Teño necesidade de Ti

Matt Maher

27 de xullo de 2013. Río de Janeiro. Preto de tres millóns de mozos reunidos co Papa Francisco para orar. E foi durante a exposición do Santísimo onde diversos autores católicos interpretaron algunha das súas cancións para axudarnos na oración. Foi entón cando o canadense Matt Maher cantou o seu “Lord, I need you“  (Señor, Teño necesidade de Ti).

O documento do Concilio Vaticano II que dedica algúns dos seus números á música é a Sacrosanctum concilium. No número 112 dinos que a finalidade da música sagrada «é gloria de Deus e a santificación dos fieis». E o beato Paulo VI dicía nun discurso aos músicos polo día de Santa Icía que «se a música -instrumental ou vocal- non posúe ao mesmo tempo o sentido da oración, da dignidade e da beleza, impídese a si mesma a entrada na esfera do sagrado e do relixioso».

Pois ben, creo que Matt Maher soubo captar nunha canción o que moitas veces nós expresamos na nosa oración de petición e súplica, cando nos sentimos esmagados polas dificultades e non sabemos como avanzar, ou cando o pecado nos arrastra lonxe da amizade con Xesucristo. Pero vou engadir unha cousa sobre a canción: Cristo vive por amor a nós. Como di San Agustín nas súas Confesións: «O home, pequena parte da túa creación, quere loarche. Ti mesmo incitas a iso, facendo que atope as súas delicias na túa loanza, porque nos fixeches para Ti e o noso corazón está inquedo mentres non descansa en Ti». É coma se Deus necesitase de ti e de min.

Xa ves, querido lector, que a música é un instrumento moi útil para verbalizar aquilo que levamos no corazón e ás veces non sabemos como expresar. Non cansemos nunca de poñernos ante Deus tal e como somos, dicirlle estas ou outras palabras e deixarnos abrazar polo seu amor misericordioso, que ten o seu xesto máis concreto no sacramento da reconciliación. Dille que o necesitas, o desfeito que estás, que perdiches a esperanza ou cales son as túas tentacións; pero logo déixache tocar por El, que Deus sae ao teu encontro a través de tantas persoas que nos coidan, que nos queren, da súa Igrexa, os seus ministros, os sacramentos… E que Xesús sexa sempre a esperanza onde decidamos permanecer.

Nicolás Susena Presas

Diácono da Parroquia da Milagrosa de Lugo

Promoción e renovación da música nas dioceses españolas

O secretariado da Comisión Episcopal de Liturxia da Conferencia Episcopal difunde desde fai uns meses un cuestionario entre sacerdotes, relixiosos e laicos, coros parroquiais, directores de coro, músicos, equipos de animación litúrxica e todas aquelas persoas involucradas na pastoral do canto e a música. A finalidade é coñecer a súa opinión sobre o estado da música nas dioceses españolas.

Máis de 3.000 persoas contestaron e quen non o fixo pode facelo (non leva máis de 10 minutos) antes do día 1 de setembro.

Púxose en marcha este proxecto coincidindo co 50 aniversario da Instrución da Congregación do Culto Divino Musicam Sacram. Nas próximas Xornadas Nacionais de Liturxia, (Santander, 17 – 20 de outubro, sobre a música na celebración) daránse a coñecer os resultados da enquisa. As respostas proporcionarán material valioso e de primeira man para orientar o futuro do canto e da música nas dioceses españolas.

Imaxe: www.cathopic.com

Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi

A segunda edición do Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi celebraráse na cidade de Lugo do 4 ao 9 de xullo de 2017.

Organízao a Delegación de Liturxia da Diocese de Lugo e o Centro Eucarístico Lucense. O curso ten tres modalidades: órgano, dirección coral e canto. É posible cursar dúas modalidades, indicando unha das dúas como preferente, podendo ser cursadas ambas sempre que o permitan as posibilidades organizativas. Está dirixido a directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.

A clausura do Curso será cunha actuación o día 9 de xullo na Catedral de Lugo.

[Máis información]

Concerto de música góspel

O 7 de maio ás 18h na igrexa de Santiago A Nova hai un concerto de góspel a cargo do grupo Aba Taano, conformado por unha mezzosoprano, un barítono e tres baixos. Estes cantantes cantarán en zulú, swahili, luganda ou runyancore e tamén interpretarán góspel tradicional en inglés e pop á vez que bailan coreografías preparadas por eles mesmos. Os concertos de Aba Taano están sempre impregnados de pureza, forza e entusiasmo e as súas voces son excepcións e emocionan a todo tipo de audiencia.

Cos seus concertos axudan a financiar o proxecto humanitario de Música Para Salvar Vidas, cuxo labor é axudar a que nenos orfos procedentes de Uganda poidan labrar o seu futuro por medio da música e a danza. O concerto deste domingo é de entrada libre e ao final pode deixarse unha colaboración económica.

Os músicos do grupo Aba Taano percorreron moitos auditorios de España co coro Uganda Natumayini, logo co Omutima Gwa Afrika e actualmente coa actual formación (Aba Taano).

Concerto na Catedral “Aquesto foi en Galiza. Cantigas arredor da Eucaristía”

O 22 de decembro ás 19h na Catedral hai un concerto do grupo de música Antiga 1500 con motivo da renovación do privilexio da indulxencia plenaria cotiá e perpetua na sé lucense.

O programa musical fundaméntase nas Cantigas de Santa María, do obradoiro de Afonso X o Sabio, e na Eucaristía. Inclúese unha referencia á basílica lucense, pois unha das cantigas que se interpretará será a número 77, que narra un milagre da Virxe feito na Catedral. Tamén se poderá escoitar un Ave verum polifónico, dos primeiros que se compuxeron.

Os intérpretes, con instrumentos de época, son: María Giménez, voz e percusións; Belén Bermejo, voz e órgano percutido; Víctor Blanco, guitarra renacentista, harpa; Roberto Santamarina, fídulas e Andrés Díaz, viola de man, frautas e dirección.

Despois de este acto cultural será o Xoves Eucarístico, cunha Eucaristía de acción de grazas, ás 20h.

[Ver programa do concerto]

A %d blogueros les gusta esto: