Serafín Fanjul iniciou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O Círculo das Artes de Lugo acolleu o 20 de febreiro a primeira das conferencias programadas nas Xornadas Abertas de Teoloxía. O historiador e lingüista Serafín Fanjul, foi enumerando a escritores estranxeiros que visitaron España e intentaban asimilar a poboación española á árabe, pero caendo, por exemplo en contradicións, como considerar que os españois herdaran tanto a “propensión á violencia” como a “suave tolerancia dos mouros”. Para Serafín Fanjul, “hai unhas moralexas de ideoloxía barata que non contribúen a dar unha imaxe real do país. Evidentemente, a orografía, o clima, a tecnoloxía, a tecnoeconomía conseguinte, todo iso son condicionamentos materiais verdadeiros que non contan para a maior parte dos viaxeiros. Pero estou seguro de que a psicoloxía social estaba máis relacionada con iso que con outras cousas”.

Sobre o tema da conferencia, Serafín Fanjul dixo que “nin na España musulmana nin na España de predominio cristián houbo unha convivencia modélica. O que houbo foi xustaposición de poboacións que máis ou menos se toleraban, cunha por riba das outras dúas. Nunha primeira etapa o predominio era musulmán e tiñan sometidos a cristiáns e xudeus facéndolles pagar máis impostos, someténdoos a unha gran cantidade de prohibicións, de discriminacións… Despois, cando se produce a Reconquista, tamén a discriminación é notable; por exemplo, obrígase aos xudeus e aos mudéxares (musulmáns) a levar signos distintivos na cabeza ou no ombreiro; prohibíaselles o uso de determinadas cores vivas (vermello, verde), de brocados, de bordados de ouro, calzado de calidade. Anteriormente, esa mesma prohibición ou moi semellante producírase no campo musulmán cos cristiáns.”

 

Uns sacramentos, si. Outros, non

 

Na administración de sacramentos e nas celebracións litúrxicas aos curas tócanos ver as cousas desde o outro lado da barreira ou desde detrás das cámaras.

Cando moitas veces uns só están de festa por unha voda ou unha primeira comuñón, nós estamos vendo a unhas persoas que veñen á igrexa non se sabe ben a que.

É frecuente ver neste tipo de actos a persoas que están en Misa e non saben cando erguerse ou sentar, que non se santigan, que non contestan ás oracións, algúns mascan chicle, etc.

Os fieis ven ao cura como unha especie de mago ou de showman que anima unha festa. O cura ve aos invitados completamente perdidos. Non é a primeira vez que nun funeral, cando chega o momento da comuñón, non se achega ninguén a recibir o Corpo de Cristo. Tamén se ve moitas veces nos funerais a xente que está pasando de todo, pero chegado o momento da paz si que a dan con entusiasmo, sen saber que a paz é un rito máis da Misa, igual que calquera doutros moitos que hai de similar importancia. Isto obsérvase moitas veces cando os políticos teñen que ir a algún funeral.

Tamén está o caso de nenos que fan a Primeira Comuñón, pero que en realidade habería que denominala “Primeira, Única e Derradeira Comuñón”, porque nunca máis volven, porque tampouco antes traíanos os seus pais. O que fixeron ese día é algo absolutamente estraño para eles. Máis que ir, son levados polos seus pais únicamente aquel día para facer unha foto, unha festa, e para de contar. Dese día só quedaría un simple recordatorio enmarcado no salón dalgunhas das casas dos invitados.

Despois está o caso dos pais que piden sacramentos para os seus fillos, pero eles non os reciben. Explícome cun exemplo: non é a primeira vez que unha parella acode á igrexa a bautizar ao seu fillo e, acto seguido, vai ao concello a formalizar o seu matrimonio. Ou pais que levan aos seus fillos a Misa os domingos, pero eles esperan fóra. Ou sexa, que obrigan aos seus fillos a recibir un sacramento no que eles mesmos non cren. Isto ocorre con moita frecuencia.

Os sacramentos non son maxia nin eventos sociais nin algo que haxa que facer custe o que custe cando chegamos a unha certa idade.

Os sacramentos son sete e todos son importantes para recibir a saúde da alma que nos trae Xesucristo. Se algún non o fose, non o instituiría. Veñen ao caso aquí as palabras de san Paulo despois do Concilio de Xerusalén: “porque decidimos o Espírito Santo e nós non impoñervos máis cargas cás indispensables”. (Feit 15, 28)

Prodúceme tristeza esta situación, non só pola incoherencia senón tamén porque as persoas non aproveitan o que supón recibir a graza de Deus que se nos dá en cada sacramento. Unha vez máis quedamos no accidental sen entrar no esencial.

O papa Francisco simplificou o proceso dos casos de nulidade para que sexan máis rápidos. Agora poderíanse arranxar nun tempo breve moitas destas situacións incoherentes.

Aínda que sexa o habitual, e non teña nada de malo, non é necesario que a administración dun sacramento se converta nunha festa social. Pola contra, hai persoas ás que non lles gustan as cerimonias complicadas e custosas. Desde aquí quérolles dicir que se poden celebrar dunha forma moito máis sinxela e sen gastar nin un céntimo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Xornadas Abertas de Teoloxía

Luns 20 ás 20h, Círculo das Artes

Conferencia: “La armonía de las Tres Culturas, una invención europea”

Relator: D. Serafín Fanjul

Nacido en Madrid en 1945. Doutor en Filosofía e Letras, especialidade Filoloxía Semítica e licenciado en Historia de América. Membro da Real Academia de Historia e Catedrático de Literatura Árabe na Universidade Autónoma de Madrid.

 Martes 21 ás 20h, Círculo das Artes

Conferencia: “O Islam como desafío hoxe”

Relator: P. Samir Khalil Samir SJ

Nacido en El Cairo en 1938. Xesuita, filosófo, teólogo, orientalista, islamista, siriacista e estudoso de Linguas semíticas. Profesor na Universidade San Xosé de Beirut e no Pontificio Instituto Oriental de Roma.

Mércores 22 ás 20h, Círculo das Artes

Conferencia: “Algunas dificultades del diálogo interreligioso”

Relator: D. Javier Martínez Fernández, Arcebispo de Granada

Nacido en Madrid en 1947. Licenciado en Teoloxía Bíblica e Doutor en Filosofía e Linguas Semíticas. Presidente da Comisión Episcopal de Relacións Interconfesionais da Conferencia Episcopal Española. 

Esta edición, a triséximo primeira, das Xornadas Abertas de Teoloxía baixo o título “O cristián ante o islam. Unha mirada dende a historia e os desafíos do presente”. 

Xornada de formación para o profesorado de Relixión

 O 4 de marzo terá lugar unha Xornada de formación para o profesorado de Relixión baixo o título “A ledicia do amor na familia: retos e liñas mestras na aula de Relixión”.

Os relatores desta Xornada serán o bispo de Santander Manuel Sánchez Monge e o director provincial en Madrid da Fundación Desarrollo y Persona Eduardo Navarro Remis.

O fin principal desta actividade será analizar a exhortación apostólica do papa Francisco Amoris Laetitia, nas súas claves principais, que afectan, sobre todo, á persoa, á familia e á escola.

Será na Domus Ecclesiae, na rúa Miramar de Ferrol de 9:15 a 20:15 horas

O profesorado de Relixión Católica de Galicia que desexe participar nesta convocatoria do Instituto Teolóxico Compostelán enviará un correo electrónico antes do 1 de marzo a capeans@edu.xunta.es, cos seguintes datos: título da actividade, nome completo, DNI, centro de destino, concello, provincia e diocese.

Adoración eucarística con motivo dos 50 anos da Renovación Carismática

O ano 2017 cúmprense 50 anos da presenza da Renovación Carismática Católica no mundo. Fai 5 décadas tivo lugar a fin de semana de Duquesne na que naceu a Renovación Carismática.

Para celebralo o próximo 18 de febreiro, ás 18:00, nos 5 continentes haberá unha Adoración eucarística “Vinde a min”, seguindo a invitación do CCR Youth, orando por unha efusión do Espírito. Desde a Renovación Carismática invítase a unirse en oración a miles de persoas de todo o mundo.

En Lugo será na Casa Diocesana de Exercicios, sita na rúa Bispo Ona de Echave, no día e hora citados.

A %d blogueros les gusta esto: