Carta dos bispos de Galicia animando aos pais a solicitar Ensinanza Relixiosa na escola

Queridos Pais/Nais

Un ano máis dirixímonos a vós e a toda a comunidade cristiá con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola. En datas próximas teredes que decidir sobre a petición do Ensino Relixioso Católico para os vosos fillos nos centros educativos. Con este motivo os bispos da Igrexa en Galicia queremos lembrarvos algúns aspectos fundamentais respecto da presenza da relixión no sistema educativo.

1.- É un dereito exclusivo de vós, pais e nais. Na educación dos vosos fillos sodes vós os que tedes ese dereito. Así o recoñecen a Constitución Española (art. 27,3), os Acordos Internacionais entre a Igrexa e o Estado español (art. 1,1), e todas as Leis educativas que se implantaron en toda Europa. Vós tedes que orientar a educación dos vosos fillos. É un dereito fundamental voso.

2.- A materia de relixión na escola non é unha concesión benévola dun Goberno. Todo goberno e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito dos pais a que os seus fillos sexan educados segundo as súas conviccións relixiosas e morais. Este dereito debe ser recoñecido e aceptado, e hase de garantir o seu cumprimento.

3.- Sen dúbida están a xurdir voces contra a presenza da relixión no sistema educativo. Algúns están interesados en non darlle cabida no ámbito educativo. Certamente hai que subliñar que o ensino relixioso contribúe á formación integral da persoa. Ante determinadas formulacións tedes que favorecer a auténtica educación dos vosos fillos.

4.- A finalidade da educación relixiosa escolar pretende axudar aos vosos fillos a: desenvolver unha formación integral, proporcionar criterios e valores cristiáns que configuren a súa personalidade descubrindo o sentido da vida, favorecer a relación entre fe e cultura nunha visión cristiá da vida, capacitar para o diálogo respectuoso e construtivo con outras tradicións relixiosas, ofrecer en diálogo coas demais materias a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida e dar a coñecer a Xesucristo e á súa Igrexa.

Consideramos que a formación relixiosa na Escola é unha achega necesaria para a mellor educación dos vosos fillos. Certamente é sempre unha opción libre.

Tratade de que crezan cunha cultura impregnada da formación relixiosa católica!

5.- Facemos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Procurade solicitar, para os vosos fillos, o ensino da Relixión Católica nos centros educativos. É unha consecuencia do compromiso cristián que asumistes ao bautizar aos vosos fillos.

Solicitade libre e responsablemente o ensino relixioso para os vosos fillos!

6.- É necesario que, desde as nosas comunidades deamos un impulso á educación cristiá. O gran esforzo ha de orientarse a que a familia, a parroquia e a escola traballen en colaboración para unha mellor educación.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

Retiro en silencio: Como vivían os primeiros cristiáns a teor dos Feitos dos Apóstolos?

O venres 17 de maio hai un retiro na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais de Lugo. Baixo o título Como vivían os primeiros cristiáns a teor dos Feitos dos Apóstolos? Estará dirixido polo sacerdote da Arquidiocese de Oviedo Andrés Pérez Díaz. O horario do retiro será o seguinte:

  • 10.00 Charla

  • 13.00 Eucaristía

  • Comida

  • 15.30 Charla

Que dereitos e obrigacións teñen os curas?

De todos é sabido que na vida dos curas non se pode separar a vida persoal do traballo. Eu non teño o traballo de cura, eu son cura, independentemente de que exerza ou non como tal ou, mesmo, aínda que me dedicase a outras tarefas profesionais, sigo sendo cura. De igual modo, os cónxuxes son un matrimonio polo sacramento recibido e non pola ocupación laboral de desempeñan.

Dito isto, trato de responder á pregunta que fago no título deste post, aínda que, de entrada, a resposta parece obvia. Os dereitos e obrigacións que teñen os curas son os mesmos que os de calquera persoa do mundo, ou no peor dos casos, os de calquera cidadán do seu mesmo país de residencia. Permítome lembrar aquí o artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o 14 da Constitución Española por se alguén non os leu.

«Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Ademais, non se fará ningunha distinción fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio de cuxa xurisdición dependa unha persoa, tanto no caso dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía».

«Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».

En ningún lado di que por profesar unha relixión se teñan menos dereitos ou obrigacións. Por tanto, os sacerdotes, como calquera cidadán temos os mesmos dereitos e obrigacións e ninguén pode limitárnolos nin impornos outros pola nosa condición de relixiosos.

Diranme que isto é algo evidente, e así debe ser. Pero a realidade está a mudar e isto xa non é tan evidente. A persecución ideolóxica e a limitación da liberdade de expresión e de culto xa empeza a manifestar uns “brotes” preocupantes.

Se o cura manifesta opinións acordes coa ditadura do politicamente correcto non hai problema ningún e mesmo recibirá aplausos. Pero como o cura cruce “a liña vermella” xa sabe o que lle espera. Se o cura opina pola “dereita” hai que denuncialo ao bispo e ao papa e pedir que o cesen ipso facto. Se opina pola “esquerda” está no seu pleno dereito e hai que respectar a súa liberdade.

Segundo os artigos expostos, ninguén nin nada nos pode impor cousas distintas ao resto dos mortais nin limitarnos no goce dos nosos propios dereitos. Seremos nós mesmos, nunha decisión libre, os que aceptemos as normas que nos propón a Igrexa, por exemplo as do Código de Dereito Canónico, que nos impide «aceptar aqueles cargos públicos que levan consigo unha participación no exercicio da potestade civil» (Canon 285 § 3) ou «participar activamente nos partidos políticos ou na dirección de asociacións sindicais a non ser que segundo o xuízo da autoridade eclesiástica competente, esíxano a defensa dos dereitos da Igrexa ou a promoción do ben común» (Canon 287 § 2).

Como ven, non hai nada que nos impida ter as nosas opinións, ler o que nos pareza ou seguir a quen queiramos nos medios de comunicación ou redes sociais.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Día da HOAC – Irmandade Obreira de Acción Católica

O sábado 11 de maio a Parroquia San Francisco Xavier (Lugo) acolle a celebración do Día da HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica). Durante todo o día desenvólvense os seguintes actos:

  • 10:30 h Acollida

  • 11:15 h Oración

  • 11:30 h Presentación do tema do día: a cultura do encontro para un traballo digno nunha sociedade decente. Presentación dos vídeos da HOAC sobre a Doutrina Social da Igrexa

  • 12:15 h Diálogo

  • 12:45 Descanso

  • 13 h Eucaristía participada

  • 14 h Xantar compartido e sobremesa

  • 16 h Festa e xogos

  • 18 h Despedida

Non é necesaria inscrición previa, simplemente achegarse o 11 de maio polos locais da igrexa de San Francisco Xavier.

A %d blogueros les gusta esto: