Celebración do centenario das Misioneiras Eucarísticas de Nazaret

A comunidade de Misioneiras Eucarísticas de Nazaret de Lugo organizou varios actos de acción de grazas polos 100 anos de existencia da Congregación. O mesmo día no que se cumpría o centenario, o 3 de maio, na igrexa de San Froilán o Sr. Bispo  Mons. Alfonso Carrasco presidiu unha Eucaristía. Estiveron presentes sacerdotes da Diocese de Lugo e doutras dioceses veciñas, membros de distintas ramas da Familia Eucarística Reparadora, doutras congregacións, fregueses, amigos…

Na homilía, Mons. Alfonso Carrasco considerou “un inmenso privilexio que poidamos participar neste momento histórico do centenario da fundación por San Manuel González desta congregación adicada á presenza eucarística do Señor. Seguíase o modelo daquelas persoas que estiveron ao pé da Cruz, que dalgún xeito salvaron a nosa dignidade como xénero humano. San Manuel contemplaba o misterio da Eucaristía cando o seu corazón quedou conmovido definitivamente”.

Desde hai tres anos están en Lugo as Misioneiras Eucarísticas de Nazaret, irmás Esther Herrero e Mónica Maldonado, que promoven a lectio divina na Catedral, a formación de grupos eucarísticos, a motivación para a oración, colaboran na Delegación de Catequese.

Agora, máis ca nunca, traballo decente

A estas alturas aínda hai quen cre que a Igrexa non ten que meterse en leas co traballo, porque din que a súa espiritualidade está baseada en seguir uns ritos nos que nin se celebra a vida, nin están presentes os sufrimentos dos irmáns aos que dicimos amar. E hai outros que a queren excluír, porque din que está ancorada en hai 80 anos e vena como unha xerarquía unida ao poder; unha Igrexa que non coñecen e que xa pasou aos libros.

Pero na realidade bíblica vemos como Xesús escoitaba os problemas da xente, e o seu amor facía que se compadecese dela e axudábaa. Denunciou aos causantes deses sufrimentos e por iso chegou a ser moi incómodo. A súa morte na cruz e a mostra de todo isto.

Hoxe hai moitas situacións de inxustiza e explotación. E algunhas danse no mundo do traballo, que é uns dos lugares onde deberiamos desenvolvernos como persoas, onde pór os nosos dons ao servizo dos demais e onde conseguir o noso sustento para unha vida plena. Algo básico, pero non se dá para moitos.

Non me estendo nestas situacións porque as escoitamos todos os días e non teño espazo, pero, por exemplo, aproveitámonos dos inmigrantes para traballos que poucos queren e son mal pagos. A pandemia esnaquiza un sistema baseado no beneficio como máxima, deixando centos de miles de parados. Cambiaremos o sistema para que isto non ocorra?

O Papa Francisco, en Fratelli Tutti di: “As capacidades dos empresarios son un don de Deus que deben orientarse ao desenvolvemento das persoas, á superación da miseria, creando fontes de traballo diversificadas. Anhelamos un planeta que asegure terra, teito e traballo para todos. Axudar aos pobres con diñeiro é algo provisorio para urxencias. O obxectivo é permitirlles unha vida digna a través do traballo”. “A política debe lograr unha sociedade que asegure a cada un achegar as súas capacidades e esforzo para gañar o pan, para o seu crecemento persoal, relacionarse sanamente, expresarse, compartir dons,…”. E denuncia: “Hoxe atopámonos cunha especulación financeira que causa estragos”. E é que as mercadorías e o diñeiro circulan libremente pero non as persoas. Coa explotación de millóns de persoas e do medio ambiente podemos ter bens a baixo prezo e uns poucos enriquécense sen medida.

A Igrexa, desde o século XIX, ten experiencias de traballo e industria cristiá. En Lugo están as Josefinas, fundadas por Bonifacia e Butiñá, que crearon talleres téxtiles para mulleres en risco de exclusión (antes dicíase: “de perderse”). Nesa era de industrialización, Butiñá viu necesaria unha industria cristiá, baseada nuns valores. E hoxe en día, por exemplo, xa hai a Economía Alternativa e Solidaria. É difícil ser emprendedor hoxe, pero necesitamos empresarios que creen traballos adaptados a esta nova época. Persoas creativas que queiran crear felicidade na súa contorna e baseada nuns valores que creen unha sociedade digna.

Solto estas preguntas: Aprovéitanse do teu traballo? Aprovéitaste da suor do de en fronte? Que podes facer para aumentar a calidade do traballo no mundo? Coñeces propostas persoais e comunitarias que a aumentan e que sexan transformadoras? Es consciente de por que traballas? Fas o teu traballo con e por Amor, para prestar un servizo?

Desde “Igrexa por un Traballo Decente” (Cáritas, CONFER; HOAC, JOC, JuanSoñador e Taller de Solidariedade), pedimos un traballo digno para todos e protección social para os que non poden acceder a el.

Ningún mozo, persoa, nin familia sen Traballo Decente. Todos temos dereito a un traballo digno para gañar o pan e desenvolvernos como persoas.

Gerardo Castedo

Plataforma Igrexa por un Traballo Decente

A %d blogueros les gusta esto: