Solemnidade da Ascensión do Señor

“Deus ascende entre aclamacións” así di a antífona do salmo 46 que se proclama na solemnidade da Ascensión de Xesucristo ao ceo. Antes, este día era un dos xoves do ano que brillaba máis có sol; agora posiblemente sexa unha festa que pasa máis desapercibida. pero o que nos ensina e o que celebramos ese día ten moita importancia para vivir e sobre todo morrer con esperanza. A clave e o significado deste misterio atopámolo moi claro na oración colecta dese día. Nela dísenos que alí onde nos precedeu El, que é a nosa cabeza, esperamos chegar tamén nós, como membros do seu corpo. Cristo ascende e vai ao ceo; e nós, en canto sexamos membros do seu corpo esperamos chegar algún día a ese lugar de vida plena e definitiva, onde non hai pranto, nin loito, nin dor, senón paz e alegrías eternas.

Miguel Ángel Álvarez

Convención de editores e colaboradores de Lucensia

Lucensia num 42

O sábado 16 de maio ás 18 h no Seminario de Lugo celébrase a Convención de editores e colaboradores de LVCENSIA, para celebrar os primeiros 25 anos de publicación ininterrumpida da Revista. Durante estas dúas décadas e media suman máis de douscentos os colaboradores, que están invitados a este acto.
A estes e á prensa obsequiaráselles co número 50. Ademais dun traballo de Óscar González Murado, incorpóranse índices sistemáticos de autores e materias do publicado nos 49 números anteriores. Inclúen referencias cruzadas e son froito dun laborioso traballo.

15 de maio, Día do Mundo Rural

15 maio Día do mundo rural

Os segrares, crecendo como persoas e como cristiáns, deben ir tomando responsabilidades nas comunidades rurais, en moitas das tarefas eclesiais que poden facer: a organización, o coidado e preparación do templo para as celebracións, a organización de procesións, de romarías, ou de novenas, impartir catequese a nenos e aos seus pais, preparación de cursos de formación, celebracións da palabra, etc. Exercendo estas responsabilidades fai que o fiel se considere máis partícipe da Igrexa e a considere súa.

Doutra banda, o feito de que xente con inquietude relixiosa se reúna para a preparación e a celebración de festexos populares, romarías, procesións… é unha oportunidade de chegar a ela por medio dunha esmerada reflexión en torno ao que se está organizando.

As confrarías e as asociacións próximas ás parroquias e a determinados santos e virxes son grupos que están máis sensibilizados para madurar no seu ser cristián. Poden estar accesibles a ir crecendo como cristiáns, a iniciar un camiño de formación na fe. Desde aí tamén xorden compromisos de participación na nosa Igrexa, sen necesidade de que o sacerdote estea permanentemente presente en todas as actividades de evanxelización.

O feito de ser menos persoas que nas cidades (tan despersonalizantes), de coñecerse todos, leva a ser máis humanos, máis próximos uns a outros, a ter máis empatía cos demais, e xa que logo a gozar cos gozos dos demais e a sufrir coa súa dor.

Facilita acudir a ver ás persoas soas, que necesitan coidados puntuais, que están enfermas de soidade. A Igrexa-pobo de Deus non é igual na cidade que nos pobos. Nestes a relación é máis humana, máis sinxela, máis próxima, acompáñase na soidade, nos funerais, nas perdas, no sufrimento. É máis doado acoller o proxecto de home-sociedade-Igrexa que Xesús quere.

A %d blogueros les gusta esto: