Pascua do Enfermo

A Pascua do Enfermo, o VI domingo de Pascua (21 de maio) acolle a invitación do papa Francisco na encíclica Laudato si’. Nela pídenos que coidemos e traballemos pola prevención das enfermidades: estando atentos aos riscos da contorna natural ou social que poidan causalas e promovendo accións ou actitudes que poidan axudar a ter máis saúde persoal e comunitaria. Así, o tema e lema son: Pastoral da saúde e ecoloxía integral: “Saúde para ti, saúde para a túa casa?” (1 Sam 25, 6).

O cartel da Campaña 2017 trata de mostrar estas ideas, resaltando que a saúde non é unha cousa que nos cae do ceo; é unha realidade na que nós pintamos algo. Nós tamén somos responsables de construíla, fomentala, evitar a enfermidade… Temos un papel activo na promoción da saúde. Pois, dirixindo a nosa mirada ao mundo, vemos moitas situacións da nosa contorna que non a favorecen. Máis ben son axentes que provocan enfermidades: desastres ecolóxicos, contaminación atmosférica, uso de sustancias tóxicas, actitudes insás… Invítasenos a construír a nosa casa común (o mundo) e, con iso, fomentar vida e saúde.

 No santuario do Corpiño, na Santa Misa das 12, os enfermos poderán recibir o Sacramento da Unción. 

[Materias para a Xornada]

Xornada de Oración polas Vocacións

Neste cuarto domingo de Pascua, domingo do Bo Pastor, recórdasenos unha vez máis que Xesús coñece o nome e a historia de cada un de nós. El é a porta que estamos chamados a atravesar, a voz inconfundible que se nos invita a seguir. Esa imaxe inspíranos e axúdanos a vivir a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións Nativas que se celebra de xeito conxunto baixo o lema Empuxados polo Espírito: aquí estou, envíame.

O papa Francisco, na súa mensaxe deste ano lémbranos a dimensión misioneira da vocación cristiá. Quen responde á chamada de Deus para seguir o seu camiño, descobre ben pronto o desexo incontible de levar a Boa Noticia aos homes os seus irmáns. Non estamos sós nesta tarefa, Xesús camiña ao noso carón.

[Materiais escritos]  [Vídeo]

Nota dos bispos Galicia con motivo da Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar

Queridos pais e nais:

1.- Estamos seguros de que unha das vosas maiores preocupacións é a educación dos vosos fillos e fillas. Nela poñedes todo o voso empeño e esforzo nuns momentos cheos de retos e dificultades.

2.- Nesta situación os centros educativos xogan un papel importante para lograr unha educación de calidade.

3.- Para axudarvos a lograr esa educación, pedímosvos que non vos esquezades de solicitar para eles o Ensino Relixioso. Nunha formación integral da persoa, a educación non pode prescindir da dimensión relixiosa que é constitutiva de todo ser humano.

4.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito e un deber que tedes vós, os pais, recoñecido na Constitución, e que todas as autoridades educativas deben garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais asignaturas.

5.- O Ensino Relixioso axudará aos vosos fillos e fillas a coñecer mellor e profundar na mensaxe de Xesús; a reflexionar sobre os criterios, valores e actitudes que permiten dar pleno sentido da vida, do mundo e da historia; a crecer en intelixencia da Palabra de Deus para atopar nela a luz que lles ilumine á hora de formar a súa personalidade e inserirse no medio da sociedade; a comprender a propia tradición relixiosa, na que naceron e a coñecer o sentido relixioso da nosa cultura chea de costumes, festas, ritos e modos de vida impregnados polo cristianismo; capacitarlles para un diálogo entre fe e cultura nun mundo cada vez máis pluricultural e plurirelixioso.

6.- Sen dúbida queredes que progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que os vosos fillos crezan sen unha cultura e formación relixiosa. Estade seguros de que nela atoparán coñecementos e valores que lles axudarán a ser boas persoas. A relixión non fai dano a ninguén, ao contrario, axúdanos a ver a vida e actuar nela con sentido de verdade, xustiza e solidariedade.

7.- A Igrexa ponse ao voso servizo para alcanzar esa formación relixiosa que, sen dúbida, será un gran ben para os vosos fillos e fillas. Non vos deixedes levar por esas opinións da mal chamada modernidade que proclaman que a Relixión non ten valor nin sentido.

8.- Xa que logo, esta é a nosa petición: Sede conscientes da vosa responsabilidade de pais crentes e pensade no ben dos vosos fillos. Pedide Ensino Relixioso Católico en todos os centros educativos.

9.- Esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautismo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

10.- Queremos agradecer todo o esforzo que fan os profesores de Relixión e pedímoslles que coa súa palabra e o seu testemuño transmitan aos seus alumnos a mensaxe de Xesús e os encamiñen polos camiños dos valores do Evanxeo.

11.- Que o Señor vos axude a todos os que colaborades nunha mellor educación humana e relixiosa da infancia e mocidade.

Saúdanvos con todo afecto e bendín no Señor.

 

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Campaña da declaración da renda

Co lema Detrás de cada X hai unha historia, Xtantos segue animando a marcar o X a favor da Igrexa nas declaracións da renda, algo perfectamente compatible con poñer o X en “Fins Sociais”. Facer isto non supón pagar máis, nin que se reciba unha devolución menor.

A campaña, tras iniciarse a primeiros de abril, reanúdase esta semana, sobre todo na internet.

Nas parroquias poden recollerse exemplares do xornal Xtantos. Inclúense entrevistas e reportaxes centradas no labor da Igrexa cos máis esquecidos, os últimos dos últimos. Por exemplo, as mulleres vítimas de trata, os presos nos cárceres, unha familia misioneira na fronteira entre México e Estados Unidos, etc.

Na anterior Campaña da Renda (2016), a porcentaxe de declaracións a favor da Igrexa católica consolídase no 35%, cun incremento en 55.841 o número total de contribuíntes que asignaron á Igrexa en relación a 2014.

XXIX Xornadas de Pastoral da Saúde

 O Secretariado Interdiocesano de Pastoral da Saúde de Galicia convoca as XXIX Xornadas de Pastoral da Saúde en Ourense. Antes do 16 de abril deben inscribirse as persoas interesadas en participar. As xornadas diríxense especialmente ás familias dos enfermos, profesionais da saúde, voluntariado e grupos parroquiais, comunidades relixiosas, sacerdotes, seminaristas.

Aloxamento: Casa Diocesana de Exercicios “Santa María Nai”. R/ Estrada do Seminario s/n Seminario Maior do Divino Mestre. Estrada do Seminario, 20

SÁBADO 6 DE MAIO:

10 h Acollida e entrega de documentación.

10,30 h Presentación das xornadas: Saúdo do Delegado de Pastoral da Saúde e acollida por Mons. Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense.

11 h “Saúde e ecoloxía integral á luz de Laudato si”. Mons. Jesús Fernández González. Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela e responsable do departamento de Pastoral da Saúde da CEE.

12 h Descanso

12,30 h Panel de experiencias e testemuños:

– “Humanizando a asistencia. Espazos de silencio”, por Elisa Ramírez, traballadora social e D. Gabriel Muriaste, profesor.

– “Por que son oncóloga e creo en Deus”, pola Dra. Eva Pérez, oncóloga e psicóloga clínica do CHUO

– “Psiquiatría e fe”, polo Dr. José Antonio Campos, psiquiatra do CHUO.

14 h Comida.

16,30 h “Unha Igrexa só é Samaritana se reflicte a Xesús”. D. Jesús Martínez Carracedo. Director do Departamento de Pastoral da saúde da CEE

18 h Visita á Catedral de San Martín guiada por D. Miguel Ángel González García. Delegado Episcopal de Patrimonio e Cóengo Arquiveiro.

20 h Santa Misa na Catedral

21,30 h Cea.

22,30 h Velada festiva:

– Teatro cómico: O médico a paus; A venda da mula e Cea para un

– Música por Marcos, recanteiro de Luar (TVG)

DOMINGO 7 DE MAIO

9 h Oración da mañá.

9,30 h Almorzo.

10,30 h “Claves para unha ética da responsabilidade ecolóxica na Laudato si” Dr. Arturo Fuentes Varela. PROSAC.

12 h Descanso.

12,30 h Conclusións e clausura.

13 h Eucaristía: Capela Seminario.

14 h Comida

A %d blogueros les gusta esto: