Ante a celebración o domingo 14 de xuño da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo

Sen recibir a día de hoxe [11 de xuño] confirmación oficial da súa asistencia á celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento por parte de varias das cidades participantes, e entre elas Santiago de Compostela, a quen correspondía facela este ano, presentará a Ofrenda a cidade de Mondoñedo, que xa confirmou a súa asistencia. A partir do próximo ano recuperarase a quenda tradicional.

Comunicado da Diocese de Lugo con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo

Ante a celebración o domingo 14 de xuño da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo.

– A Diocese de Lugo, como cada ano, agarda a confirmación da asistencia dos representantes das sete cidades do Antigo Reino. Este ano a presentación da Ofrenda corresponde á cidade de Santiago de Compostela, de cuxo consistorio non recibimos aínda notificación oficial.
– Ante as peculiares circunstancias que se están a vivir nos distintos
 concellos este ano, desexamos reiterar a nosa invitación a participar neste acto a todos os alcaldes das sete cidades e aos representantes das Deputacións Provinciais.

A tradición da Ofrenda ao Santísimo, que é reflexo da nosa fe, e tamén da sociedade e da historia de toda Galicia, ten que ser continuada, polo que se manterá a súa celebración.

– Confiamos que unha boa comprensión do que significa a laicidade, permita que as institucións civís, que nos representan a todos, sigan estando presentes, promovendo así unha das mellores expresións da vida do pobo galego.

Caridade e Eucaristía

EucaristíaAsomámonos ao mundo da política e o tema que máis se debate desde fai 4 anos é o das medidas sociais en favor dos desfavorecidos e afectados pola crise. Os partidos políticos da nova era teñen moi claro o de “Stop Desafiuzamentos” e todo o que iso implica.

Na rúa, é moi probable que sempre haxa algunha ONG que che ofreza información sobre os seus proxectos sociais á vez que che pide colaboración económica.

É indiscutible, xa que logo, a sensibilidade que provoca nunha parte da sociedade a outra parte que non ten abondo recursos para vivir nunhas condicións dignas.

Pero coñecemos a verdadeira orixe destes sentimentos de bondade? Pódese explicar todo o mundo da caridade desde a mera filantropía? Se fose así, como se entenden, entón, as guerras con armas entre algúns países, as guerras a base de insultos dos políticos, os ataques terroristas e calquera outro tipo de agresión contra as persoas que enchen as páxinas dos xornais todos os días?

O verdadeiro sentido e orixe da caridade só o atoparemos no que é caridade (amor) absoluto: Deus, que, para ser tal, ten que posuír en grao infinito todas as cousas boas, incluída a capacidade de amar. A nosa capacidade de amar e de facer caridade, xa que logo, é limitada. A de Deus non se esgota nunca. Por iso, se queremos facer caridade auténtica temos que beber da fonte inesgotable de amor que é Deus, que ao crearnos fíxonos tamén participes dela.

Recomendo volver ler a encíclica Deus caritas est de Benedicto XVI.

Damos un paso máis. A orixe da nosa capacidade de amar e compadecernos xa está un pouco máis clara. Pero a finalidade, está clara? Facemos o ben só por un mero sentimento humanitario e porque así nos sentimos mellor? Se un día ninguén no mundo tivese necesidade de material, xa non sería necesario amar-facer caridade?

O Reino de Deus que nos veu a anunciar Xesucristo é un reino de paz e xustiza infinitas, onde ninguén vai pasar ningún tipo de necesidade, porque alí todo será absolutamente perfecto. O cristián, do mesmo xeito que calquera persoa de mundo, desexa vivir nun mundo destas características, por iso trata de adiantar a este momento o que despois será a realidade da vida escatolóxica. A garantía de eternidade que nos ofrece Xesucristo lévanos a vivir xa desde agora nesa clave de caridade permanente, aínda que a nosa condición egoísta, froito do pecado orixinal, lévenos a desviarnos con frecuencia deste camiño de solidariedade.

Xesucristo, o Fillo de Deus, entrégase por amor. E isto é o que celebramos na Eucaristía que alimenta a vida da humanidade. Cando imos a Misa non estamos contemplando unha escenificación dun feito pasado. Celebrar a Eucaristía é enchernos da Palabra e o Corpo de Cristo para que a nosa vida sexa unha vida entregada por amor como a de Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez

Cadea de oración pola vida consagrada en Monforte

O mércores 10 de xuño ás 19h no convento das Clarisas de Monforte de Lemos terá lugar a Cadea de oración pola vida consagrada.

O mosteiro da Inmaculada Concepcion de Monforte de Lemos foi fundado en 1622 por don Pedro Fernández de Castro e Andrade, sétimo conde de Lemos e a súa esposa Dona Catalina de la Cerda y Sandoval.

Actualmente, a comunidade está formada por 11 irmás que desexan vivir o ideal transmitido e xenerosamente vivido por Clara de Asís: a regra, escrita por ela mesma, expresión de como ela viviu e entendeu o Evanxeo baixo a inspiración do Espírito Santo. A vida das clarisas de Monforte é integralmente contemplativa, que conleva unha misteriosa fecundidade apostólica. A comunidade vive do traballo, como signo de pobreza.

A %d blogueros les gusta esto: