Ten sentido!

Sacerdote católico! Así contestou en decembro de 1944 un mozo Joseph Ratzinger no servizo militar ao comandante da compañía que lles preguntaba aos reclutas que querían ser no futuro. A réplica que recibiu podería ser asinada tamén nos nosos días: «Entón ten vostede que buscar outra cousa. Na nova Alemaña xa non hai necesidade de curas».

Con esta confidencia da súa mocidade iniciaba o agora Papa emérito Benedito XVI unha carta aos seminaristas do mundo con ocasión do Ano Sacerdotal, en 2010. E engadía a súa impresión ante aquela situación: «Eu sabía que esta `nova Alemaña’ estaba chegando ao seu fin e, que logo das devastacións tan enormes que aquela tolemia trouxera ao país, habería máis que nunca necesidade de sacerdotes».

Ante o Día do Seminario, é inevitable medirse de novo co desafío que, fai moitos anos, afrontou o futuro Papa. Porque esta dúbida de fondo segue, presente ou latente, nos nosos días. A mesma sorpresa de entón atópase nos rostros e nas palabras de moitos cando coñecen a un mozo que quere ser sacerdote católico. A mesma sensación de que, dun modo ou outro, apuntouse a un barco que se afunde, a algo que non ten futuro. E tan só en nome do «cada un elixe o que quere» é como se acepta unha decisión semellante.

E, con todo, agora como entón, hai -e haberá- «máis que nunca necesidade de sacerdotes». Cambiaron as circunstancias, quizais; progresou o mundo, din. Catívanos cada vez máis o mito do progreso científicotécnico e do poder como as fontes das que, por fin, un día non moi afastado -pero que nunca chega- beberemos as augas da felicidade e o sentido. Pero non cambiou o corazón do home, que continúa insatisfeito no medio de palabras e promesas, cunha «ausencia» última, un baleiro profundo que nada consegue encher. Nin sequera rodeados de avances tecnolóxicos e insertos nun mundo cada vez máis global. Non cambiou o corazón humano; segue tendo as mesmas esixencias de plenitude que fai cincuenta anos, as mesmas que fai dous mil anos, cando Xesucristo chamou aos primeiros discípulos.

Entón como agora, o home necesita de Deus. E necesitarao cada vez máis, na medida en que na vida van multiplicándose os desertos interiores e exteriores. Dicíao na mesma carta o Papa emérito: «Onde o home xa non percibe a Deus, a vida queda baleira; todo é insuficiente. O home busca despois refuxio no alcohol ou na violencia, que cada vez ameaza máis á mocidade. Deus está vivo. Creounos e, xa que logo, coñécenos a todos. É tan grande que ten tempo para as nosas pequenas cousas. Deus está vivo, e necesita homes que vivan para El e que o leven aos demais. Si, ten sentido ser sacerdote: o mundo, mentres exista, necesita sacerdotes e pastores, hoxe, mañá e sempre».

Pódese dicir mellor? Difícil. Actual? Ao máximo. Tamén para Lugo? Evidente, querido lector. Celebremos, pois, o Día do Seminario, desexando que siga habendo moitos que digan «sacerdote católico!» e sexan -di o lema deste ano-: `Enviados a reconciliar’.

David Varela Vazquez

Reitor do Seminario de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: