Día da Igrexa Diocesana. Carta á Diocese do Bispo Mons. Alfonso Carrasco

Queridos irmáns: o lema deste Día da Igrexa Diocesana lémbranos un ano máis que somos «unha gran familia». Isto, que sería para algúns ao máximo un soño, é unha realidade posible e próxima para nós, que podemos xa empezar a vivila.

De feito, os nosos desexos máis fondos poderían resumirse así: ser unha gran familia nun mundo que sería verdadeiramente unha casa común, ata que cheguemos ao fogar definitivo co Pai. Ser irmáns e non estranxeiros os uns para os outros e poder vivir así todas as cousas, «o gozo e a esperanza, a tristeza e as angustias (…), sobre todo dos pobres e de todos os aflixidos» (GS n. 1). Saber que temos un Pai común, que non fomos “botados” á vida por forzas cegas, senón que existimos porque Deus nosa ama. E saber que Xesús, irmán e Señor noso, venceu na batalla decisiva da vida, e deunos a todos a mesma dignidade de fillos e a mesma lei do amor.

Para nós, cristiáns, isto non é simplemente un ideal, senón unha realidade presente xa nas nosas casas e nas nosas rúas. Tendo sido bautizados e vivindo nas nosas parroquias, na nosa Igrexa diocesana, estamos xa na gran familia do Pai, e construímola cada día animados polo seu Espírito filial.

As riquezas da bondade e da misericordia de Deus están á nosa disposición -en especial nos sacramentos-, o seu ensino e os seus consellos para a vida están moi preto, na súa Palabra para nós. Xesús, como Señor da casa, coida de nós e líbranos do mal.

Participemos de corazón na vida desta «gran familia» que é a nosa Igrexa diocesana, que son as nosas parroquias; atendamos ás súas necesidades, non abandonemos a ningún irmán. Así defenderemos a nosa fe e a nosa esperanza para o mundo, e seremos como unha luz que impide ver nel só un lugar de loitas, de egoísmos e de corrupción..

Que por intercesión de santa María, Nai de Deus e Nai nosa, cúmpranse os designios divinos, que son de vida e de paz, e que teñen para nós a súa expresión máis entrañable no recordo íntimo dos nosos pais, do noso fogar, dos nosos irmáns, onde experimentamos e amamos por vez primeira a vida. Que gardemos sempre no corazón o agradecemento por este gran don, que no bautismo recibe o seu selo definitivo. E que grazas á fe e á nosa experiencia de Igrexa, parroquial e diocesana, non esquezamos nunca que fomos chamados á vida para sempre, pero non sos, senón como irmáns, membros «dunha gran familia».

Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: