Valentes!

Escribía A. Einstein que “A vida é moi perigosa. Non tanto polos que fan mal, senón polos que sentan a ver o que pasa”. Poden estar seguros de que non é este o caso dos misioneiros. Os seus testemuños, tantos e tan valentes, están tan preñados de situacións límite que, con frecuencia, poñen en risco as súas propias vidas. A recente liberación do sacerdote salesiano indio Padre Tom Uzhunnalil, o pasado mes de setembro, tras ano e medio de cativerio en Iemen, é un de tantos exemplos que confirman e xustifica o lema deste ano: Sé valente, a misión agarda por ti.

A Igrexa celebra, nun ambiente de festa, a Xornada Mundial das Misións (o día do DOMUND). Esta xornada mundial, en España, organízaa a dirección das Obras Misionais Pontificias. E tivo o seu fantástico escenario de inauguración de campaña, este ano, na Catedral de Santiago. Alí, a popular cantante galega de pop-rock, natural de Boimorto, pronunciou un fermoso e comprometido pregón do Domund. Fun testemuña directa do seu profundo e confesante verbo o pasado 11 de outubro ás 20:30 horas. Así definiu ela aos misioneiros: “Son eses seres elixidos para soportar as dificultades. Bravos e obedientes fillos dotados de paciencia e fortaleza. Benevolentes coas debilidades. Exemplos de resistencia moral. Mostran a cotío como a compaixón activa está nas entrañas da súa misión e vai máis aló da solidariedade.

“Sen patrias nin bandeiras, abandonan o proxecto de vida propia, orientada cara ao seu propio interese, por unha comuñón fraterna. – A liberdade non é maior cando se pode facer o que a un lle peta, senón cando se elixe o bo, o belo e o verdadeiro, aínda que esa decisión comporte o sacrificio dun mesmo por un ben maior-.

“Heroes anónimos, que nas súas viaxes ao inferno acaban por alcanzar o ceo ao xuntar con tenrura as súas mans a outras mans. Estes 13.000 misioneiros españois están dispostos e empéñanse en cruzar medio planeta para poñer en práctica e materializar o seu idealismo, saíndo da comodidade do noso mundo cotián, para escoitar o latexo da dor dos perseguidos, dos esmoleiros e marxinados, chegando ata a arriscar a propia vida…”.

Certamente, os misioneiros non son uns valentes aventureiros. Non conducen motos a 300 quilómetros por hora nin escalan os cumes máis altos. Son persoas vocacionadas que sentiron a chamada de Deus e dixéronlle que si. Son enviados por Cristo a través da súa Igrexa para anunciar a todos, sen excepción nin distinción de ningún tipo, o coñecemento da Verdade, o Camiño da Luz e a Boa Nova da salvación. Eles levan o amor de Deus aos máis necesitados. Dio ben o Papa Francisco, con motivo desta Xornada, ao lembrarnos que “a misión da Igrexa non é a prolongación dunha ideoloxía relixiosa, nin tampouco a proposta dunha ética sublime”. É, sobre todo, o anuncio explícito e gozoso de Cristo morto e resucitado. De Cristo, da súa presenza na historia, onte, hoxe e sempre, xorde esta imparable forza que xa ten máis de 2000 anos de historia. É así, porque o belo, o bo, o santo, contáxiase cando alguén se achega á mensaxe de Cristo disposto a deixarse tocar e embriagar. Porque non hai nada que teña máis forza có amor. O que ama constrúe grandes obras e percorre grandes distancias. Pasiño a pasiño, porque tamén o camiño máis longo iníciase cun primeiro paso. Por iso, con motivo do Domund, pídesenos apoiar a causa misioneira coa conciencia fonda de que a misión espéranos a todos.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Cursos bíblicos

Son doce sesións que se desenvolven cada 15 días ata o 15 de xuño. En total son tres cursos, un por ano, dedicados ao Antigo Testamento, ao Novo Testamento, Evanxeos, a vida de Cristo. Celébranse no Seminario e empezan o día 20 de outubro ás sete da tarde cunha primeira sesión sobre “As grandes experiencias do antigo Israel”.

As sesións están dirixidas por expertos en Biblia e bos pedagogos, como o párroco de San Francisco Xavier (Lugo).

Búscase que estes cursos bíblicos sexan un foco cultural que poden aproveitar tamén persoas non crentes.

Xornada de formación do profesorado de relixión

O sábado 21 de outubro o Seminario acolle unha xornada de formación do profesorado de relixión baixo o título A Carta Encíclica Laudato Si e a perspectiva teolóxica e didáctica entre a relixión e o cine. O relator da Xornada é Antonio Salas Ximelis, Director de Proxectos de Relixión do Grupo Editorial Anaya e tamén profesor de relixión cunha ampla experiencia educativa.

Nesta actividade afondarase na Carta Encíclica do Papa Francisco, Laudato Si, estudando as súas claves principais e tamén establecerase unha conexión didáctica e educativa entre este documento e o cine, como exemplo de pastoral educativa en liña coas tecnoloxías.

Horario:

  • 09,30 Acollida dos asistentes e presentación das xornadas

  • 10,00 Relatorio: A Encíclica Laudato Si: claves e aspectos principais.

  • 11,30 Descanso e café

  • 12,00 Relatorio: A Encíclica Laudato Si: natureza, ecoloxía e coidado do ben común.

  • 16,00 Relatorio: O cine como recurso educativo: cine sobre a Laudato Si.

  • 18,00 Descanso

  • 18,15 Relatorio: Propostas de traballo para levar á aula.

  • 19,15 Avaliación

  • 20,15 Fin do congreso.

É lícito pagar imposto ao César ou non?


Non é doado comprometer a Xesús con preguntas. No Evanxeo do vindeiro domingo os fariseos vólveno a intentar. Xesús unha vez máis sae airoso cunha resposta sinxela pero suficientemente clara: “dade ao César o que é do César e a Deus o que é Deus”.
Fai uns días reflexionabamos sobre que non sempre é necesario escoller ou excluír algunha das dúas partes. As cousas de Deus e as cousas do mundo teñen a súa respectiva autonomía, pero iso non implica unha exclusión forzosa, máis ben todo o contrario: unha colaboración e complementariedade necesarias. Reproduzo a continuación as palabras de Jaume Grane na revista Misa Dominical 2017/13 nas que se nos explica ben cal debe ser a nosa actitude respecto “ao César” e a Deus.

«Os cristiáns temos unha dobre obediencia: á sociedade civil e á Igrexa. Nós non podemos eludir as chamadas do Señor para que nos dediquemos á construción dun mundo máis xusto e humano. Nin podemos soslaiar os problemas da nosa sociedade co argumento de que nós somos “cidadáns do ceo”.
O noso compromiso con Deus e coa sociedade non o podemos concibir como situados en dous hemisferios diferentes; nin tampouco que debemos repartirlles as nosas enerxías ao 50%. A nosa persoa, a nosa vida, témola que poñer a disposición de ambos.
Cando nós, na Igrexa, acollemos a Palabra de Deus e celebramos a Eucaristía tamén nos estamos poñendo a punto para o traballo social. Cando achegamos o noso gran de area por mellorar a sociedade, de feito, estamos servindo ao Señor e cumprindo a súa vontade» (MD 13, 2017/13, pág. 14)

Tamén é certo que ás veces hai leis civís contrarias ao Evanxeo. Nestes casos sempre temos a opción da obxeción de conciencia. É o caso claro, por exemplo, do aborto (agora disfrazado como un dereito), no que a Administración non pode obrigar a un médico a practicalos.
Pero estraña como, nunha sociedade moderna e progresista como a occidental, haxa quen queiran negar o dereito á obxeción de conciencia ou que a Igrexa poida expoñer públicamente a súa mensaxe. Quérese liberdade para todos, menos para os cristiáns.
A sociedade non é allea para a Igrexa, pois todos os membros da Igrexa tamén o somos da sociedade na que estamos integrados. Por iso a Igrexa ten unha palabra para as distintas realidades sociais, e non só para a vida interior de cada persoa en particular.
Esa palabra recóllese no que chamamos a Doutrina Social da Igrexa (DSI), onde se abordan temas como a economía, o traballo, o paro, a folga, a política, os dereitos humanos etc. A DSI é bastante descoñecida. Algúns sorprenderíanse do que a Igrexa di dalgunhas cousas destas das que falan os políticos todos os días.
Para os que queiran coñecer a DSI temos agora un resumo moi asequible. Trátase do DoCat, que facer?. Unha obra sinxela (e barata) para achegarnos a estes temas que son importantes para a sociedade e saber o que di a Igrexa sobre eles. Ademais, desde fai unhas semanas, o bispo Munilla no seu programa de Radio María (luns e venres ás 8 da mañá) explica cada día un punto do DoCat.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Trátase de persoas, permaneces á marxe ou súmaste?

O mércores 18 de outubro, Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, Cáritas diocesana de Lugo avoga por unha loita eficaz contra a trata de persoas e a explotación, un dos delitos máis graves contra os dereitos humanos. O traballo que esta entidade realiza a través dos seus proxectos encamíñase non só a protexer e asistir ás vítimas senón, tamén, a dar a coñecer unha realidade que permanece escura e agochada.

Cáritas diocesana considera que é fundamental reforzar e insistir na prevención e a educación da cidadanía. Só desde a raíz poderemos erradicar esta lacra que convive ao noso carón. Cómpre facer visible a que é, quizais, a forma de escravitude máis próxima á poboación pero que segue resultando invisible.

Cáritas quere recordar que SE TRATA DE PERSOAS, e a dignidade das persoas non é negociable.

O día 18 repártense por Lugo carteis de sensibilización e DÍPTICOS informativos que recollen de forma sinxela as claves para  identificar e tomar conciencia desta dura realidade. E tamén do labor de Cáritas Lugo neste ámbito.

A %d blogueros les gusta esto: