos que a configuran.

A %d blogueros les gusta esto: