Centenario do inicio das actividades apostólicas e sociais de Magdalena Aulina

Magadalena Aulina 1 - copia

Do 14 de maio de 2016 ao 15 de maio de 2017 celébrase o centenario do inicio das actividades apostólicas e sociais da serva de Deus Magdalena Aulina. A celebración será en Banyoles, terra natal de Magdalena Aulina.

En Galicia, o Instituto secular Operarias Parroquiais Magdalena Aulina exerce a súa misión en Cáritas Interparroquial de Sarria, encargándose diso Pilar Quiroga Sobrado, que o ano pasado celebrou as vodas de ouro da súa consagración. Unha irmá de sangue e de Instituto secular, Nieves, recibiu hai varias semanas a medalla de Isabel a Católica polo seu labor en Guinea Ecuatorial.

Concerto benéfico de Noemí Mazoy

Concerto de Noemi Mazoy

O sábado 30 de abril na igrexa San Antonio de Padua (Lugo) ás 20:30h a soprano Noemí Mazoy deu un concerto, no que estivo acompañada por Valery Zviarzhevich ao acordeonista, Paula Rancaño ao violonchelo, Saúl Mazoy á percusión e Gerardo Castedo á guitarra. Tratábase dun concerto solidario, pois estivo organizado pola Pastoral Penal da Diocese e a Asociación Concepción Arenal, que preparan unha nova casa de acollida para presos en situación de permiso, excarcelados e para as familias que os visitan na prisión.

Colecta promovida polo Papa a favor de Ucraína

Con el Papa por Ucrania

Por indicación do Papa Francisco o domingo 24 de abril unha colecta especial para quen sofren as consecuencias da violencia da guerra en Ucraína. O señor Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, invita, desde a xenerosidade, a todos os diocesanos a contribuír a tal colecta que a Igrexa europea adicará aos que padecen ditas consecuencias.

O pasado 3 de abril durante o rezo do Regina Coeli, o Papa Francisco convocou a todas as Igrexas católicas de Europa para que fixesen a mencionada colecta o V Domingo de Pascua. Nas súas palabras, o Papa Francisco referiuse “ao drama dos que sofren as consecuencias da violencia en Ucrania: nos que permanecen nas terras devastadas polas hostilidades que causaron xa varios miles de mortos, e nos máis dun millón que foron empuxados a deixalas pola grave situación que perdura”, polo que, continúa, “decidín promover un apoio humanitario ao seu favor”.

O recollido nestas colectas será enviado, a través da Nunciatura Apostólica a Secretaría de Estado, e a distribución da mesma nos territorios afectados realizarase a través do Pontificio Consello Cor Unum. O lema desta colecta é “Co Papa, por Ucraína”. Tamén colaboran organizacións caritativas e asistenciais.

Xornada de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

Día Vocaciones Nativas

Pola converxencia de obxectivos, no IV domingo de Pascua (domingo do Bo Pastor), celébranse conxuntamente baixo o lema “Mírate con paixón”:

– Xornada Mundial de Oración polas Vocacións. De carácter universal, en España é organizada pola Conferencia Episcopal Española e a Conferencia Española de Relixiosos. Promove a oración polas vocacións de especial consagración: sacerdocio, vida consagrada, sociedades de vida apostólica…

– Xornada de Vocacións Nativas. Organizada por Obras Misionais Pontificias, busca soster as vocacións que xorden nos Territorios de Misión.

A vocación ten dous momentos:

– A mirada amorosa de Cristo que move a dar o si (“Mírate con paixón”)

– A mirada de Xesús, con toda a súa forza de amor, xera unha actividade misioneira, unha entrega compasiva cara aos demais (“Compaixón”).

[Como podemos colaborar]

Sor Julia, sesenta años de vocación

sor Julia

O sábado 9 de abril celebráronse os sesenta anos de vocación de Sor Julia. É unha celebración de aniversario propia das Fillas da Caridade, coas que a Parroquia de San Froilán comparte instalacións e moita vida. Na memoria de moitos lucenses van unidos o Colexio da Milagrosa e a parroquia de San Froilán.

Pero, quen é sor Julia?. É unha muller de paso áxil a quen é fácil vela pola rúa, cedo, cun carriño da compra. Como boa administradora, encárgase de que ás súas irmás non lles falte o alimento do corpo nin o do espírito. Na Parroquia é catequista e sempre está pendente de organizar aos lectores da Misa de 10 e de que as candeas estean acesas.

Sor Julia dedica parte do seu tempo a axudar persoalmente e tamén por medio da asociación das Damas da Caridade a varios pobres da cidade. É unha axuda calada e case secreta, que ás veces lle esixe ir a algunhas casas ás que, posiblemente, só ela é capaz de entrar e botar unha man.

Outra actividade de sor Julia é a de coordinar as capelas portátiles da Virxe da Medalla Milagrosa que visitan periódicamente varios domicilios da cidade. As persoas que llo piden poden ter nas súas casas durante un tempo determinado ao mes unha destas capeliñas. É un exercicio de piedade moi entrañable e que axuda, sen dúbida, á oración mariana e á vida espiritual de quen ten á Milagrosa na súa casa.

A celebración dos 60 anos de vocación foi da forma acostumada: mesa e Misa. Na mesa compartimos os alimentos recibidos do Señor e as súas irmás dedicáronlle unha canción e un poema. Pola tarde celebramos a Misa na pequena capela da Comunidade dando grazas pola vida de Sor Julia.

Desde aquí tamén nos unimos a esta celebración. A vida relixiosa é importante para a Igrexa e para o mundo. Sesenta anos son todo un testemuño e merecen ser celebrados e que nós tamén fagamos unha oración, neste caso por sor Julia e por todas as Fillas da Caridade do Colexio A Milagrosa. Moitas felicidades, sor Julia, e adiante!

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: