Peregrinación a Fátima e outros santuarios de Portugal

A Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo organizou, do 13 ao 16 de setembro, a IX Peregrinación Diocesana de Lugo a Fátima. Participaron 143 peregrinos de varios lugares da Diocese lucense, acompañados de 2 sacerdotes, que viaxaron en tres autobuses.

Houbo distintas celebracións organizadas no Santuario de Fátima: Misa na Capelinha das aparicións presidida por un sacerdote lucense o venres día 13; Procesión dos fachos, coa imaxe da Virxe de Fátima portada por peregrinos da Hospitalidade lucense, o sábado día 14; Misa Internacional, etc

Tamén se visitaron Lisboa, (onde se celebrou unha Misa na Basílica construída sobre a casa natal de San Antonio de Padua,) Coimbra, todo o conxunto de Bom Jesús e o santuario de Sameiro, lugar onde se tivo un acto mariano.

Educar para a competitividade?

Nos medios de comunicación aparece frecuentemente que o sistema educativo debe dar como resultado profesionais titulados altamente competitivos para o mercado. Esa insistencia na competitividade leva consigo que se vexa aos demais como adversarios, como inimigos do propio éxito e da propia autorrealización. Son competidores aos que debo vencer, derrotar.

Cando se entende que a opción normal para afrontar a vida é a loita pola existencia como a base primordial do progreso social humano, entón, hai que prepararse para vencer aos rivais -individuos, non persoas- con medios eficaces para conseguir o triunfo na vida fronte a eles.

Dende esta perspectiva é lóxico que se entenda a moral como o camiño axeitado para chegar ao triunfo individual, non como o camiño axeitado de realizar o ben común. Nesta liña de pensamento está a crenza moi xeneralizada de que “o fin xustifica os medios”, que vai contra calquera moral verdadeira que esixa que tanto o fin coma os medios teñan que ser xustos.

Pero hai outra opción educativa que é educar para a colaboración e a solidariedade.

Lembro que un alumno meu, cando expuxo na clase o contido do libro do profesor de Harvard, Martin Nowak, Super Cooperadores, falaba da oposición entre cooperación e evolución. Tiven que recordarlle que a tese dese libro non era esa senón a de que a evolución dáse precisamente pola cooperación. Entre os seguidores desta tese quero destacar a Kropotkin e o seu libro O apoio mutuo. As actuais escavacións de Atapuerca tamén mostran que os humanos primitivos alí residentes eran solidarios coidando dos inválidos e inútiles por amor, o que é un factor determinante na evolución.

Gerald Hüther no seu libro La evolución del amor retrata a historia evolutiva e cultural do ser humano pola cooperación e a unidade desde a creación. Este profesor de Neurobioloxía na Universidade de Gotinga (Alemaña), asesor en temas científicos de Angela Merkel, explica que a selección natural non se rexe só pola competencia, senón tamén polo amor que nos mantén unidos á natureza e aos demais. Os biólogos citan seres vivos nos que a nai chega a deixarse comer pola súa descendencia para garantir a supervivencia deles.

No campo da Botánica quero citar a Peter Wohlleben (La vida secreta de los árboles, editorial Obelisco) entrevistado por Inma Sanchis en La Vanguardia (18-XI-17) baixo este título: “As árbores adultas alimentan e coidan das pequenas”. Das súas respostas na entrevista destaco:

Cada árbore é importante para a comunidade e o bosque actúa en consecuencia: aos exemplares enfermos o resto proporciónalles os nutrientes necesarios para que sandenA que ten moito cede e a que ten pouco recibe axuda”.

E engade: “Moitos botánicos sosteñen que nas puntas das raíces teñen estruturas similares ao cerebro. De feito sabemos que as árbores teñen memoria, son capaces de rexistrar e distinguir as temperaturas en ascenso da primavera das que están en descenso durante o outono”.

E falan ao seu xeito: “Mediante sustancias odoríferas comunícanse. Cando se aproxima un perigo, as acacias avisan ás súas conxéneres emitindo etileno, un gas de avisoTamén envían avisos mediante sinais eléctricas a través das raíces e das redes de fungos, que son como o noso sistema nervioso”.

Todo isto, en consecuencia, debería levarnos a desenvolver a tarefa educativa nos centros escolares en clave de colaboración interpersoal.

Un cristián ademais debe ter en conta que o único mandamento que Cristo nos deu foi que “nos amemos uns aos outros como El nos amou” (Xn 13, 34), mandamento que ten o seu fundamento en que “Deus é amor” (1 Xn 4, 8).

A dinámica educativa de colaboración pola existencia esixe desenvolver ao máximo as capacidades propias para o ben común de todos. Canto máis un estude e mellor se prepare, máis eficientemente vai poder axudar aos seres queridos e a toda a humanidade! Somos unha única humanidade, descendentes dunha única Eva, segundo nos mostra o ADN mitocondrial e, por tanto, debemos responsabilizarnos uns dos outros.

Cando constatamos que no noso sistema educativo se insiste en entender a evolución só como loita pola existencia e, mesmo, alumnos de Políticas non oíron falar de Kropotkin, tanto insistir no materialismo e na competitividade… fai entendible que as consecuencias sexan que os estudantes non se presten os apuntamentos e que os opresores teñan máis facilidade para impor a lei do máis forte, apoiados polo saber universitario.

Non axudaría isto tamén a explicar que haxa tantos partidarios de excluír a presenza dunha materia seria no currículo escolar que estude o Deus solidario dos pobres e excluídos?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Triduo en honra da Virxe das Dores

Os días 13, 14 e 15 de setembro a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María (Lugo), celebrará un Triduo en honra da Virxe das Dores na igrexa dos PP. Franciscanos de Lugo co seguinte horario:

  • Ás 19,00 horas: Santo Rosario

  • Ás 19,30 horas: Santa Misa

O último día, o domingo día 15, a misa será cantada polo Orfeón Xoán Montes, de Lugo, e ao finalizar a mesma, haberá un bicamans á Virxe das Dores, para todas aquelas persoas que queiran achegarse.

Nesta celebración, a Virxe volverá lucir o seu valioso manto procesional, confeccionado en 1965 en Valencia con veludo negro bordado en ouro e adornado con pedraría e perlas, e considerado polos entendidos como o máis valioso dos que existen na Semana de Paixón galega.

3.000 habitantes, 16 parroquias e un cura

Foto tomada en O Padrón (San Xoán), A Fonsagrada

O sacerdote Miguel Álvarez, está á fronte de 16 parroquias no concello da Fonsagrada, na montaña lucense que linda con Asturias. A mediados do século XX había uns 18.000 habitantes. Hoxe son uns 3000.

«Na zona, a igrexa de Santa María funciona como cabeceira da unidade pastoral. Alí concentro os servizos de Cáritas, a catequese, a formación de adultos, a adoración eucarística, a atención aos peregrinos do Camiño Primitivo e o despacho parroquial. Nesta parroquia hai misa diaria. No resto, celebro unha vez ao mes, salvo en festas importantes como Ramos ou Santos, ou a festa do patrón».

Os demais días da semana son os axeitados para que o sacerdote se faga presente e acompañe ás parroquias onde non se celebre misa dominical: oración, encontro, visita a enfermos… Esta reestruturación non pretende suprimir parroquias, por iso tamén se celebran alí festas, vodas, bautizos, funerais, etc. E, por suposto, tense en conta a peculiaridade da zona de que se trate: «Nesta zona da montaña lucense a maioría das aldeas que conforman unha parroquia teñen a súa propia capela. A estas capelas adoito ir unha vez ao ano, pola festa da aldea ou cando me chaman. Antes, cando os sacerdotes tiñan menos parroquias, soían visitalas e celebrar misa algúns días de semana. Hoxe é imposible».

O Camiño Primitivo pasa pola Fonsagrada e cada vez son máis numerosos os grupos que transitan por el: «Desde hai uns 10 anos a atención aos peregrinos ocúpame moito tempo, pero á vez supón unha inmensa riqueza para a parroquia, non só animan a misa diaria, senón que dan testemuño e revitalizan a zona».

Miguel Álvarez, como outros sacerdotes, implantou unha rede de comunicación cos seus fregueses que lles permite sentirse unha verdadeira comunidade: «A finais de agosto envío a todas as casas o programa coas datas das misas e as celebracións máis importantes do ano. Ademais, teño unha axenda pública que se pode consultar por Internet e que se actualiza en tempo real. Todas as semanas envíolles por correo electrónico e WhatsApp unha carta na que lles conto as novidades e materiais para a reflexión espiritual e a formación cristiá».

Tomado da revista Ecclesia

Proxección da película “Hospitalarios: las manos de la Virgen”

O martes día 10 de setembro de 2019, ás 18:30 horas, proxéctase nos Cinemas Cristal da cidade de Lugo (rúa Montero Ríos nº 25), a película Hospitalarios: las manos de la Virgen da produtora audiovisual Gospa Arts, que mostra, por primeira vez desde dentro, o servizo e a entrega desinteresada dos voluntarios das diversas Hospitalidades españolas de Lourdes, que todos os anos acompañan aos enfermos e discapacitados nas distintas peregrinacións diocesanas, así como o testemuño dos enfermos de que tamén desde a súa enfermidade ou discapacidade hai moito que ofrecer ao mundo.

O prezo normal da entrada é 7,20€. Para os xubilados, menores de 13 anos e con carné xove é 6,20 €

A %d blogueros les gusta esto: