Celebración en Monforte na honra da Virxe de Montserrat

Na igrexa monfortina de San Vicente do Pino, volven a organizarse celebracións desde o 29 de outubro de 2023. Entre elas, a do Martes de Pascua. E así foi como, na honra da Virxe de Montserrat, o 2 de abril celebrouse a Misa presidida polo Vicario de Coordinación Pastoral Luis Manuel Rodríguez, que tamén bendiciu os campos. Como é tradición estiveron presentes as Camareiras da Virxe, membros da súa confraría, autoridades  provinciais e locais. Entre estas últimas, o alcalde de Monforte, José Tomé, que renovou os votos coa Patroa da cidade, comprometéndose a manter tanto a celebración do Martes de Pascua como a do día 15 de agosto na honra da Virxe de Montserrat.

Por ameaza de choiva, a procesión non puido baixar até o Campo da Virxe, percorrendo o atrio da igrexa.

Pascua Bíblica

O Movemento Bíblico de Lugo invita a vivir un encontro pascual en Chantada o sábado día 6 de abril. Ás 11 da mañá sae un autobús diante da parroquia de San Francisco Xavier, rúa Roi Xordo 6, (Lugo). O regreso será ás 6, 30 h da tarde aproximadamente.

Para información, dirixirse antes do xoves 4 de abril ao correo movimientobiblicolugo@gmail.com

Xornada pola Vida

A solemnidade da Anunciación do Señor, ao coincidir co Luns Santo, trasládase ao luns posterior ao segundo domingo de Pascua. É dicir, ao 8 de abril, día no que a Igrexa tamén celebra a Xornada pola Vida.

O lema desta ano é «A vida, boa nova» e invítasenos a ser testemuñas do Evanxeo da vida, a protexer e valorar cada vida desde a súa concepción até a súa morte natural. E de xeito especial invítase a acompañar con amor a quen está en situación de vulnerabilidade.

[Materiais]

Homenaxe ao escultor Francisco Asorey

Virxe dos Ollos Grandes, na fachada da Capela de Santa María (Lugo)

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu homenaxear ao longo do 2024 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, ao escultor cambadés Francisco Asorey. A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188  dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá.

Ademais de no Museo Provincial (“Ofrenda a San Ramón”, “San Francisco de Asís”) na Diocese de Lugo hai estoutras esculturas de Asorey, elaboradas en pedra de gran e con personaxes vinculados á Relixión:

Virxe dos Ollos Grandes, 1930, Capela Santa María (Ronda da Muralla, Lugo)

Monumento ao Padre Feijoo, 1947, Mosteiro de Samos.

Busto de Fray Rosendo Salvado, 1961. Mosteiro de Samos

Asorey morreu sen rematar esta escultura.

Monumento a Ramón María Aller, 1959, Lalín

Está nos xardíns que hai a carón da igrexa parroquial.

Colecta pro Terra Sancta

Con motivo da celebración un ano máis, da Semana de Paixón, abrazados polo don marabilloso do Deus que se fai un de tantos e ábrenos as portas do paraíso, sentimos especialmente sensibles ao que sucede en Terra Santa. Por iso oramos intensamente pola paz. Neste ano 2024 celebramos dous eventos vinculados á veneración da Santa Cruz. Trátase de senllos Anos Santos, até o día 15 de abril en Santo Toribio de Liébana e durante todo o ano en Caravaca de la Cruz (Murcia). Así mesmo, conmemoramos o oitavo centenario da estigmatización de San Francisco de Asís no monte Alvernia, en Italia. Todos eles memorandos de profunda significación espiritual que nos vinculan tamén a través da evocación da Santa Cruz a Terra Santa.

A Colecta Pontificia de Semana Santa implica un xesto de solidariedade para coas comunidades cristiás que viven en Terra Santa e desta maneira contribuímos a soster a presenza cristiá naquelas terras, así como as importantes obras sociais, culturais e o sostemento dos santuarios vinculados á historia da nosa redención.

Grazas por colaborar. Grazas por facer posible que non se borre a pegada cristiá na nosa común patria espiritual. Terra santa, Deus bendínos. Se me esquezo de ti, Xerusalén, que se me paralice a man dereita, que se me pegue a lingua ao padal se non me lembro de ti, se non poño a Xerusalén no cume das miñas alegrías.

Frei Francisco Castro Miramontes

A %d blogueros les gusta esto: