Creo na morte eterna?

muerte2 copiar

Que pensarían de alguén que lles dixese que cre na morte eterna? Pode parecer unha pregunta absurda que ninguén se faga pois, quen vai querer desaparecer para sempre e que toda unha vida acabe da forma máis absoluta, como se nunca existise?

Reformulemos a pregunta, a cantas persoas coñecen que digan que non cren na vida eterna? Agora seguramente véñenselle á cabeza moitos nomes. Sei de persoas que din crer en Deus e non na vida eterna. Ata, piden misas e oracións polos seus defuntos, malia que dubidan de que haxa algo máis alá da morte.

Condiciónanos a imaxe, quizais infantil, do inferno: os caldeiros con auga fervendo, cheiro a xofre, o diaño con cornos, cola e co tridente na man. Certamente, é unha representación que nos mostra un pequeno anticipo do que sería a estancia no inferno co demo de anfitrión. Pero non deixa de ser unha imaxe que, moitas veces, sérvenos para facer bromas, cantos nenos e adultos  disfrazáronse de diaño algunha vez!

Pásanos algo parecido coas imaxes do ceo: anxos saltando de nube en nube e San Pedro coas chaves comprobando a lista cos nomes dos que teñen que entrar cada día.

Deixemos ao carón as imaxes e traduzámolas en definicións. É doado concluír que o ceo é a vida eterna. E, pola mesma razón, temos que dicir que o inferno é a morte eterna. Polo tanto, se nego a existencia de Deus, e con iso a vida eterna, a única esperanza que teño é a morte eterna.

Seguimos traducindo. A vida eterna é a plenitude de todas as capacidades do ser humano ata o infinito, é dicir, todo o bo que agora temos de forma limitada despois será ilimitado ou absoluto. A morte eterna será a plenitude de todas as limitacións e imperfeccións do ser humano. Así adquirirá un sentido pleno a expresión “isto é un inferno”, que dicimos agora cando unha dor ou situación fáisenos insoportable.

Chegados a este punto, creo que non fai falta falar das bondades da vida eterna, pero se cadra é necesario falar do que pode significar a morte eterna, pois non é unha situación neutral. Pois o que non é absolutamente bo é, necesariamente, absolutamente malo.

Falar de morte eterna ou de inferno é pensar na negación de todo, tamén do vivido na temporalidade. É saber que todos os esforzos e logros conseguidos para a promoción do ser humano non serviron para nada, porque todo vai terminar na nada máis absoluta. Falar de morte eterna é saber que todo terminará nun fracaso porque non haberá continuidade posible nin unha segunda oportunidade. Sería coma se un inmigrante ou un refuxiado nunca chegase a un país no que puidese levar unha vida digna e en paz.

Tampouco podemos pensar nestas dúas situacións como impersoais, pois o impersoal nin é bo nin é malo. Por iso existen dous nomes propios que se corresponden a dous seres persoais que fai que unha destas realidades sexa eternamente boa e a outra eternamente mala. Refírome a Deus e a Satanás.

Unha última pregunta. Entón, cando actúa Satanás? Só cando nos soltamos da man de Deus.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: