Retiro de Coresma en Lugo

A Delegación de Apostolado Segrar invita a participar nun retiro o sábado 18 de marzo a partir das 10h no salón de actos do Seminario Diocesano de Lugo. Está impartido polo párroco de San Froilán, Miguel Ángel Álvarez. O horario é o seguinte:

  • 10h Acollida
  • 10:15 h Oración
  • 10:30h Primeira charla
  • 11:15h Reflexión persoal
  • 12h Segunda charlaba
  • 13h Eucaristía e fin do retiro

Conferencia-coloquio “Como ser pais hoxe?”

O martes 14 de marzo ás 19:30h no salón de actos do Colexio María Auxiliadora (avda. Ramón Ferreiro, 30 Lugo) haberá unha conferencia-coloquio baixo o título “Como ser pais hoxe?” a cargo de Consuelo Santamaría, do Centro de Humanización de la Salud, doutora en Filosofía e CC. da Educación, máster en Counseling e Dó.

Trátase de compartir experiencias e descubrir pautas adecuadas para a educación dos fillos. A sesión durará unha hora e media coa estrutura seguinte:

  • Presentación do tema a tratar (entrégase un resumo aos asistentes).

  • Charla-coloquio.

  • Traballo en grupos pequenos

Todo iso de forma dinámica, ilustrado con casos reais, promovendo a participación e favorecendo o diálogo e a formulación de dúbidas, cuestións…  É un acto que organizan o Centro de Orientación Familiar Diocesano e o Colexio María Auxiliadora, en colaboración co Colexio Divino Mestre.

A Coresma: porta aberta á interioridade

Co Mércores de Cinza e co tradicional rito da imposición desta na fronte, comezou a Coresma. Parece que nos nosos ambientes sociais este tempo tan significativo e importante na cultura cristiá, xa non é noticia. Paradoxalmente, os medios de comunicación destacan máis nos seus titulares o comezo do Ramadán có tempo de Coresma. Con todo, a Coresma na nosa cultura cristiá está chea de sentido e de contido espiritual e educativo. Na súa historia, como tempo forte conflúen dúas dimensións importantes. Por unha banda, era a última preparación dos catecúmenos adultos para recibir o bautismo na noite santa de Pascua e por outro, o tempo en que se realizaba a reconciliación dos penitentes públicos coa comunidade crente, no día do Xoves Santo. Ao mesmo tempo, os cristiáns preparábanse con xaxúns e penitencias ás celebracións da Paixón e Morte do Señor.

San Ireneo fala, xa entón, dun xaxún de un ou dous días. Eran tempos sen normas prefixadas pero que nacían da profunda devoción e desexo de conversión dos primeiros cristiáns. Será no século IV, no canon 5º do Concilio de Nicea onde atopamos un dos testemuños máis antigos da práctica coresmal, que alcanzará un gran relevo durante a Idade Media ben fundamentada nas experiencias bíblicas dos corenta anos do pobo de Israel polo deserto ata a Terra Prometida e nos corenta días de xaxún de Xesús.

A Coresma é como un longo tempo que nos recorda a necesidade de mirar ao noso interior, de examinarnos ante os ollos misericordiosos de Deus e de recuperar as nosas forzas na escoita da Divina Palabra para rexeitar os enganos aos que nos someten o Gran Tentador e os tentadores de quenda. É unha gran ocasión para a práctica da oración, do xaxún e da caridade (esmola), para sanación interior e exterior, para o retiro e a soidade, para entrar en nós mesmos e escoitar os sons do silencio e para atopar a verdade do noso ser alí onde radica o esencial, que con frecuencia se nos fai invisible aos ollos.

Se de algo está necesitada a nosa sociedade é de espiritualidade e de retorno á interioridade. Todos os estudosos do fenómeno humano están de acordo en que se vive excesivamente para a exterioridade, que hai unha incapacidade xeneralizada para as experiencias de meditación e de silencio (e, polo tanto, para a oración), que os nosos nenos padecen as consecuencias dunha sociedade altamente ruidosa e que a hiperactividade ás que están sometidos impídelles pensar e ser. Entre as finalidades da educación que recollía o informe Delors (A Educación encerra un tesouro, informe á Unesco da Comisión Internacional sobre a Educación para o Século XXI) incluíase preferentemente a de aprender a ser. Para que o ser humano volva ser el mesmo, é necesario que viva conscientemente, que pense, e iso supón vivir coñecéndose. A interioridade é consustancial ao ser humano, é a alma da existencia e non pode quedar á marxe da mirada pedagóxica que queira estar comprometida co desenvolvemento integral da persoa.

Lembro o consello de Miguel de Unamuno a un alumno: “No canto de dicir: Adiante! ou Arriba!, di: Dentro! Reconcéntrate para irradiar; déixate encher para sobordar logo, conservando o manantial. Recóllete en ti mesmo para mellor darse aos demais, todo enteiro e indiviso. Dou canto teño, di o xeneroso. Dou canto son, di o heroe. Doume a min mesmo, di o santo; di ti con el ao darse: Dou comigo o universo enteiro. Para iso, tes que facerte universo buscando dentro de ti. Dentro!”.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Exposición de traballos de presos e concerto benéfico

A igrexa de San Antonio de Padua de Lugo acolle unha exposición de traballos artesanais elaborados por presos de Bonxe e Monterroso.

 Na mesma Parroquia, o 11 de marzo ás 20:30h hai un concerto no salón de actos do Colexio Divino Mestre de Lugo do grupo Los Potes, que interpreta éxitos musicais dos anos 1970-1980: temas de Juan y Junior (Anduriña), Los Brincos (Lola), Los Mustang, Dylan, Adamo, The Beatles… É un concerto para axudar economicamente ao labor da pastoral penal da Diocese.

 A venda anticipada de entradas é na devandita Parroquia e en Cáritas.

A Xunta de Confrarías ultima os actos da celebración da Semana Santa de Lugo

A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo reuniuse o día 6 de marzo para organizar os actos da próxima Semana Santa 2017.

O pregón será o próximo 31 de marzo, ás 20,30 horas, na igrexa de Santiago A Nova. Como pórtico musical intervirá o Orfeón Lucense e a persoa encargada do pregón será Pilar Falcón Osorio, lucense da Pastoriza , doutora en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, onde foi docente. Ten formación en Marketing, Publicidade e Relacións Públicas. Membro fundador da TVG e da emisora Onda Madrid, publicou os libros Fraga y Galicia, El Imperio Rosa e contos infantís. Membro da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión, entre outras asociacións. [Ver entrevista a Pilar Falcón]

A Xunta de Confrarías, en colaboración coa Delegación Diocesana de Misións, organiza o XV CICLO DE CONFERENCIAS “OCCIDENTE ANTE O SÉCULO XXI”, no que intervirán o misioneiro xaveriano P. Carlos Collantes Díaz (“Igrexa e acollida de emigrantes. Algunhas experiencias”), o consiliario de Xustiza e Paz de Madrid, P. Ignacio María Fernández de Torres (“Unha mirada cristiá á cultura do descarte”) e o aventureiro solidario, Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo (“Doce anos polas terras irmás de África”) intervirán ás 20h os días 17 , 22 e 28 de marzo, respectivamente, no salón de actos da Fundación Abanca o 1º día e no salón de actos da Deputación os dous últimos.

En canto ao cartel, de novo este ano foi encargado a Eduardo Ochoa, fotógrafo artístico que desde fai anos colabora desinteresadamente neste aspecto.

No que respecta a procesións, non se prevén cambios significativos. Este ano sairá a procesión da Virxe da Soidade, As Caladiñas, suspendida o pasado ano por danos graves na imaxe titular da Virxe, ao realizar obras na Capela da Soidade, onde se venera.  O Vía Crucis celebrarase como todos estes anos, o Venres de Dores (7 de abril) e estará dedicado á familia.

A %d blogueros les gusta esto: