Encontro da pastoral penal de Galicia

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela tivo lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano baixo o lema “Aprendendo a incluír” e coa asistencia do arcebispo compostelán Mons. Julián Barrio

A xornada iniciouse cun intre de oración e unhas palabras do bispo de Ourense Mons. Leonardo Lemos, para quen “non abonda que a Administración funcione ben, que funciona; os voluntarios acollen, acompañan, escoitan… Isto último é moi importante como paso previo ao diálogo”. Tamén sinalou que toda a dinámica xorde dos corazóns dos voluntarios tendo un punto de referencia: Xesucristo.

María Yela García encargouse dos relatorios “Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión”. Ela foi psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e actualmente é Delegada da Pastoral Penal de Madrid. Nunha das súas intervencións, María Yela enumerou os puntos que identifican aos voluntarios da pastoral penal:

– Esperanza no cambio, ser axentes de perdón, de anuncio, axuda, gratuidade.

– Son testemuñas do encontro con Xesús

– Son o evanxeo que os demais coñecerán

– Non hai un encontro só entre dous senón entre tres: voluntario, persoa coa que está o voluntario (preso, vítima, familiar…) e Deus.

De esqda. á dta: Xoaquín Campo, María Yela, Mons. Julián Barrio e Mons. Leonardo Lemos

Acender unha candea

Quen non acendeu algunha vez unha candea? Non me refiro ás que se acenden nunha noite de apagamento, falo dunha candea acesa nunha igrexa ou capela.

Os motivos polos que se acende unha candea poden ser moi diversos, pero case todos eles teñen unha connotación relixiosa ou fan algunha referencia ao transcendente.

Cando visitamos un templo é frecuente que nos atopemos con lampadarios de moi variadas formas nos que se pode acender unha candea. Hainas de moitas clases, tamaños e materiais. O formato máis coñecido é o cirio vermello. Pero tamén hai lampadarios eléctricos, con candeas de led que imitan ás auténticas, e até os hai virtuais que nos permiten acender unha candea nunha páxina da internet. Mesmo existe a posibilidade de acender unha lampadiña a través do móbil. E xa non falamos das máquinas expendedoras de cirios, semellantes ás dos refrescos, que se atopan en moitos santuarios.

Cando dalgunha cousa hai tanta oferta é porque hai moita demanda. Nun mundo secularizado estraña que sigan proliferando e aparecendo novas formas de acender unha candea nos lugares de culto. Nas miñas parroquias baixou o número de persoas que comulgan, polo que tiven que dicirlles ás relixiosas que me envían as partículas que reducisen o envío mensual. Pero o que non descende, senón que aumenta, é o consumo de candeas.

Observo como algunhas persoas no medio da misa acórdanse de acender unha candea e levántanse sen ningún tipo de rubor, aínda que sexa no medio da consagración. E, se queremos que unha celebración teña éxito o mellor é entregar a cada participante unha candea acesa, e evitar posibles pelexas por non quedar sen unha.

Vendo este panorama posiblemente esteamos a facer algo mal. Por suposto que está ben acender unha candea, pero temos que saber por que o facemos.

Na Sagrada Escritura é doado ver como se fai referencia a Xesucristo como «a luz de mundo». Certamente esta imaxe define perfectamente a Xesús e á súa misión: O sol é o que mantén con vida o noso planeta e, do mesmo xeito, Xesús vén darnos vida iluminando as tebras que provocan o pecado e a morte. Por iso un dos símbolos que temos de Cristo resucitado é o Cirio Pascual, unha candea moito máis grande do habitual, que estreamos cada ano a noite da vixilia pascual e que simboliza a Cristo resucitado e a nosa fe nel, que debe estar viva como a chama dese cirio. Recoméndolles ler con tranquilidade o pregón que se fai a noite pascua á luz do Cirio Pascual.

Chegados a este punto, o sentido de acender unha candea creo que xa pode estar claro. As pequenas candeas que acendemos son unha copia do Cirio Pascual. Facémolo para que Cristo nos ilumine nese problema especial que estamos a padecer. Outras veces, a ofrenda dun cirio farémola polas necesidades dos demais, especialmente dos que están preto de nós.

Unha última cousa. Un cirio vermello aceso á beira do sagrario en calquera lugar de culto indícanos a presenza de Xesús Sacramentado dentro. Se é así, toca saúdo con xenuflexión, pois o Señor está en casa.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Encontro sobre a Palabra de Deus

O luns 20 de xaneiro, con motivo do Domingo da Palabra convocado polo Papa para o 3º domingo do tempo ordinario, terá lugar un encontro no Seminario ás 8 da tarde, co tema “A fontalidade da Palabra de Deus”. Intervirán o párroco de San Francisco Javier, Jesús Fernández Aira; o Delegado de Misións, Jesús Manuel Santiago Vázquez, e o misioneiro comboniano José Rafael Pérez. É un acto organizado pola Delegación de Misións e o Movemento Bíblico.

[Subsidio litúrxico para o III domingo do tempo ordinario: Domingo da Palabra]

Encontro interdiocesano de pastoral penal

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela ten lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano o lema é “Aprendendo a incluír”. O programa é o seguinte:

  • 10 h Acollida

  • 10:30 Oración

  • 10:45 h Primeiro relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión (1ª parte), por María Yela García, psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e Delegada da Pastoral Penal de Madrid.

  • 11: 50 h Descanso

  • 12: 15 h Segundo relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e despois da prisión (2ª parte), por María Yela García

  • 13:15 h Celebración eucarística

  • 14 h Xantar

  • 16 h Diálogo aberto coa relatora

  • 17 h Final da xornada

Poden inscribirse nesta xornada persoas vinculadas ou non ao labor pastoral penal; abonda con ter interese polo tema e contactar con José Río Ramilo no correo jrmil@hotmail.com

Encontro de Pais

Nestes encontros convídase a proxectar a vida familiar dun modo intelixente nun espazo de formación e reflexión sobre a familia e as emocións.

No Colexio Divino Mestre (Lugo) comeza o 14 de xaneiro un Encontro de Pais. Poden participar todos os pais interesados, estean vinculados ou non ao colexio.

O Centro de Orientación Familiar Diocesano e o Instituto da Familia de Ourense organizan este Encontro de Pais, cuxos temas son:

I. Pais maduros, fillos felices: o reto

II. Asertividade: afrontando conflitos

III. Fillos líderes e resilientes

IV. Intelixencia espiritual: educación 3.0

V. Xestión intelixente das novas tecnoloxías

Cada sesión, un día ao mes, comeza puntualmente ás 19:30 h e conclúe ás 21 h. Tras unha breve exposición teórica, faise un taller práctico e danse propostas de instrumentos educativos prácticos.

A %d blogueros les gusta esto: