Peregrinación a Santiago organizada por varias parroquias

As parroquias de A Milagrosa, Castroverde, Meira, Pol e Sarria organizan unha peregrinación a Compostela facendo cada mes a pé un tramo do Camiño Primitivo.

  • 22 de xaneiro: Lugo – San Román da Retorta (18 km)

  • 12 de febreiro: San Román da Retorta – Merlán (15 km)

  • 19 de marzo: Merlán – Cortobade (18 km)

  • 16 de abril: Cortobade – Amenal (17 km)

  • 14 de maio: Lavacolla – Santiago (9 km)

Tras as pegadas do Mesías

O Antigo Testamento estaba cheo de esperanzadoras promesas, que xa están cumpridas. O amor pide presenza. Deus, que é amor sen medida, éncheo todo coa súa inmensa grandeza. Contémplao todo con eterna sabedoría. Diríxeo todo con divina providencia e perdóao todo con cordial misericordia.

Da presenza de Deus están cheos os ceos e tamén o están os espazos terrestres. Pero desde o primeiro Nadal, a súa proximidade intensificouse. Agora Deus vive no medio do seu pobo. É un de nós e busca que nós nos parezamos a el. Dúas cousas pretendeu Xesús coa súa encarnación: redimirnos e exemplarizarnos. Para redimirnos abondáballe pór a planta dos seus pés na nosa terra, pero para darnos exemplo, quixo percorrer os nosos carreiros, deixándonos as súas pegadas no camiño, a fin de que, seguíndoas, cheguemos á meta sen tropezos nin desviacións.

A vida é un camiño e nós uns peregrinos empuxados polas horas e orientados polo que Xesús ensinou e testemuñou. O camiño está perfectamente sinalizado. Isto garántenos o noso acceso á meta, pero implica o compromiso de que tamén os cristiáns deixemos pegadas co noso cotián vivir, como o fixo o Mesías. Os seus pasos deixáronse sentir. Imposible borrar as pegadas do seu camiñar. O impacto do seu testemuño non se podía esquecer. A súa presenza garantía pan ao famento, mobilidade ao paralítico, acollida amorosa ao pródigo… e este singular comportamento daba prestixio á súa persoa e credibilidade á súa doutrina. Á luz do que ensinaba, os inimigos fuxían derrotados e ao redor da súa persoa, aliñábanse miles de discípulos. O talante deste singular sementador asombraba aos seus contemporáneos. A valoración das pegadas de Xesús lémbranola o Papa Francisco na convocatoria do Sínodo dos Bispos, para que todos xuntos, xerarquía e fieis, fagámolas nosas no noso diario vivir e sirvan de “vieiras“ aos nosos irmáns no seu camiñar por sendeiros de fe e de fraternidade.

O Pontífice sinálanos que tres son os fitos do Sínodo: ENCONTRO, ESCOITA e DISCERNIMENTO. Así o fixo o Señor. VEU á terra e púxose a camiñar ao noso carón, interesándose polos nosos problemas. Foi un encontro sanante: pregunta, non por curiosidade persoal, senón para poder diagnosticar as nosas deficiencias e porlles remedio. Xesús ten claro que a súa vocación é redentora, e vívea con cordial responsabilidade.

Este comportamento de Xesús é a primeira “vieira” que nos indica o camiño para atoparnos co divino sanante. A tal encontro chámaselle vida interior, vida de piedade, vida de intimidade con Deus. Coidemos as nosas relacións con el, xa que esta é a primeira intencionalidade sinodal.

A segunda “vieira” é a ESCOITA para coñecer as doenzas que padece a Igrexa nestes momentos, e sometela a un tratamento renovador. Oímos moitas denuncias contra a autenticidade ministerial das autoridades eclesiásticas; contra a metodoloxía pastoral, pero non abonda con oír, é necesario escoitar. Oír serve para informar. Só o escoitar pódenos mover a poñer remedio. Escoitemos ao Espírito, para que nos diga o que debemos achegar á Igrexa nestes momentos, e escoitemos aos cristiáns do montón, para ver o que necesitan, e prestémoslles a nosa axuda con toda xenerosidade.

Do encontro e da escoita, xorde a terceira “vieira” sinodal: o DISCERNIMENTO. Eles ilumínannos para que o Sínodo sexa un acontecemento de graza, que libere á Igrexa de toda prepotencia mundana e a nós fáganos ver que os modelos pastorais repetitivos en que nos movemos non son os mellores para dar á sociedade o talante cristián que necesita.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Día do Catequista Nativo e do Instituto Español de Misións Estranxeiras

O 6 de xaneiro de 2022 celébrase o Día do Catequista Nativo, este ano baixo o lema “A Misión, tarefa de todos”. Porque na misión do Señor todos somos corresponsables.

O Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME) é unha canle que se ofrece ás dioceses de España, concretamente aos sacerdotes, para realizar a misión. IEME conta con máis de 100 sacerdotes misioneiros diseminados por varios países de América, África e Asia, procedentes de 33 dioceses españolas.

O Instituto Español de Misións Estranxeiras presenta o 41º encontro-convivencia de animación misioneira para sacerdotes diocesanos e diáconos que se realizará do 10 ao 13 de xaneiro en Madrid. Trátase dun encontro de sacerdotes con inquietude misioneira ou que pensen saír á misión ad gentes.

Contactos: Luís Carlos e Miguel Anxo 917 268 427

Equipo de Formación e Animación Misioneira do IEME

A familia é un “ti” da Trindade

A Santísima Trindade é un misterio que non podemos coñecer se non se nos revela, e aínda revelado, non podemos explicar nin comprender plenamente.

Segundo as Escrituras, o específico deste misterio é a “pluralidade de persoas e a unicidade de natureza“. Este misterio está integrado por Deus, Pai increado; por Deus, Fillo eternamente procreado, e por Deus Espírito Santo, cordialidade divina, que vincula indivisiblemente ás tres divinas persoas.

Isto é o punto de referencia para estruturar a convivencia dos humanos na vida social.

A lotaría do 22 de decembro trouxo a sorte a unhas poucas familias economicamente afortunadas, pero coa encarnación do Fillo de Deus, a sorte sorriu a toda a familia humana. Deus, que é familia trinitaria, valora moito as nosas familias e cóidaas coa súa providencia.

Nós lamentamos que Xesús tivese que nacer nun presebe. Isto indica a mala acollida que atopou o Salvador ao entrar no noso mundo. Con todo, podemos dicir que naceu nunha familia, e isto foi unha gran sorte para o Neno Deus, porque os mellores berces son os corazóns dos pais. Neste caso, ningún berce mellor que o corazón de María e de San Xosé. Á familia de Nazaret chamámola a Sagrada Familia, porque reflicte a familia Trinitaria.

Tamén as nosas familias teñen algo de sagrado, xa que “onde dous ou tres reúnense no meu nome, alí estou eu no medio deles“, di o Señor. As familias cristiás son como un sacramental da Familia Trinitaria, porque nelas hai pluralidade de membros, e o amor úneos a todos baixo o mesmo teito.

Lamentablemente, hoxe ponse en cuestión a institución familiar. Nos nosos días, a familia vese sacudida por múltiples conflitos que deterioran a súa identidade e os seus valores.

A institución familiar é a realidade mais importante e máis influente da sociedade. O mundo será o que sexan as familias. Elas son o primeiro patrimonio da humanidade. “O futuro da humanidade pasa a través da familia”, di o Papa emérito, Benedito XVI. Por iso, axudar á familia, é un dos mellores servizos que podemos presentar ao ben común. Empecemos pola base, porque así, como a fertilidade das raíces condiciona o crecemento, a floración e o froito da árbore, tamén a fertilidade da vida cristiá dos maiores condiciona a floración conductual das futuras xeracións. Deixémonos de denunciar o materialismo dos nosos mozos e o seu absentismo dos actos de culto, porque como dixo un soado pedagogo dos nosos tempos, “Aos pais do mañá hai que educalos 20 anos antes de nacer; antes de ser pais, para que a súa futura paternidade sexa xeradora de auténticas familias cristiás”. Como sempre, á sega precede a sementeira. A historia repítese: os froitos en sazón dos tempos presentes, son as espigas do gran dos nosos avós.

Esteamos seguros de que as nosas sementeiras deben ser presaxio de ubérrimas colleitas nun futuro próximo.

Hoxe que se pon en cuestión a institución familiar, a Igrexa convídanos a mirar á Familia de Nazaret, para valorar a súa exemplaridade e imitala.

O futuro das familias do mañá está nas nosas mans e, consecuentemente, tamén o está a sociedade do porvir.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: