Xubileu das Persoas Maiores e Emigrantes no Corpiño

Bendición de peregrinos chegados ao Corpiño o 20 de agosto

 

O domingo 20 de agosto déronse cita máis de dous mil peregrinos no Santuario da Benaventurada Virxe María do Corpiño con ocasión da celebración do Xubileu das Persoas Maiores e Emigrantes.
A celebración comezaba cun nutrido grupo de peregrinos que, acompañados polos voluntarios do Santuario, foron ata a Parroquia de San Pedro de Losón para facer o “Camiño dos Pastorciños” rezando o Rosario, en recordo da primeira das peregrinacións que no século XII viña ata a ermida do Corpiño ante a noticia de que se estaba aparecendo a Virxe María, podendo ver á Virxe aquel día todo o pobo.
Ao chegar á carballeira do Santuario, o Rector do Santuario acompañado dos peregrinos que xa estaban no Santuario recibiu á peregrinación e deulles a Bendición dos Peregrinos. Posteriormente, entraron en procesión pola Porta do Ano Santo.
A celebración da Santa Misa estivo presidida por Andrés Ramos Castro, sacerdote lalinense e Secretario Xeral da Provincia Eclesiástica de Madrid e Director de Pastoral e Voluntariado de San Pablo CEU e Capelán das 18 Asociacións de Galegos de Madrid. Nesta celebración fíxose mención ao encontro de todos os emigrantes que chegaron e que un día saíron de Lalín, especialmente do encontro de todos coa Virxe do Corpiño, que é nai de todos. Tamén se tiveron moi presentes ás persoas maiores que hoxe en día son un gran apoio para as familias máis novas.
A Santa Misa estivo cantada polo Coro do Santuario Virxe do Corpiño, e tamén concorreu a Banda de Música de Vilatuxe, que ofreceu un magnífico concerto na ?carballeira do Santuario unha vez finalizada a Santa Misa.
A celebración da Sta. Misa da tarde, unha vez recibidos os peregrinos do “Camiño dos Pastorciños”, estivo presidida por Adrián Sanabria Mejido, Vicario Episcopal para a Nova Evanxelización da Diocese de Sevilla.

Deixa un comentario

%d bloggers like this: