Ordenación sacerdotal de Nicolás Susena Presas

O vindeiro sábado 14 de abril, ás 17:00 horas, na Catedral de Lugo, o diácono Nicolás Susena Presas será ordenado presbítero por D. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo. Con tal motivo, invítase a todos os diocesanos a participar nesta celebración solemne, coa que o Señor segue manifestando a súa solicitude pola súa Igrexa ao enviarlle novos sacerdotes.

Nicolás Susena Presas (Lalín, 1992) é o maior de dous irmáns. Estudou primaria, secundaria e bacharelato no seu pobo natal. Obtivo o grado en Estudos Eclesiásticos na Universidade San Dámaso, Madrid. E actualmente realiza un máster en Ciencias do matrimonio e a familia no Instituto Juan Pablo II (Madrid), á vez que se especializa en teoloxía moral na Universidade San Dámaso.

A súa colaboración pastoral na súa actual etapa de diaconado realízaa na Parroquia da Milagrosa, na cidade de Lugo, á vez que estuda en Madrid e colabora tamén na Parroquia madrileña de San Juan Crisóstomo.


A súa vocación naceu desde moi pequeno. A súa familia foi o lugar propicio onde esa vocación foi xurdindo. Así, con tan só 4 ou 5 anos, recorda que responde á pregunta de que será de maior dicindo que el desexa ser sacerdote.

Estuda ata os 18 anos no colexio Xesús Golmar, de Lalín, e no instituto Ramón Mª Aller Ulloa, da mesma localidade. A súa vocación segue crecendo tamén a raíz de ver ao que foi o seu párroco, Manuel Salgado, celebrando a Eucaristía. E non pasa desapercibido o feito de que lle fai feliz axudar en Misa sendo monago. O seu grupo de amigos na parroquia de Lalín son un gran apoio no seu camiño de fe e na súa vocación.

Con 17 anos, Nicolás terminaba segundo de bacharelato á vez que colaboraba nunha asociación e era árbitro de fútbol. Pensou estudar enxeñaría informática en Madrid. Naquel momento, en febreiro de 2010, ten un encontro con Xesús, que lle provoca unha mirada á súa historia persoal e á vocación que tantas veces manifestara. É naquel momento cando decide entrar no Seminario.

En setembro de 2010 entra no Seminario da súa Diocese, Lugo. Alí formarase durante seis anos. Terminado o seu grado en Estudos Eclesíasticos co seu exame final en Madrid, é enviado na súa etapa pastoral á Parroquia da Milagrosa á vez que se despraza a Madrid para iniciar os seus estudos no master de Ciencias do matrimonio e a familia, no Instituto Juan Pablo II, na súa sede de Madrid.

O 4 de xuño de 2017 é ordenado diácono na Parroquia da Milagrosa polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Uns meses despois, en outubro, ademais de proseguir co master e a súa colaboración na Milagrosa, comeza a súa especialidade en teoloxía moral na Universidade San Dámaso de Madrid, colaborando á vez na Parroquia madrileña de San Juan Crisóstomo.

A ordenación sacerdotal de Nicolás, que terá lugar o sábado 14 de abril ás 5 da tarde na Catedral, ten como elementos centrais a imposición de mans do Bispo e a pregaria de ordenación. Con outros xestos como a imposición de mans de todos os sacerdotes que participen na celebración, ou o abrazo do Bispo e os sacerdotes ao diácono, maniféstase a súa recepción no presbiterio diocesano.

É un acontecemento extraordinario para toda a Igrexa, un agasallo para a Diocese de Lugo, e é por iso que se pide aos fieis e sacerdotes que participen en maior número posible, para manifestar a súa acollida ao novo sacerdote.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: