A Semana Santa lucense foi presentada en Madrid

Basanta, Ónega, Basadre y Carnero en la presentación
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a presentación en Madrid da Semana Santa de Lugo, co obxectivo de dar a coñecer e difundir, entre medios e público en xeral, a tradicional Semana Santa lucense e todos os atractivos que a rodean. Turismo Relixioso, Patrimonio Cultural, Lugo Romano e Lugo Verde, fan da cidade un destino único e incomparable.
No acto, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; o delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, César Carnero; e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta.
Para José Ramón Ónega, “como lucense que son, sempre é para min un motivo de orgullo acoller un acto como este”.
Pola súa banda, Carmen Basadre lembrou que se solicita para a Semana Santa de Lugo a declaración de Festa de Interese Turístico Galego e explicou que “esta celebración relixiosa ten moita tradición na cidade e son moitas as persoas que cada ano se achegan a Lugo para seguir as vistosas procesións”.
Para César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, a Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da Exposición permanente do Santo Sacramento no Altar Maior da catedral, “a tradición eucarística de Lugo, plásmase en que, dende o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae a procesionar polas rúas da cidade e no acto excepcional que se desenvolve na mañá de Pascua consistente no encontro entre Cristo Resucitado e a súa Nai”.
Mentres, o coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta sinalou que cada ano é máis numerosa a participación na Semana Santa lucense porque conta con “peculiaridades e privilexios excepcionais que a fan completamente diferente á doutros lugares de España e, polo tanto, merecedora de ser visitada”.
Durante a presentación, proxectáronse preto dun centenar de magníficas imaxes de Lugo e a súa Semana Santa.

MEMORIA AGRADECIDA ÁS IRMÁS MERCEDARIAS DE CHANTADA

Misa en Chantada
O día dezaseis de marzo celebrouse unha Eucaristía moi solemne na capela das Irmás Mercedarias de Chantada presidida polo bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco acompañado polo Vigairo Xeral da Diocese, D. Mario Vázquez Carballo, o capelán don José González e un grupo de sacerdotes do Arciprestado con participación da comunidade mercedaria e moitos veciños desta parroquia e antigas alumnas desta casa.
O motivo desta festa era conmemorar o cento trinta e nove aniversario da orixe das relixiosas Mercedarias da Caridade fundadas polo beato Padre Juan Nepomuceno Zegrí Moreno cun carisma moi peculiar : TODO PARA BEN DA HUMANIDADE, EN DEUS, POR DEUS E PARA DEUS e tamén enmarcada no ano dedicado á vida consagrada con motivo do quinto centenarios do nacemento de Santa Teresa de Jesús, doutora da Igrexa universal e patroa dos escritores.
Este carisma levárono á práctica durante setenta anos multitude de mercedarias destinadas a esta casa relixiosa de Chantada, fundada polo ilustre chantadino, Don Modesto Fernández cuxo cadáver descansa fronte ao presbiterio desta fermosa capela presidida por unha imaxe marabillosa da Santísima Virxe da Mercé.
Comeza a súa andaina o ano mil novecentos corenta e cinco cun colexio para mozas e un pequeno asilo para persoas abandonadas. En 1971 créase en Chantada o Instituto Mixto de Bacharelato e estas relixiosas deixan o ensino escolar e converten a casa en ESCOLA FOGAR para acoller a nenos e mozos que non teñen oportunidade de asistir aos colexios pola complicada orografía dos pobos galegos.
Ao terminar esta pequena reseña quero, en nome propio, da vila de Chantada e a súa comarca o agradecemento á comunidade actual de Chantada e a todas as relixiosas que, a través deste setenta anos, serviron á Igrexa e á sociedade en todo para ben da HUMANIDADE.

Pegerto Torres Hermida

Arcipreste de Chantada

Presentación dos actos da Semana Santa da cidade de Lugo

Copia de Presentación Semana Santa 2O día 17 de marzo, o Pazo Episcopal acolleu  unha roda de prensa para presentar os actos da Semana Santa lucense de 2015.

O coordinador xeral da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, destacou o privilexio de que o Xoves Santo e o Domingo de Resurrección, a cidade de Lugo organice as procesións deses días co privilexio de procesionar coa Sagrada Forma. Unhas novidades que presentan as celebracións deste ano son unha exposición de esculturas de Ramón Rubal na claustro da Catedral, baixo o título “A redención do home” e un concerto de música sacra no altar do Bo Xesús da Catedral o sábado 28 de marzo.

 Este ano o pregón, a cargo da periodista Sonsoles Ónega, será na igrexa Santiago A Nova o sábado 21 ás 20:30h.

A vicepresidenta 2ª da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez salientou a cantidade de persoas (3000) que colaboran durante os 12 meses anteriores na organización da Semana Santa de Lugo.

Para a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, a Semana Santa é un momento de expresión das conviccións relixiosas de moitas persoas. Tamén sinalou que o traballo das confrarías vese recompensado co disfrute, por parte das xentes, das procesións, da arte sacra…

O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, considerou unha sorte poder dar boas noticias. Para Mario Vázquez, a Semana Santa é a expresión máis fonda de relixiosidade popular e tamén expresa a sociabilidade da xente. Destacou unha tradición que está recuperándose, como é a de realizar o sacramento do bautismo o Sábado Santo.

A %d blogueros les gusta esto: