Xornada contra a trata de persoas

O 8 de febreiro, festa de santa Xosefina Bakhita -a relixiosa canosiana sudanesa que de nena viviu a dramática experiencia de ser vítima de trata e foi declarada santa en 2000-, celébrase en todo o mundo a terceira Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. A primeira edición da Xornada Mundial celebrouse o 8 de febreiro de 2015, por vontade do Papa Francisco.

Esta edición de 2017 introduce un elemento novo, co fin de equilibrar a proposta de oración e de reflexión centrándose nun aspecto específico do vasto e complexo mundo da trata de persoas: a trataa de nenas, nenos e adolescentes, co lema “Son nenos!, Non escravos!”.

Alento a cantos están comprometidos a axudar a homes, mulleres e nenos escravizados, explotados e abusados como instrumentos de traballo ou pracer, e a miúdo torturados e mutilados. Desexo que cantos teñen responsabilidades de goberno tomen decisións para remover as causas desta vergonzosa praga, praga indigna dunha sociedade civil. Que cada un de nós se comprometa a ser voceiro destes irmáns e irmás nosos, humillados na súa dignidade. Invoquemos todos xuntos á Virxe, por eles e polos seus familiares” (Papa Francisco, Angelus 8 febreiro 2015).

Un cura non é un funcionario

A reorganización pastoral que está facendo a Diocese de Lugo afecta a todos os niveis: institucións e organismos diocesanos, arciprestados, zonas pastorais, parroquias etc. No mundo rural trátase de crear unidades pastorais que están formadas por un conxunto de parroquias cercanas e coa mesma idiosincrasia, onde se trata de buscar unha igrexa que resulte máis axeitada para reunir aos fieis, e formar unhas comunidades cristiás vivas e participativas tanto para a educación da fe como para as celebracións dos sacramentos, os servizos caritativos e os distintos compromisos das comunidades cristiás. A reorganización pastoral é máis que unha reorganización administrativa: é esencialmente unha proposta evanxelizadora adecuada aos momentos actuais.

Polo tanto, cando hoxe se pensa facer cambios de sacerdotes para pedirlles novos e distintos servizos eclesiais para ben da Igrexa e dos fieis, debe terse na mente o mapa da Diocese de Lugo, que contén 1.139 parroquias, con moitas diferencias de poboación e xeográficas. Na distribución do clero trátase de que en todas as zonas vaiamos tendo sacerdotes que leven a cabo a misión evanxelizadora das comunidades cristiás que forman a nosa Igrexa Diocesana.

Cando hai un cambio dos sacerdotes sempre se teñen en conta os principios internos e externos da vida eclesial, que poidan levar adiante a misión que plantexa o sacramento da Orde Sacerdotal e dunha maneira organizada, tal como regula o dereito canónico.

Cando se lles pide un traslado para un novo servizo eclesial, os responsables diocesanos falan sempre con cada un dos sacerdotes  para que, dialogando, expresen con liberdade o seu parecer sobre dito servizo.

Os sacerdotes son Ministros do Señor enviados pola Igrexa a través do Supremo Pastor da Diocese, que sempre é o Bispo, para que realicen a misión evanxelizadora da Boa Nova de Xesucristo. Por iso, o sacerdote reúne unhas características que o fan distinto;  é máis que un funcionario. Tampouco un sacerdote é o dono das parroquias nin estas son donas do sacerdote. Este vai para realizar a misión evanxelizadora por un tempo que se vexa oportuno. O seu ministerio sacerdotal é un don de
Deus para as comunidades cristiás e para o mundo. Ás veces toca no mundo rural, e outras nas urbes, ou en cargos eclesiásticos, ou no ensino, no servizo caritativo, nos hospitais, nos cárceres…

Por iso na vida sacerdotal e relixiosa sempre hai que ter unha liberdade, unha xenerosidade, un desprendimento en todas as dimensións para cumprir ben a misión do Evanxeo. Na vida práctica hai que preparar varias veces a maleta para os cambios, cousa que non ocorre na vocación de moitos leigos.

Luis Manuel Rodríguez,

Vicario de Coordinación Pastoral da Diocese de Lugo

Festivais solidarios para as familias organizados polo Colexio Divina Pastora

Despois das celebracións que tiveron recentemente en honra de San Xoán Bosco nos colexios salesianos de Lugo María Auxiliadora e Divina Pastora, este último organiza a partir do día 6 de febreiro os seguintes festivais solidarios para familias:

  • Luns 6 ás 19h no auditorio Gustavo Freire (alumnado de ESO)

  • Martes 7 ás 19h no auditorio Gustavo Freire (alumnado de Primaria)

  • Mércores 8 ás 19 h no salón de actos do Colexio Divina Pastora (Infantil).

Actos da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

O venres, día 3, ás 19,30 h., comeza na Parroquia de San Froilán a novena en honra de Nosa Señora de Lourdes. Os predicadores serán: José Lebón, David Varela, José Otero, Marcos Torres, Miguel Asorey, Manuel Otero, Jorge Vázquez e Miguel Angel Álvarez. Está organizada pola Hospitalidade Diocesana, que acaba de renovar parte da directiva.

O venres 10 de febreiro no Seminario Diocesano terá lugar a convivencia-asemblea da Hospitalidade de Lourdes. Ás 16:30 haberá unha Eucaristía presidida polo Sr.Bispo. A continuación, unha reflexión mariana a cargo do rector do Seminario David Varela, sobre o lema deste ano: “O Señor fixo en min marabillas. Tras informacións propias da marcha da Hospitalidade, os participantes nas peregrinacións a Lourdes terán un tempo para dar a coñecer as súas vivencias e resonancias persoais.

O 10 de febreiro ábrese o prazo para inscribirse na peregrinación a Lourdes, que este ano será do 26 ao 30 de xuño.

Exposición de traballos de presos na igrexa de Monterroso

Na igrexa de Monterroso hai unha exposición de traballos de artesanía elaborados por presos de Monterroso e Bonxe. Está aberta ata o 3 de febreiro. Ese día ás 20h o director do Secretariado de Pastoral Penal, José Río Ramilo, dará na devandita igrexa unha charla titulada “A dignidade da persoa: Igrexa e colectivos vulnerables”.

A %d blogueros les gusta esto: