Unha santa vinculada a Lugo

cartel san froilán

«Que bonito é loitar cando se ten fe e valóranse as cousas á luz de Deus!» Esta é a cita da Madre María de la Purísima escrita na pancarta colocada no interior de parroquia de San Froilán durante os meses de preparación para a súa canonización. O nome desta Irmá xa figura no catálogo de santos desde o pasado domingo. A cerimonia, presidida polo Papa Francisco, tivo lugar na praza de San Pedro do Vaticano. Alí estiveron o Bispo de Lugo, o Rector do Seminario e catro fregueses da parroquia.

Supoño que resulta rechamante a importancia que lle demos na Parroquia e na cidade de Lugo a esta canonización. María de la Purísima foi a fundadora da casa das Irmás da Cruz en Lugo no ano 1987, primeiro na rúa Castelao e despois na de Miguel de Cervantes, ambas no territorio da parroquia de San Froilán. Con este motivo estivo na nosa cidade en varias ocasións, ademais das visitas que fixo despois ás irmás, das que era a Madre Xeral.

Madre María de la Purísima naceu en Madrid en 1926. En 1944 ingresa nas Irmás da Cruz. É elixida Madre Xeral en 1977 e reelixida 3 veces máis. Morreu en 1998 tras unha rápida enfermidade. Ao ano seguinte iníciase o proceso de canonización. Muller de amplo sorriso e con sólida formación, soubo continuar e expandir a obra da fundadora, sor Ángela de la Cruz, tamén santa.

Nestas liñas, non podemos esquecer o papel que tivo o sacerdote D. Alfonso Vilariño Blanco na fundación que Santa María de la Purísima fixo en Lugo. Grazas á insistencia de D. Alfonso chegaron a Lugo as Irmás da Cruz para facerse cargo dunha residencia para o coidado de persoas maiores, ademais da asistencia a enfermos nas súas casas. Moitos lucenses coñecen o labor abnegado, delicado e silencioso destas relixiosas que tratan de aliviar a cruz da enfermidade e a ancianidade a quen a padecen.

O domingo 25 de outubro terminou na Parroquia de San Froilán o triduo de acción de grazas pola nova santa. Deus estivo grande connosco e agradéceselle o agasallo da santidade de María de la Purísima e da presenza das súas “fillas” entre nós.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: