Non é só cuestión de diñeiro

 No Ángelus do pasado domingo 24 de xaneiro, o Papa Francisco explicaba como o Evanxeo transforma a sociedade e exhortábanos a «evanxelizar aos pobres», e non dar só axuda en clave social ou política.
Alégrome moito de que o Papa falase nestes termos e con esta claridade. Falamos de pobres, inmigrantes, refuxiados… pero confundimos os termos e, sobre todo, as estratexias de actuación, esquecendo os efectos positivos da presenza de Deus no medio do mundo a través do Evanxeo e da celebración sacramental da fe.
Todos estamos de acordo con que estas palabras non debesen existir no dicionario. Máis ben, non deberían existir persoas ás que aplicar estes cualificativos. Por desgraza non é así. Nunca tanto se falou dos marxinados e nunca estivemos tan sensibilizados con estas situacións tan dolorosas. Os novos medios de comunicación, a globalización e a actual situación económica influíron para que a nosa conciencia reaccione -ás veces de maneira pasaxeira- ante o panorama actual.
Tampouco se pode meter dentro do mesmo saco a todos os marxinados. Preséntanse casos moi distintos. Desde Occidente tratamos de arranxar todo isto só con achegas económicas pero non é suficiente e, na maioría dos casos, tampouco é o mellor. Estou convencido de que axudar a algunhas persoas a saír da súa situación unicamente con diñeiro non é o mellor nin o máis eficaz.
Falo desde a autoridade que me dá o atender o despacho de Cáritas da parroquia e o coñecer de primeira man a situación dos que chegan pedindo unha axuda. Non fago este labor só xa que hai voluntarios que axudan moito.
Pódese dicir que en moi poucos casos son problemas meramente económicos. Estes casos solucionaríanse facilmente, pois a parroquia dispón de recursos suficientes para eles. Estamos a falar de persoas con pensións moi pequenas, con algún membro da familia en paro, inmigrantes que tiveron un gasto excepcional… que veñen a Cáritas un par de veces ao ano ou cando están apuradas de verdade, pero a maior parte do ano viven dos seus propios recursos e esforzos.
Os casos restantes podemos dicir, con pena, que son casos perdidos e a solución non pasa por unha achega económica por grande que esta fose. Non se cura un cancro con aspirinas. A cuestión é saber por que se chegou a esta situación e tentar arranxar o problema na orixe, pero isto non lle interesa a ninguén, quizais porque non dá votos. Venden moito máis unhas grandes cifras para asuntos sociais nos orzamentos xerais das Administracións Públicas que propor outras medidas máis efectivas, pero menos populares.
Facendo unicamente curas de urxencia, sen denunciar e sanar a orixe da enfermidade, os afectados nunca recuperarán a saúde integral.
Outro caso distinto é o dos inmigrantes e refuxiados. Nós temos que atendelos como quen acolle a un irmán que vive na mesma “casa común” (encíclica Laudato Si’). O coidado desta casa pasa, en primeiro lugar, por coidar aos da mesma especie, os nosos irmáns.
As causas polas que teñen que fuxir dos seus países de orixe non dependen, polo menos directamente de nós. Nestes casos estamos a falar de complicados problemas históricos e económicos que lles correspondería solucionalos aos organismos internacionais. Pero todos podemos e debemos denunciar as causas e consecuencias destas situacións “caia quen caia” e sendo “a voz dos sen voz”.
Se se fixan, na columna de hoxe case non mencionei para nada a Deus nin á relixión. Mantíveno á marxe. Quizais o mundo fai o mesmo e por iso chegamos a estas situacións tan tristes.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

Peregrinación xuvenil a Fátima

Copia de peregrinacion a Fatima

Máis de 600 mozos de toda España peregrinan ao Santuario de Nosa Señora de Fátima.

De Lugo saen o venres 5 de febreiro pola tarde para chegar a Leiría, onde se fai noite e na mañá do sábado únense a todos os peregrinos. O sábado despois de comer empréndese a camiñada ata Fátima. Ao chegar saúdase á Virxe e celébrase Misa.

O domingo hai exposición de temas, reunións por grupos, e varias experiencias que axudarán no camiño de fe.

O luns tamén hai temas e reunións por grupos, pola tarde hai grupos por lugares de procedencia para celebrar a Misa e vivir as consagracións.

O martes celébrase Misa de despedida e regrésase a Lugo.

A Igrexa nunha sociedade aberta, tema das Xornadas de Teoloxía

xornadas de teoloxía

Baixo o título “A Igrexa nunha sociedade aberta” o 15 de febreiro comezan as Xornadas Abertas de Teoloxía, que ata o día 18 terán lugar ás 20h no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.

Luns 15

Conferencia: “La Iglesia y la cuestión de la mujer”

Relatora: Profesora. Lucetta Scaraffia (Roma) Historiadora e xornalista. Profesora asociada de Historia Contemporánea na Universitá degli Studi di Roma La Sapienza. Colaboradora nos periódicos Avvenire, Il Foglio, Corriere della Sera e L’Osservatore Romano.

Martes 16

Conferencia: “Cristianismo y política”

Relator: D. José Manuel Otero Novas

Presidente do Instituto da Democracia (Universidad San Pablo CEU – ACdP). Licenciado en Dereito. Abogado do Estado (con último destino no Tribunal Supremo) e Inspector dos Servizos do Ministerio de Facenda. Ex-Ministro.

Mércores 17

Conferencia: “La Iglesia y la economía”

Relator: D. Fernando Giménez Barriocanal

Vicesecretario de Asuntos Económicos da Conferencia Episcopal Española. Doutor en CC. Económicas e Empresariais. Profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade na Universidade Autónoma de Madrid. Presidente e Conselleiro Delegado da Cadea Cope e Presidente do Padroado da Fundación Cope.

Xoves 18

Conferencia: “Dar testimonio. La presencia de los cristianos en la sociedad”

Relator: D. Javier M. Prades López 

Rector Magnífico da Universidade Eclesiástica San Dámaso. Sacerdote da Diocese de Madrid. Licenciado en Dereito e Doutor en Teoloxía.

Xornada mundial da Vida Consagrada

Copia de Chegada á Porta da Misericordia Vida Consagrada

O día 2 de febreiro na Catedral, clausurouse o Ano da Vida Consagrada. Tras un momentode oración ante o Santísimo, saíuse da Catedral para entrar como pobo de Deus pola porta da MISERICORDIA.

Seguidamente a Eucaristía, presidida polo Sr. Bispo don Alfonso Carrasco Rouco. Ao final da mesma cantouse a salve, como agradecemento polo ano da Vida Consagrada e pedíndolle á Virxe que volva a nós os seus “ollos misericordiosos” neste ano da Misericordia.

San Xoán Bosco, mestre e amigo dos mozos

DON-BOSCOSan Xoán Bosco foi sacerdote, educador, pedagogo, escritor, poeta, mestre de mozos, fundador e sobre todo, santo.

Turín. Mediados do século XIX. Tempos difíciles para a supervivencia. Centos de mozos chegan á cidade fuxindo da miseria e da pobreza. Buscan unha vida máis digna nuns espazos novos e descoñecidos. Pero as súas esperanzas e os seus soños escurécense cando son explotados polos seus amos, cando teñen que traballar día e noite sen descanso e cando, en recompensa, só perciben malos tratos e soldos indignos. Na rúa, malvívese -prostitución, alcohol, frío- e a mala educación vai impregnando a existencia de miles destes mozos que, desconcertados, choran con nostalxia e desesperación os seus desexos dunha vida feliz.

E alí, faise presente un novo sacerdote, sinxelo, humilde, que chegara do campo, orfo de pai desde a infancia pero cunha vocación chea de tenacidade e confianza en Deus e capaz de encarnarse na realidade dos mozos ata convivir con eles, querelos, amalos e conseguir rescatalos daquela crúa realidade.

Tras ser ordenado e enviado como capelán ao cárcere de Turín, puido comprobar e sufrir nas súas carnes ata que punto a existencia dos residentes ía degradándose, perdendo e consumindo. Na rúa e no cárcere experimentou a experiencia da misericordia. Alí estaban os seus amigos, tirados ao bordo do camiño, feridos e abandonados, esperando a un bo samaritano.

Algúns dos seus contemporáneos, tanto da Igrexa como da sociedade civil, considerábano tolo e imprudente. Adoita suceder así coa maioría dos santos. Pero a historia real pon sempre as cousas no seu sitio e o seu prestixio como sacerdote e como educador dos mozos necesitados ou en risco,valeulle o respecto das autoridades civís e relixiosas do seu tempo e do seu país, así como unha gran fama no estranxeiro.

O día 1 de abril de 1934, soamente 46 anos despois da súa morte, Xoán Bosco era canonizado polo Papa Pío X. Xoán Pablo II conferiulle o título de `Pai, mestre e amigo dos mozos’.

Miles de poboacións, provincias, teatros, rúas, museos, colexios e universidades, levan o seu nome. Don Bosco segue vivo no pensamento e no corazón de moitos mozos de hoxe, na Congregación Salesiana, nas Asociacións de María Auxiliadora, nos oratorios, nos Institutos das Fillas de María Auxiliadora, e en innumerables lugares do mundo onde se aplica o seu sistema pedagóxico «preventivo» para a educación de nenos e mozos en situacións de risco. Hoxe é considerado o gran pai e mestre da mocidade.

A presenza das ramas masculina (Colexio Divina Pastora – Salesianos) e feminina (Fillas de María

Auxiliadora – Salesianas) en dous dos barrios e parroquias que máis creceron en Lugo cidade, A Milagrosa e Fingoi, é unha herdanza de Don Bosco que segue enriquecendo a Lugo no máis esencial para o futuro dun pobo: a educación.

Neste ano Santo da Misericordia, San Xoán Bosco, é un claro exemplo digno de imitar polo seu corazón próximo aos máis pobres e desvalidos ao estilo do corazón do Deus da misericordia.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: