Pregón de Nadal en Lugo

O 21 de decembro tivo lugar o Pregón de Nadal no salón de actos de Afundación (Lugo). O acto foi presentado por Manuel Romay López, presidente da Asociación de Belenistas de Lugo, que organizaba o evento. E o pregón deuno o notario José Manuel López Cedrón, para quen no Nadal trátase de conmemorar, de lembrar que Xesús nace en Belén por amor á humanidade, por todas as xentes de boa vontade. Tamén sinalou que ningunha outra celebración resistiría se sufrise os ataques soportados polo Nadal, que é indestrutible. E a pesar de que a vida nos apartase da vida dos nosos antergos, hai unha luceciña que non se apaga.

Despois das palabras de José Manuel López Cedrón, o público asistente puido disfrutar da interpretación de varias panxoliñas, polo Orfeón Xoán Montes, dirixido por Pablo Rico Echegaray.

Celebracións de Nadal na Catedral

  • 22 de decembro ás 21 h: inauguración do belén da Catedral. Actúa o Orfeón Lucense
  • 24 de decembro ás 24 h: Misa de Medianoite. Preside o Sr. Bispo. 
  • 25 de decembro ás 13 h: Eucaristía de Nadal. Preside o Sr. Bispo. Intervén o Orfeón Lucense
  • 26 de decembro ás 20 h Santa Misa. Cóntase co Coro do Hospital
  • 30 de decembro ás 20 h  Santa Misa e concerto do Orfeón Lucense
  • 31 de decembro ás 20 h  Te Deum
  • 1 de xaneiro ás 13 h  Misa da solemnidade de Santa María, Nai de Deus. Preside o Sr. Bispo
  • 6 de xaneiro ás 13 h  Misa da solemnidade da Epifanía do Señor. Preside o Sr. Bispo

Celebración de Nadal do Colexio Diocesano San Lorenzo

O xoves 22 de decembro o Colexio Diocesano San Lorenzo celebra o Nadal cos seguintes actos:

  • 10:15 h  bendición do belén
  • 10:30 h  canto de panxoliñas na Praza Maior.
  • 12:30 h  celebración da Eucaristía na Catedral.
  • 13:30 h  entrega de premios.

Durante a xornada realízase unha venda de pasteis a prol de Cáritas Diocesana.

Alegria do Nadal

A semana pasada comentabamos os termos espera e esperanza, advertindo que aínda que a súa sonoridade é semellante, o seu significado é distinto. A espera causa fastío e revístenos de pesimismo; pola contra, a esperanza achéganos gozo e entusiasmo. O que se move en clima de prolongada esperanza, faino con gozosa responsabilidade, desexando colaborar co plan de Deus, e congratúlase contemplando a beleza da creación e a perfección arquitectónica dos monumentos.

Hai dous signos que nos falan da presenza do Mesías entre nós: son os comportamentos exemplares de moitos cristiáns. O comportamento fraterno de moitos crentes, cuxa exemplaridade é un signo primaveral do mesianismo do mundo, como o son tamén os miles de cidadáns que, sendo ricos, fanse pobres, para que a ninguén falte o pan de cada día. É verdade que non todo é ourego nos nosos campos. Hai tamén ortigas nos nosos hortos. Pero aí está a Igrexa, presenza viva do Mesías, que nos lembra que debemos sorrir cos que son felices, e levar sempre un pano de reposto para enxaugar as bágoas dos que choran. Así o fixo o Mesías, nada máis pisar terra, fai dous mil anos, e quedou connosco, para inculcarnos que así o debemos facer tamén nós. O Mesías quedou connosco. El é camiño, verdade e vida. Neste camiño están os bos discípulos de Xesús: sigámolos. El é verdade plena: creamos nel sen ambaxes nin rodeos. El é vida e camiña ao noso carón: mirémolo para que non perdamos a ruta e podamos camiñar sen errar o camiño. Procuremos evitar os tropezos, e se caemos, ao noso lado vai unha man amiga, tendida para erguernos.

O amor pide presenza. Por iso Deus, que é amor sen medida, éncheo todo coa súa inmensa grandeza; contémplao todo con eterna sabedoría; todo o dirixe co seu infinito poder, e coa súa divina providencia gobérnao. Da divina providencia están cheos os ceos e estano tamén os espazos terrestres. O Señor faise presente no pobre e no desvalido; no perseguido e no marxinado; pero os nosos criterios non coinciden cos seus. Non nos resulta atraente a figura dun Deus con aureola de xustiza; non nos vai aos homes do século XXI. Preferimos o Deus samaritano que sempre ten abertas as portas da súa casa para o fillo sumiso e para o fillo rebelde, porque sempre mirou a todos con ollos do corazón. Cando o fillo rebelde chama á porta do seu antigo fogar, sente a tentación de pedirlle a Deus que lle faga un transplante de corazón ao seu ancián pai, porque pensa que no peito do seu vello pai, xa non queda un corazón capaz de amar, pero equivocouse, porque o que de verdade amou unha vez sinceramente, ama para sempre, e demóstrallo o abrazo de pai con que o recibe esta mañá.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Ver artículo en castellano]

Festa da aprendizaxe no Colexio A Milagrosa

O venres 16 de decembro, a partir das 9.30 h o Colexio Diocesano A Milagrosa presenta a finalización do seu segundo proxecto educativo. Acto ao que se convida tanto aos pais do alumnado como a todos aqueles que desexen coñecer o centro. Asistirán, ademais, o bispo de Lugo, e autoridades civís.

O colexio, situado na praza do Ferrol, conta coas etapas educativas de educación infantil e primaria, e ten uns 230 alumnos.

Desde este curso a titularidade do centro é da Diocese de Lugo, que potenciou o modelo pedagóxico baseado en proxectos de ámbito, cos que xa conta o Colexio San Lorenzo e que permite unha continuidade entre os dous centros. Con esta metodoloxía o alumnado traballa os 5 bloques de contidos propostos no currículo dun xeito moito máis activo, sentíndose protagonista, conxugando a memorización coa capacidade expositiva e a reflexión propia.

Con esta celebración da aprendizaxe e a xornada de portas abertas, o Colexio pretende mostrar o proceso de aprendizaxe do alumnado e os beneficios múltiples desta pedagoxía implantada recentemente no centro.

A %d blogueros les gusta esto: