Xornada de Portas Abertas do Colexio diocesano San Lorenzo

A primeira das Xornadas de Portas Abertas que realiza o Colexio diocesano San Lorenzo será o vindeiro venres 16 de decembro de 2022 ás 16:30 h, para as etapas de ESO e BAC. Para estas mesmas etapas tamén haberá Xornadas de Portas Abertas o 13 de febreiro, o 27 de marzo e o 15 de maio de 2023 á mesma hora. E o 15 de maio de 2023 para Ciclos Formativos. Hai un formulario para inscribirse na web do centro.

La Voz de la Verdad convoca un concurso de tarxetas de Nadal

A libraría La Voz de la Verdad convoca o XIV concurso de tarxetas de Nadal. Poden participar alumnos de Infantil, Primaria e ESO que cursen estudos en Galicia.

Os traballos deberán ser tarxetas de Nadal orixinais e inéditas en tamaño DIN-A4 sen pregar e por unha soa cara. O soporte será cartolina ou cartón pluma. A técnica será libre. Información sobre outras condicións de participación e sobre os premios, aquí.

Espera e esperanza, caracteristicas de Advento

Estes dous termos teñen sonoridade semellante, pero os seus significados son desiguais. A espera mira ao pasado e precede ao dereito lexítimo ao que sentimos acredores e cuxa tardanza en recoñecérnolos sempre nos molesta e en ocasións cáusanos enfado. Moi ao contrario, a esperanza mira ao futuro, e ilusiónanos e estimúlanos a pór os medios para acelerar que se nos conceda o que se nos prometeu, e nós desexamos e cremos merecer.

O Advento é o tempo oportuno para intensificar o desexo dun futuro mellor. O home sabe que o seu futuro non está escrito; que a súa vida está a facerse e que en boa medida, o mañá depende da súa responsabilidade; e que esta crece en proporción do desexo de posuír aquilo que aínda non se ten, e aquí intervén a esperanza que anima e estimula. Canto máis sublime sexa o ideal, máis intenso será o sacrificio por alcanzalo. A esperanza non é só un desexo informativo, senón unha virtude transformativa. O que espera renova as súas enerxías cada día. O que non espera, vístese de tristeza, enferma de pesimismo e morre prematuramente. A esperanza nútrese de sacrificios, pero mantén o optimismo, porque sabe que despois de sementar, virá a recolección. Isto é aplicable á esperanza humana que se funda nas capacidades do home. Pero o cristián ten como garantía da súa esperanza a promesa do Señor. En todas as páxinas da Biblia, percíbese o perfume da esperanza. O pobo de Deus é un pobo de esperanza, fundándose nas promesas do Alto. Iavé ordénalle a Abraham que deixe a súa casa e que atopará a chamada Terra de Promisión. Abraham obedece a orde do Señor, ponse en camiño, e atopa pan e abundancia de bens. Daquela terra xurdiron os profetas que cultivaron a esperanza de recuperar o paraíso perdido. Ese paraíso primitivo é o Reino de Cristo, que está chamado a crecer e salvarnos a todos. Para iso, o mesmo Mesías decide facerse home e pídenos que nós os cristiáns sexamos os seus colaboradores; que sexamos pastores, apóstolos… e que traballemos como misioneiros restauradores do Reino de Deus.

No tempo actual a Igrexa segue traballando para que se faga presente Xesús entre nós, ata que o mundo sexa fermento do Reino de Deus. Para lograr isto debemos encarnar hoxe os cristiáns o espírito dos profetas e demais homes de Deus do Antigo Testamento. Que cheos de esperanza suspiremos pola vinda do Redentor e contaxiemos aos nosos contemporáneos este espírito de esperanza redentora, convertendo a nosa relixiosidade nun advento de esperanza e de súplica que nos mova a repetir constantemente: “Ven, Señor. Ven que te agardamos. Ven pronto, Señor”. Sintamos sinceramente a necesidade de Cristo nos nosos corazóns, nos nosos fogares, nas nosas empresas e nos nosos ambientes, a fin de que o noso mundo sexa novo paraíso terreal, tal como previu o Creador para os homes.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia actúa na Catedral

O venres 9 de decembro ás 20:30 h actuará na Catedral de Lugo o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixido por Javier Fajardo Pérez-Sindín. O programa chámase ‘Son imprescindibles’, e mostrará parte da música coral galega máis representativa dos últimos 125 anos. Inclúese a Misa solemne na honra ao Apóstolo Santiago composta por Xoán Montes. Na segunda parte do concerto, o coro cantará obras de compositores como Joam Trillo, Margarita Viso ou Fernando Buide.

Retiro de Advento

Na mañá do sábado 10 de decembro a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza un retiro de Advento no Seminario de Lugo. Está aberto a todos, comeza ás 10 h e conclúe ás 14 h. Predica o párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé de As Gándaras, Daniel García.

A %d blogueros les gusta esto: