Xa está na rúa o número 43 da revista Lucensia

No salón de actos da Fundación Caixa Galicia presentouse o número 43 da revista Lucensia. José Manuel Blanco López tivo unha intervención na que falou da problemática do Courel (a falta de poboación) e os seus importantes recursos naturais (por exemplo, as aciñeiras de alta montaña, algo único no noroeste peninsular). Tamén comentou que sen parque natural non hai futuro para o Courel.

Monseñor Carrasco Rouco clausurou o acto de presentación de Lucensia dicindo que non hai futuro sen a familia, sen a comunidade, e que unha tarefa dos cristiáns é seguir construíndoas.

PRESENZA DA REVISTA NOUTROS SOPORTES

Dende hai anos os índices de Lucensia están en internet, e agora con este número estréase a edición en formato dixital: pódese adquirir xa na librería La Voz de la Verdad, nas oficinas do Bispado e na Portería do Seminario o presente número 43 en CD ó prezo dun exemplar impreso. Xa está toda a colección dixitalizada e incorporada á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura (Gaiás, Santiago de Compostela). Dende a administración de Lucensia prepárase a futura distribución complementaria noutros soportes técnicos.

CONTIDOS DA REVISTA

O número 43 da revista Lucensia lévanos, xeograficamente, polo este da provincia de Lugo: O Courel (o seu progreso e a Estación Científica), As Nogais (coa explicación dos seus nomes de lugar).

E no plano histórico, vemos como a Igrexa medieval de Galicia edifica os seus templos e mansións, temos datos sobre a vida do arciprestado de Ferreira-Ferreirúa entre os séculos XVII e XIX. Tamén hai artigos sobre a reconstrución de varias pontes en Lugo (s. XVII), o Colexio de S. Jerónimo ou de Lugo da Universidade de Alcalá e a fundación dos Capeláns e Gardas do Santísimo Sacramento (antecedente da Adoración Nocturna en Lugo).

Tan variados como universais son os temas da sección COMENTARIOS:

  • medallas conmemorativas en el Bularium de Clemente XI;
  • un texto que se refire ao Mosteiro de “Flanello” en Terra de Lemos;
  • a arte na igrexa de Santiago de Zoo (Samos);
  • unha tecnoloxía pioneira con “células nai proxenitoras” en Lugo;
  • poemas espirituais ou místicos “Buscando a Dios” de Vicente Piñeiro González,
  • a devoción popular ó San Vitoiro na provincia de Lugo (s. XVII).

Hai unha nova entrega documental de José Méndez Pérez sobre libros da Catedral de Lugo no Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

Deixa un comentario

%d bloggers like this: