“Unha soa familia humana, alimentos para todos”

O 17 de Outubro, declarado pola O.N.U. Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, é sen dúbida unha ocasión para concienciarnos toda a sociedade da situación actual desta terrible lacra e as consecuencias que conleva para a poboación mundial.

CARITAS e MANS UNIDAS da Diocese de Lugo, desde o seu compromiso a favor dos máis desfavorecidos, queren ser hoxe a súa voz e denunciar que no mundo aínda hai 1400 millóns de persoas que sofren pobreza extrema, con especial incidencia en mulleres e nenos.

A miseria e a explotación deshumanizan a todos, vai contra o que debemos ser: unha soa familia humana, aínda que uns son as vítimas e outros os que causan a inxustiza e a deshumanización.

Temos que ser conscientes de que todos estamos chamados e urxidos a solucionar os problemas da sociedade e, especialmente, dos que peor o están pasando, os máis empobrecidos. Se non asumimos tamén como propia esta responsabilidade, estariamos caendo niso que se chama “Delito de Denegación de Auxilio”. Ante a persoa que non quere colaborar a solucionar os máis graves problemas sociais, a sociedade tería dereito de lexítima defensa.

Debemos saber que erradicar a pobreza non é unha utopía senón unha posibilidade se as institucións políticas, económicas, sociais… garanten os dereitos humanos e unhas políticas fiscais xustas e redistributivas en detrimento dunha economía especulativa. Para este cometido non só as institucións senón toda a sociedade civil debemos esforzarnos para que as nosas decisións persoais, sociais e institucionais estean comprometidas na urxente tarefa de ser unha soa familia humana con alimentos para todos.

 

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: