Inicio do curso dos Equipos de Nosa Señora

 

Encontro de ENS en Brasilia, ao que foi un grupo de Lugo

Trala apertura do curso pastoral diocesano na Catedral, os matrimonios de Equipos de Nosa Señora iniciaron as actividades do novo curso. Reuníronse os sete equipos do sector de Lugo – Lalín no Seminario.

O enfoque do presente curso está en función do Encontro Internacional de Brasília, celebrado en xullo. Ese encontro tivo como lema Atreverse a vivir o Evanxeo e del saíron as orientacións para os próximos seis anos:

– parellas que se atrevan a ter o corazón pleno do amor de Cristo.

– parellas que se atrevan a acoller e a ocuparse das persoas.

– parellas que se atrevan a saír cada día ao mundo ao servizo da Igrexa.

Por todo iso, os obxectivos que se propoñen neste curso as parellas de Equipos de Nosa Señora son:

* Profundar no sacramento do matrimonio,

* Comprometerse na nova evanxelización.

Reunión de maiores de Samos

Priorato de Lóuzara
Priorato de Lóuzara

Reanúdanse no mes de outubro as xornadas de convivencia de maiores, despois das tres realizadas a principios deste ano 2012. O día 28 de outubro será cando un grupo de maiores de Samos realicen actividades en común e compartan vivencias. Todo isto organízao a Fundación O Noso Lar no Priorato (Campos, Val de Lóuzara). Dentro de tres semanas, o 18 de novembro, esta actividade lévase a cabo en Lousada e repítese no Priorato dentro de un mes.

Xornadas Nacionais de Liturxia

 

Jornadas Nacionales de Liturgia Lugo

As Xornadas Nacionais de Liturxia inician a súa andadura o día 23 de outubro ata o 26. Desenvólvense en Lugo e na tarde do día 25 en Monforte.

Asisten máis de 120 persoas procedentes de toda España e nas súas intervencións no diálogo cos relatores nótase o seu alto nivel, á altura destes. E non só nos contidos, senón tamén nas celebracións litúrxicas.

Entre os asistentes hai bastantes delegados de Liturxia, que programaron o seu encontro particular aproveitando un momento libre.

No transcurso destas Xornadas tamén se presenta o libro que recolle os relatorios do I Encontro Eucarístico Lucense.

4ª Semana do Outubro Misioneiro

Baixo o lema “Vocación misioneira“, o día 22 comeza a 4ª semana do Outubro Misioneiro. O obxectivo desta semana é suscitar entre todos nós a apertura para escoitar a voz de Deus, que chama e envía á misión.

O Bispo de Lugo recórdanos que “o anuncio da fe é sempre igualmente o dunha profunda comuñón”. E falando da vida dos misioneiros, di que a “comparten libremente con aqueles aos que son enviados, poñéndoa en común, querendo ser con eles un só corazón e unha soa alma, un único Corpo, que é a Igrexa” (ver carta pastoral completa en www.diocesisdelugo.org)

Un dos misioneiros que estivo en Lugo foi o Padre Alonso, que deixou gravado nun vídeo o relato da súa experiencia en Sudáfrica (www.misionesdelugo.blogspot.com.es)

DOMUND 2012

O venres 19, a Vixilia do DOMUND é na parroquia Bo Pastor de Lugo ás 8 da tarde.

O sábado 20, a Vixilia é na parroquia de San Pedro de Melide, ás 8 da tarde.

O domingo 21, celebran distintas eucaristías o P. Alonso e o sacerdote Leonardo Bahati.

O día 18 de outubro, Leonardo Bahati tamén tivo unha intervención no Seminario de Lugo co título “A Misión en territorios de conflito”. Pormenorizou a situación do seu país, Congo.

Tras 16 anos de conflitos armados, houbo 5 millóns de vítimas directas e indirecta, millares de mulleres deportadas por proxenetas. O éxodo rural converte as cidades en conglomerados de favelas. Hai un debilitamento progresivo do Estado, que non garante o ben común como debera. Houbo destrución das infraestruturas básicas e hai precariedade da sanidade e a educación. Gran parte da poboación sofre un empobrecemento cada vez maior.

Tamén se produce unha degradación ética e moral cada vez máis aguda, considerándose permitidos tódolos medios (mentira, falta de respeto polo ben común) para conseguir o que se quere. Vai arraigándose unha cultura da morte (axustes de contas, ladróns armados…).

A Igrexa congoleña, que ten 120 anos de existencia, e está estruturada en 47 dioceses, tamén sofre esta situación conflitiva. Perderon a vida bastantes cristiáns por denunciar o mal: foron asasinados varios sacerdotes, secuestrados relixiosos por prestar atención sanitaria a persoas que non querían os rebeldes que recibisen tal asistencia.

A metade dos 23 millóns de católicos da R. D. do Congo viven en lugares nos que o sacerdote ten que andar unhas 5 horas de ida e outras tantas de volta para estar cos seus fregueses. Neses casos, a Eucaristía celébrase unha vez ao mes.

Para subsistir os axentes de pastoral fanse colectas de alimentos e logo recíbese axuda de igrexas máis favorecidas economicamente para soster seminarios, por exemplo.

A %d blogueros les gusta esto: