Exercicios espirituais para sacerdotes

A partir do día 8 de xaneiro na Casa Diocesana de Exercicios hai exercicios espirituais para sacerdotes. Serán ata o día 13 de xaneiro e están dirixidos polo sacerdote da Diocese de Toledo Juan Antonio Naya. Imparte clases de Fundamentos de Filosofía no Instituto Teolóxico San Ildefonso

Juan Anaya, actual párroco da Parroquia de Santa Bárbara en Toledo, durante case oito anos foi misioneiro nas comunidades da Selva, Prelatura de Moyobamba, Perú. Ademais de atender varias parroquias, foi director espiritual do Seminario e responsable da Pastoral Vocacional na propia prelatura.

O coidado da nosa dimensión espiritual

Entre as cousas boas de ser cura está a de ter a graza de poder dedicar unha semana ao ano a facer un “reseteo de todo o sistema”, por dicilo dalgún modo. Trátase dos exercicios espirituais.

Pero isto non é só cousa de curas. Actualmente para os laicos tamén hai bastantes ocasións de poder facer exercicios espirituais. Desde a delegación de Apostolado Seglar organízanse retiros de fin de semana en distintas épocas do ano. Na súa páxina web veñen as datas e información doutras actividades.

Facer unha pausa deste tipo sempre vén ben. Nos mesmos evanxeos vemos a Xesús retirarse ao monte en varias ocasións. Xa cando era neno e os seus pais perdérono en Xerusalén fórono a atopar no Templo onde se estaba ocupando das cousas do seu Pai.

No mundo moderno ofrécensenos moitas posibilidades de exercitar o noso corpo e tamén o noso espírito, aínda que estas últimas quizais moi baleiras de contidos. Todo o noso ser é cousa de Deus, pero moito máis a nosa dimensión espiritual, que El coida especialmente dunha forma directa.

Por moito que nos empeñemos no contrario, as persoas e o mundo necesitamos a Deus. Sen El só somos froito da casualidade, como di Benedicto XVI: “Cando perdas a Deus, perdícheste a ti mesmo; entón serás tan só un produto casual da evolución” (libro Jesús de Nazaret). Sabemos que hai cousas na nosa vida que non son de casualidade, aínda que o poidan parecer en primeira instancia.

Deus non pode faltarnos da nosa vida porque somos froito do seu amor. Por iso, cando os afáns da vida cotiá impídennos ou dificultan o encontro con Deus, necesitamos facer unha parada e recargar as baterías na presenza de Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

4 de xaneiro, festividade de San Manuel González

Trala súa canonización o pasado 16 de outubro, será o 4 de xaneiro cando se celebre por primeira vez San Manuel González, Bispo dos Sagrarios abandonados, fundador das Marías dos Sagrarios e Adorador Nocturno.

A Catedral de Lugo acolle o día 4 de xaneiro os seguintes actos en honra a San Manuel González:

  • 19:15h Presentación e lectura da biografía do santo

  • 19:30h Rezo do Santo Rosario

  • 20h Celebración da Eucaristía

Organiza o Consello Diocesano da Adoración Nocturna, en colaboración con ARPU, Marías dos Sagrarios, Apostolado da Oración, Confraría Sacramental e Catedral de Lugo.

A paz, algo máis ca un sentimento!

O Papa Francisco foi proposto para o Nobel da Paz no 2016, pero non lle foi concedido e aventúrome a prognosticar que tampouco llo darán en anos sucesivos. A San Xoán Paulo II tampouco llo deron, a pesar de ser proposto en varias ocasións polo seu traballo constante pola paz e máis de 50 intervencións para impedir a Guerra do Golfo contra Iraq… Algúns dirán que non llelo dan por ser líderes relixiosos. Por que entón llelo deron ao Dalai Lama (1987) e ao bispo anglicano Desmond Tutu (1984)?

Pero non só quedou sen o Nobel Xoán Paulo II e quedará Francisco, senón que tamén quedaron sen el auténticos pacifistas entre os que sobresae Mahtama Gandhi, a pesar de ser proposto en 5 ocasións, pero si se lles outorgou a varios que non son exemplo de pacifistas.

En 1981 a Asemblea Xeral declarou como Día da Paz o da apertura do período ordinario de sesións en setembro, pero houbo que agardar ao 7 de setembro de 2001 a que a ONU fixara un día concreto para celebrar o Día Internacional da Paz, que será o 21 de setembro a partir do 2002 (resolución 55/282).

No ámbito escolar, no ano 1964, púxose en marcha o “Día Escolar da Non-violencia e a Paz” como unha iniciativa non estatal, independente, libre e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora. Celébrase o 30 de xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, ou un día próximo, pero no Hemisferio Sur por razóns de calendario soe trasladarse ao 30 de marzo ou a días inmediatos.

Na Igrexa Católica xa no ano 1967 o Papa Paulo VI (tamén sen o Nobel) institúe o 1 de Xaneiro como Día da Paz e o 8 de decembro asina unha Mensaxe para o 1 de Xaneiro de 1968. Desde entón nunca faltou unha mensaxe do Papa para ese día, que asina polo 8 de decembro. A mensaxe de 2017 é, por tanto, a mensaxe número 50, medio século de mensaxes!.

O Papa le a mensaxe o 1 de xaneiro aos membros do Corpo Diplomático ante a Santa Sé. Os medios de comunicación fanse eco desta mensaxe para coñecemento xeral.

Estas mensaxes son unha parte significativa da Doutrina Social da Igrexa, que apenas se ten en conta. Para facernos unha breve idea imos citar o título dalgunhas, que nos mostran como promover unha serie de actitudes necesarias para a construción da Paz:

Paulo VI: “A promoción dos Dereitos do Home, camiño cara a paz” (1969),  “Se queres a paz, traballa pola xustiza” (1972) “Non á violencia, si á paz” (1978)

Xoán Paulo II: “Para servir á paz, respecta a liberdade” (1981), “Para construír a paz, respecta ás minorías” (1989), “Se queres a paz, sae ao encontro do pobre” (1993), “Non hai paz sen xustiza non hai xustiza sen perdón” (2002).

Benedicto XVI: “Combater a pobreza, construír a paz” (2009), “Se queres promover a paz, protexe a creación” (2010), “A liberdade relixiosa, camiño para a paz” (2011).

Francisco: “Non escravos, senón irmáns” (2015), “Vence a indiferenza e conquista a paz” (2016). A súa mensaxe para 1 de xaneiro de 2017, asinada e coñecida o 8 de decembro de 2016, leva por título, “A non-violencia: un estilo de política para a paz”. É unha mensaxe oportuna, pois se pensamos que a paz se consegue coa violencia, non pensamos nin moito nin ben, pois coa violencia sempre gañará o máis forte, violento, tramposo, poderoso… O texto merece unha lectura sosegada, e para abrir o apetito vou salientar o que segue:

Responder con violencia á violencia leva, NO MELLOR DOS CASOS, á emigración forzada e a un enorme sufrimento, xa que as grandes cantidades de recursos que se destinan a fins militares son quitadas das necesidades cotiáns dos mozos, das familias en dificultade, dos anciáns, dos enfermos, da gran maioría dos habitantes do mundo. NO PEOR DOS CASOS, leva á morte física e espiritual de moitos, se non é de todos. (nº 2)

Despois de referirse a Gandhi, K. Abdul Ghaffar Khan e M. Luther King engade: “En especial, as mulleres son frecuentemente líderes da non violencia, como, por exemplo, Leymah Gbowee e miles de mulleres liberianas, que organizaron encontros de oración e protesta non violenta (pray-ins), obtendo negociacións de alto nivel para a conclusión da segunda guerra civil en Liberia

Non cansemos nunca de repetilo: «Nunca se pode usar o nome de Deus para xustificar a violencia. Só a paz é santa. Só a paz é santa, non a guerra».” (Nº 4)

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

Xornada da Familia

Os bispos da Subcomisión episcopal da Familia e a Defensa da Vida falan da necesidade dun verdadeiro ambiente familiar e de xerar unha cultura da familia: “O camiño da familia necesita unha morada, un ambiente axeitado, un tecido de relacións onde poida crecer e xerminar o desexo humano. Non hai persoa sen persoas, matrimonio sen matrimonios, familia sen familias; por iso é urxente xerar unha cultura verdadeiramente familiar”.

A Igrexa debe “xerar espazos e tempos novos, un ambiente e unha cultura favora-bles nos que a familia poida crecer e vivir en plenitude a súa vocación ao amor”.

Finalmente, encoméndase á Virxe María, a protección de todas as familias, de modo particular ás que pasan maiores dificultades.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: